“Os peores lumes son os que teñen carga de combustible e continuidade do mato baixo arborado”

Investigadores do Centro de Investigación Forestal de Lourizán e da Escola Politécnica de Lugo desenvolven unha 'Foto-guía de combustibles forestais de Galicia'. O manual diríxese a técnicos, brigadas de extinción, xestores, propietarios do monte e persoal académico

Publicidade
“Os peores lumes son os que teñen carga de combustible e continuidade do mato baixo arborado”

Eucaliptal con abundancia de toxo. / Imaxes: Stéfano Arellano.

Un equipo de investigadores do Centro de Investigación Forestal de Lourizán e da Escola Politécnica de Lugo veñen de desenvolver unha ‘Foto-guía de combustibles forestais de Galicia’. O manual identifica un total de 150 situacións posibles de combustible nos montes galegos, con indicación de como se comporta o lume en cada hábitat.

A foto-guía é o resultado dunha investigación iniciada no 2009 e preséntase como unha ferramenta imprescindible para avaliar o risco dos incendios, tendo en conta as condicións do combustible e aspectos meteorolóxicos e orográficos.

Un dos coautores do traballo, Stéfano Arellano, salienta o carácter práctico da guía, que pode servir de axuda a propietarios, técnicos e persoal de extinción: “Esta é a primeira foto-guía de combustibles que se fai en Galicia, e a diferenza doutras guías que existen a nivel internacional, non só ofrecemos información sobre os diferentes combustibles que hai no monte galego senón que ligamos as distintas situacións de combustibles co comportamento do lume”, destaca.

Stéfano Arellano.

Stéfano Arellano.

Fichas
A foto-guía artéllase nun total de 150 fichas que presentan imaxes xerais das distintas situacións de combustible que hai no monte. Esas imaxes van acompañadas de información detallada das características estruturais do mato (altura, carga de vexetación, restos leñosos, etc.), da masa arbórea (densidade, diámetro, altura de inicio de copa, altura total, etc.) e do comportamento do lume, con datos como a velocidade de propagación, a altura das chamas ou o tipo de incendio (lume de superficie ou de copas).

Son todos eles elementos importantes tanto de cara a traballos de prevención como de extinción. O manual mesmo precisa o mellor xeito de atacar cada lume e os medios que son necesarios.

Os autores da publicación identifican en Galicia catro grandes grupos de combustibles, cada un deles dividido a súa vez en subgrupos: herbazais (pastizais, superficies de fieito, etc.), mato (toxeiras, queirugais, xesteiras, etc.), arborado de folla perenne (piñeirais, eucaliptais) e arborado de folla caduca (carballeiras, biduerais, etc.). 

Para cada subgrupo, defínense as especies dominantes e dentro delas, presentanse as diferentes situacións en función da maior ou menor carga de combustible.

Riscos
Cal é o peor situación de combustible que se pode atopar en Galicia? “Os peores lumes son os que teñen maior carga e continuidade de mato baixo arborado” -valora Stéfano Arellano.- “Un dos factores a ter en consideración é a distancia do mato ás copas. Canto máis alto sexa o mato e mais baixa a altura de inicio de copa, a situación vai ser máis complicada”. Se a masa arborada é densa, cun alto contacto entre copas, o problema multiplícase.

Piñeiral con queirugas altas, unha situación de combustible complicada.

Piñeiral con queirugas altas, unha situación de combustible complicada.

Pola contra, traballos selvícolas como desbroces periódicos e podas contribúen a reducir o combustible no monte e a incrementar a distancia entre o mato e as copas, co que se minimiza o risco dun lume de copas. A execución de rareos de pés para reducir a densidade da vexetación é outro factor preventivo a ter en conta.

Modelos de predicción do comportamento do lume
Para a elaboración das prediccións sobre o comportamento do lume, os investigadores utilizaron modelos empíricos de simulación desenvoltos polo Centro de Investigación Forestal de Lourizán a partir de incendios e de queimas controladas, así como outros modelos usados a nivel internacional. 

“En Galicia o risco aumenta cando sopra o vento do Nordés, xa que reseca moito a vexetación”

As prediccions elaboráronse tendo en conta diferentes escenarios de velocidade do vento, humidade do combustible e pendente do terreo. “Canto maior sexa o vento e menor a humidade do combustible, o risco é maior. En Galicia, este risco increméntase cando sopra o vento do Nordés, xa que é un vento que reseca moito a vexetación. A pendente é outro factor que favorece os lumes. A maior pendente, maior velocidade de propagación”.

Focos secundarios
A combinación dos datos do combustible co escenario meteorolóxico permite afinar as prediccións do comportamento do lume. Detállase, por exemplo, en que circunstancias poden aparecer os temidos focos de lume secundarios, xerados a partir de faíscas (follas ou casca) arrastradas polo vento.

“En lumes de eucaliptais, os focos secundarios causados por faíscas poden aparecer ata a 2 quilómetros da fronte do incendio”

“En lumes de eucaliptais, os focos secundarios poden aparecer en ocasións ata a dous quilómetros da fronte do lume. É unha cuestión moi a ter en conta polas brigadas de extinción, a fin de valorar esa posible situación. Ás veces, cando aparece un foco secundario pénsase que é intencionado, pero con frecuencia trátase dun foco creado polo propio incendio”, describe Stéfano Arellano.

Asinan tamén a guía os investigadores do Centro de Investigación Forestal de Lourizán Jose A. Vega, Antonio Arellano,Daniel J. Vega e Elena Pérez; e os da Escola Politécnica de Lugo Ana D. Ruiz e Juan Gabriel Álvarez.

Obradoiro en Lourizán.

Obradoiro en Lourizán.

Obradoiro en Lourizán
O traballo presentouse a pasada semana nun obradoiro de xestión preventiva de combustibles forestais organizado polo Centro de Investigación Forestal de Lourizán para persoal dos Distritos Forestais de Galicia. Os asistentes xa recibiron os primeiros exemplares da foto-guía, que se publicará e distribuirá de xeito máis amplo nas próximas semanas. Os autores prevén que tamén estea dispoñible en internet.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información