Os permisos de queimas xa se poden solicitar a través da aplicación XuntaEu

A Xunta habilita este novo acceso, a través do que as persoas usuarias da aplicación poderán xestionar as queimas a través do botón ‘Contacta coa Xunta’

Os permisos de queimas xa se poden solicitar a través da aplicación XuntaEu

As persoas usuarias da aplicación XuntaEu contarán cun novo servizo: a comunicación de queimas. Para acceder, deberán seleccionar o botón ‘Contacta coa Xunta’ e disporán, entre outras utilidades, a ligazón de permisos de queimas, así como o número de teléfono 085, ao que se debe chamar para alertar dun posible incendio forestal.

Xa dentro do espazo destinado a comunicar queimas de restos agrícolas amoreados, as persoas usuarias deberán confirmar se se trata dunha queima correspondente a restos palla ou material natural agrícola, non perigoso, utilizado en explotacións agrícolas ou gandeiras.

En días laborables tamén está dispoñible o teléfono 012 para comunicar as queimas. Tanto as comunicacións como as autorizacións para efectuar queimas de restos forestais amoreados deixarán de ter validez nos días que hai vento e altas temperaturas. Cabe puntualizar que as comunicacións e autorizacións de queimas a través da web da Consellería do Medio Rural son posibles de acordo co establecido no artigo 34 da Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Aplicación XuntaEu
Trátase dunha app que busca mellorar a relación dos cidadáns coa administración electrónica da Xunta de Galicia. A través da mesma, pódese xestionar o usuario de Chave365 (cambiar clave de acceso, renovala, modificar o teléfono móbil ou darse de baixa), consultar expedientes e presentacións igual que na sede electrónica, consultar as notificacións electrónicas, outorgar apoderamentos etc.

Outras funcionalidades son: comprobar a validez dos documentos asinados electronicamente (CVE) ou consultar os certificados ou tarxetas para telos sempre a man. Tamén axuda a manter os datos actualizados e seguros, así como avisar de novidades ou citas previas. Para acceder a esta app, que está dispoñible para móbiles Android e iOS, é necesario dispoñer de Chave365 ou DNIe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información