“Os pequenos viticultores somos auténticos sufridores do viñedo, pero non nos rendemos”

A adega Fausto Rivero, de Oímbra, foi a última en incorporarse á DO de Monterrei. Tras varias xeracións de viticultores, Fausto deu o paso para crear a súa adega e embotellar o seu viño. Os primeiros tempos están a ser complicados, falamos con el para coñecer como afronta as dificultades

Publicidade
“Os pequenos viticultores somos auténticos sufridores do viñedo, pero non nos rendemos”

Fausto Rivero, nun dos viñedos da súa propiedade.

“Os pequenos viticultores somos auténticos sufridores do viñedo, cada día atopamos máis trabas que fan que adicarse a isto sexa unha actividade heroica aínda que non esteamos na Ribeira Sacra. Pero, pese ós atrancos non nos rendemos, cómpre ser optimistas”, así de rotundo é Fausto Rivero con respecto á situación que atravesa desde que hai un par de anos decidira construír unha adega , Quinta Soutullo, en Oímbra (Ourense). A súa foi a última en incorporarse á Denominación de Orixe Monterrei.

Fausto procede dunha familia cunha fonda tradición vitivinícola en esta zona. Xa seu bisavó se adicaba ó mundo do viño e tanto seu avó, como seu pai, continuaron co cultivo da vide, cunha produción que elaboraban nunha pequena adega sita no baixo da casa familiar, asentada no casco antigo desta vila ourensá.

Aínda que durante anos Fausto mantivo certa distancia cos viñedos, pouco a pouco foi apreciando as satisfaccións da viticultura e preocupándose, cada vez máis, pola vide e por ofrecer unha continuidade ó legado familiar. “Por motivos laborais marcheime para Madrid e foi alí cando comecei a botar de menos o viñedo e a interesarme porque se mantivera, así como a implicarme cada vez máis”, apunta Fausto.

Bodega-Soutullo-

Vista da adega Fausto Rivero, situada en Oímbra.

Construír a adega, superar atrancos

A idea de construír a adega xurdiu a modo de recoñecemento a esas colleitas anónimas que durante anos realizaron na súa familia, ó comercializar o viño a granel. Foi tamén por unha cuestión de propia supervivencia posto que a adega familiar na que se procesaba o viño estaba obsoleta para elaborar viños de calidade. Decidiuse por edificar unha adega con forma de nave, cunha fachada personalizada, na que contar co espazo suficiente para a produción actual e poder seguir medrando.

No 2017 botou a andar este proxecto e a súa produción sitúase agora nos 40.000 quilos de uva, aínda que conta con capacidade para chegar a procesar entre 300.000 e 400.000 quilos. “A miña intención é situarme nunha produción entre os 40.000 e os 100.000 quilos nos próximos anos. Somos conscientes de que non podemos competir coas grandes firmas en canto a produción, por iso queremos situarnos nunha produción media e diferenciarnos ofrecendo maior calidade”, apunta o adegueiro.

“Estiven a piques de tirar a toalla polos atrancos que ían xurdindo conforme ía avanzando a tramitación do proxecto”

Valora que o sector atravesa un momento de puxanza onde cada vez hai máis demanda de viñedos e adegas. “Só nos primeiros meses xa me preguntaron en varias ocasións se vendería a adega. Iso é unha mostra do interese que  hai por facerse con viñedos na DO Monterrei”, comenta Fausto. Porén, nestes dous anos de andaina, foron moitos os atrancos que atopou para poñer en marcha o proxecto.

Un dos obstáculos que máis acusa nas primeiras estapas foi a demora dos trámites burocráticos.“Cheguei a agardar máis de 12 meses por un informe, ó ser o proxecto unha licenza autonómica e intervir as tres administracións (local, provincial e autonómica). Ás veces non queda claro ata onde chegan as competencias de cada unha delas, solapándose entre si, e isto provoca que teñas que contratar expertos para estas tramitacións tan complexas. Non pido que a administración axude cando decides afrontar un proxecto así pero, alomenos, que non sexan todo trabas”, indica.

No proceso de tramitación do proxecto, Fausto tamén recoñece que comprobou como “o portelo único é aínda unha utopía na administración galega”, comenta. Recoñece que a pasividade que atopou nestes anos de trámites mesmo lle fixeron dubidar de seguir adiante. “Estiven a piques de tirar a toalla polos atrancos que ían xurdindo conforme ía avanzando a tramitación do proxecto”, recorda.

Fausto ten claro, agora que a adega botou a andar, que o máis importante á hora de afrontar un proxecto destas características é ter moita paciencia. “Ó mellor fanche retrasar o proxecto pero, o importante é non dobregarse e resistir”, anima o produtor.

Quinta-Soutullo-Vide-Adega-Fausto-Rivero-

Foron dos primeiros en afrontar unha reestruturación dos viñedos que lles permitira mecanizar os labores.

Reestruturación do viñedo

Aínda que Fausto se decidiu agora por abrir a adega, hai xa máis de 20 anos que comezou a implicarse dun xeito máis activo no viñedo, cando afrontaron a reestruturación das parcelas, adecuándose á normativa. No ano 1995 decidiron modificar os seus viñedos para contar con documentación, ó mesmo tempo que optaron por plantar variedades autóctonas e nun marco de plantación que lles permitise mecanizar os labores no viñedo.

