No Día Internacional contra o Cambio Climático, o PEFC Galicia, Asociación Galega Promotora da Certificación Forestal, presentou hoxe luns, 24 de outubro ás 12 horas o seu proxecto “PEFC no Camiño Francés” no Enredo do Abelleiro- Portodemouros (Arzúa), iniciativa que forma parte do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia.
O acto de presentación, da man de D. Enrique Valero, Presidente do PEFC Galicia, contou coa presenza de D. Ildefonso De La Campa, Director de Xestión do Xacobeo e con autoridades municipais da ruta do Camiño Francés.
A iniciativa que se presenta, pretende dar continuidade ao proxecto desenvolvido o pasado ano na ruta do Camiño de Fisterra e, segundo PEFC Galicia “temos a firme intención de abordar o resto das rutas a Santiago na nosa Comunidade ao longo dos vindeiros anos”.
Neste sentido, desde a asociación destacan que “PEFC no Camiño Francés, achega aos peregrinos que nos visitan e á sociedade galega no seu conxunto, a importancia dos montes a escala local e global. Camiño e Monte son dous conceptos intimamente ligados no noso territorio ao longo dos séculos, xeradores dunha cultura, tradicións e natureza propias e singulares”. “O Camiño -engaden- é o fío condutor que dá a coñecer aspectos da paisaxe rural galega, a tipoloxía de propiedade, usos e traballos no monte, a importancia dos bosques no medio natural e das árbores nas cidades, lendas, toponimias, a ligazón coa arquitectura e a natureza, etc”.
Poderase acceder á información en galego, castelán e inglés mediante un código QR
O acceso á información, en galego, español e inglés, atópase no código QR das postais e displays facilitadas aos albergues e outros puntos de información, ou a través do enlace https://pefcgalicia.org/camino-frances/
PEFC Galicia é unha asociación sen ánimo de lucro que, desde o ano 2003, promove a xestión sostible nos montes galegos, garantindo que se xestionen e aproveiten de acordo con esixentes requisitos ambientais, sociais, económicos e éticos. Forma parte de PEFC Internacional, que é o sistema de certificación forestal máis implantado no mundo asegurando que a multitude de funcións dos bosques estean protexidas para xeracións presentes e futuras.
Galicia conta con máis de 400.000 hectáreas de monte con certificado de xestión forestal sostible PEFC e 44.000 propietarios dos 53.000 certificados en España son galegos. Galicia é líder nacional en empresas coa cadea de custodia certificada PEFC, 453 empresas das máis de 1.671 certificadas en España que garanten a trazabilidade da orixe dos seus produtos.
PEFC distingue co seu selo todos os produtos (madeira, resina, castañas, mel, cogomelos, biomasa, téxtil,…) procedentes de montes certificados, garantindo a sostibilidade da súa xestión e aproveitamento, así como a súa rastrexabilidade a través de toda a cadea forestal ata o consumidor final.