Hai 24 anos que empezaron a adaptar o seu viñedo para poder acceder co tractor e plantaron variedades autóctonas

Deste xeito pasaron de antigos viñedos en vaso, cun marco de plantación de 1,5 x 1,8 metros, que os obrigaba a traballar a terra con animais; a contar cunha condución de cordón dobre con marco de plantación 1,20 x 2,5 metros que lles permitiu acceder co tractor para tarefas como o sulfatado e o laboreo da vide. Daquelas arrancaron unhas 1.200 vides. “Fomos dos primeiros en afrontar eses cambios nas viñas nesta zona”, apunta Fausto.

Porén, labores como a vendima continúan a facela de xeito manual polo que adoitan contratar arredor de media ducia de traballadores, así como para a poda. Aínda que, o resto do ano non contan con traballadores fixos. “Cada vez é máis difícil atopar xente que queira traballar na campaña. Nos últimos anos contamos con traballadores de Rumanía que, pese a que non coñecían o traballo da viña e non realizaran a vendima antes, enseguida entenderon como se debía facer e fixeron un moi bo traballo”, comenta.

poda-Quinta-Soutullo-Adega-Fausto-Rivero-

Traballos de poda nos viñedos.

Na actualidade contan cunhas 6 hectáreas de viñedo repartidas en varias fincas sitas en Oímbra. Destacan dúas parcelas de maior tamaño, unha delas asentada na ladeira do monte Soutullo, cunha superficie de 2,5 hectáreas, chamada Tocos, e outra contigua, de 1,2 hectáreas, chamada Lavandeira, a escasa distancia da fronteira con Portugal. Estas fincas, de onde toman o nome os seus viños, comercializados baixo a marca Quinta Soutullo, son viñas con rendementos baixos pero con calidades superiores ó resto.

A estes viñedos sumáronse outros 4.500 metros cadrados que plantaron esta tempada. Nos próximos anos agarda continuar a incrementar a superficie de viñas e chegar a dispoñer de 10 hectáreas de viñedo.

Contan cunhas 6 hectáreas de viñedo, algunhas delas próximas á fronteira con Portugal

A súa produción atópase dividida, case a partes iguais, entre os tintos e os brancos. No referido ás variedades, nos tintos predomina o Mencía, xunto con Arauxa, Bastardo e Sousón, estas dúas últimas cunha presenza moi reducida pero polas que quere seguir apostando. Nos brancos, a maior parte das cepas son de Godello, xunto con Treixadura, Albariño e Dona Branca, con apenas uns 1.500 metros cadrados desta última.

“A Dona Branca é unha variedade moi boa pero problemática coas chuvias. Aínda así, nós queremos conservala polo aporte que lle dá ó noso viño”, sinala Fausto. O viticultor tamén recoñece as vantaxes que lle está a ofrecer o Albariño ó adaptarse mellor en determinados terreos. “Estamos probando con esta variedade en vetas do terreo onde con outras tivemos problemas e estanos a resultar moi ben. Hai que estudar en cada terreo as viñas que mellor se axeitan”, apunta.

Un dos viñedos cos que elaboran os viños Quinta Soutullo.

Un dos viñedos cos que elaboran os viños Quinta Soutullo.

Fausto traballa por unha produción adaptada ó terreo por iso procura variedades que se aclimaten mellor ás características das parcelas. “Preferimos non interferir demasiado aportando minerais ou labrando a terra acotío, buscamos unha viticultura máis respectuosa co medio”, aclara.

Dificultades para entrar no mercado

Nestes momentos, na adega están a comercializar baixo a marca ‘Quinta Soutullo’ viños varietais tinto e branco ademais dun monovarietal de Godello do que elaboraron arredor dunhas 4.000 botellas. Fausto baralla ampliar a súa oferta e comezar a elaborar un crianza envellecido en barricas de madeira de carballo, unha aposta que agarda levar a cabo xa nesta próxima colleita.

As dificultades para comercializar o viño obrigárono a ter que vender parte da produción a granel a outras adegas da DO

O adegueiro recoñece que esta decisión de diversificar e ampliar a produción está condicionada pola comercialización dos seus viños xa que, nestes primeiros anos, está a resultar unha tarefa ardua. Precisamente, nese esforzo por comercializar os seus viños, Fausto valora que pertencer á DO Monterrei estalle a facilitar o labor xa que esa distinción ofrécelle ó consumidor a garantía de calidade da denominación de orixe.

“É moi complicado entrar no mercado. Resulta difícil que os distribuidores se interesen por comercializar viños de marcas que acaban de saír fronte a outras que xa son coñecidas e teñen unha traxectoria detrás co que, ás veces, tes que facelo ti directamente”, concreta.

As dificultades para comercializar o seu viño obrigárono a ter que vender unha parte da produción a granel a outras adegas da propia DO Monterrei. Con todo, polo do momento, xa conseguiu abrirse mercado en distintos puntos de Galicia e os seus viños comercialízanse en cidades como Lugo, A Coruña, Ferrol, Ourense, así como na zona centro de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información