A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Os participantes españois no AgroTour 2026 destacan o traballo xenético e a eficiencia do dobre aproveitamento coas vacas fleckvieh austríacas

Membros de cinco ganderías de diferentes rexións de España comprobaron recentemente o traballo e manexo que se fai coas vacas fleckvieh na rexión da Baixa Austria. Unha experiencia da que destacan os avances en xenética, o aproveitamento lácteo e cárnico nas explotacións e o intenso compromiso da sociedade e da xuventude austríacas co sector gandeiro bovino

VISITA AGROTOUR

Gandería Sánchez Jarazo SL (Oza-Cesuras),  Herrada del Mirón (El Pozuelo, Albacete), Bizkaigane Elkartea (Errigoiti (Bizkaia), Ametsleku (Karrantza, Biscaia) e SAT La Sarnilla (Villacarriedo, Cantabria) foron as ganderías que participaron por parte de España no AgroTour 2026 que organizou a empresa geneticAUSTRIA. A actividade contou coa colaboración de Ganados Barreira Bascuas, de Lugo.

Os gandeiros coñeceron de primeira man diferentes modelos de explotación con vacas da raza fleckvieh, visitaron os centros de investigación onde se desenvolve boa parte do traballo xenético coa raza, puideron ver os mellores touros desa caste bovina e mesmo asistiron á poxa e concurso de animais de altísima xenética. Falamos con eles para coñecer as súas impresións.

“Gustounos o trato e a consideración que recibe o gandeiro. Non é visto como un escravo do traballo ou alguén que só vive para os cartos. Hai verdadeiro respecto polo seu labor. Neso seguro que ten algo que ver a alta profesionalización dos gandeiros, as súas organizacións e as empresas dos sector”, sinalou Jesús Peñarrubia, de Herrada del Mirón.

Peñarrubia destacou a capacidade de anticipación do vacún austríaco. “Sempre pensan no seguinte paso, anticipan os problemas antes de que cheguen. Tanto en xenética como en manexo dos animais, xestión do persoal e eficiencia económica”. Aínda que as granxas visitadas son moi diferentes da súa, este mozo de Albacete descubriu os potros para o tratamento de pezuñas e o esparexedor de palla para camas como elementos que poderá usar no futuro.

Os gandeiros gozan dunha consideración social e un respecto acordes ao seu traballo. Oxalá fora así en España (Jesús Peñarrubia, Herrada del Mirón)

O contacto con outros criadores de fleckvieh é algo que Jesús agradece. “Cando comezamos recibimos numerosas críticas de supostos especialistas en gandería. Decían que a raza nunca se ía adaptar ao noso territorio e que estabamos perdendo tempo e cartos. A maiores dos resultados que xa obtemos agora, comprobamos que hai moita outra xente que fixo a mesma aposta e está a funcionar. Eso sempre da máis ánimos para seguir”.

Markel Enzunza, José M. Sánchez, Jesús Peñarrubia, María Picazo e Pilar Jarazo na exhibición de touros de Genostar Rinderbesamung GmbH – Estación Kagerlsberg

Markel Enzunza, José M. Sánchez, Jesús Peñarrubia, María Picazo e Pilar Jarazo na exhibición de touros de Genostar Rinderbesamung GmbH – Estación Kagerlsberg

Sandra Aras, Ernesto Zulueta e o seu fillo Egoitz, de Ametsleku, levan anos asistindo ao AgroTour. Para eles esta edición foi especial pola posibilidade de contemplar os touros do Genostar Rinderbesamung GmbH – Estación Kagerlsberg, un dos centros de inseminación artificial accionistas de geneticAUSTRIA.

“Tiña visto touros nunha visita anterior, pero os que vimos nesta edición son impresionantes. Tanto pola súa morfoloxía como polos índices xenéticos que presentan. Son animais con certas diferencias entre si e non sabes con cal quedarte a simple vista. Todos impresionan aínda que esteas familiarizado coa raza fkeckvieh”, explica o xoven Egoitz.

Xa viñeramos outras veces pero esta visita convenceunos para dar o paso á cría de xatos fleckvieh para carne (Ernesto Zulueta, Ametsleku)

A raíz desta visita, a familia -que ata o de agora só produce leite- decidiu dar o paso a o dobre aproveitamento total das fleckvieh. “Vemos que a demanda de carne segue medrando e que os prezos son razoablemente bos. E non semella que eso vaia cambiar. Aínda que supoña un investimento inicial, cremos que os xatos fleckvieh darán unha resposta cárnica eficaz en pouco tempo. O que vimos aquí acabounos de decidir.”, indica Ernesto.

“A carne das fleckvieh ten unha excelente infiltración graxa. Igual que sucede na Baixa Austria, na nosa zona medra o interese por unha carne de vacún de proximidade e de calidade. Cremos que se dan as condicións para dar o paso e, ademais, contamos coa ferramenta xenética que nos aporta geneticAUSTRIA para que saia o mellor posible” continúa Sandra.

Os donos de Ametsleku explican que a lonxevidade das vacas fleckvieh -independentemente do sistema en que se empreguen- vailles permitir ter un número elevado de partos por animal, de xeito que poderán alternar o uso de seme sexado tanto para obter femias leiteiras como para obter machos cárnicos.

Para José Manuel e Pilar, da Gandería Sánchez Jarazo, este foi o seu primeiro AgroTour e xa pensan en repetir. “Foron días de moita actividade. Aprendemos moito e observamos cousas novas que nos van ser de grande utilidade. A axenda foi moi completa e as explicacións moi accesibles. Sen dúbida, unha experiencia moi positiva”.

Egoitz Zulueta, de Ametsleku, destacou o manexo nas granxas fleckvieh de dobre propósito

Egoitz Zulueta, de Ametsleku, destacou o manexo nas granxas fleckvieh de dobre propósito

Algo que chamou especialmente a atención do matrimonio foi a Exhibición Nacional Fleckvieh BFVS´26. “A subasta e o concurso foron espectaculares. Tanto pola calidade e a presentación dos animais como pola posta en escena por parte da organización. Conseguiron que non despegaramos a mirada da pista en ningún momento”

AgroTour resultounos de moito proveito tanto na parte teórica coma na práctica. Hai aspectos que xa imos aplicar na nosa granxa (Pilar Jarazo, Gandería Sánchez Jarazo)

Tamén os touros impactaron os gandeiros galegos. “Tiñamos visto touros en Galicia. Incluso de alta xenética. Pero o destes exemplares fleckvieh deixounos abraiados. Máis alá da información xenealóxica e dos rendementos, a súa soa visión xa é algo impresionante”.

José e Pilar admiran a profesionalización das explotacións que visitaron. “A orde e a limpeza son absolutas. Nótase que están namorados do seu traballo e que o exercen con paixón. Para eles non é só un medio de de vida senón unha forma de vivir. Percíbese xa na cantidade de rapaces que andan polas granxas”.

Tamén Sánchez Jarazo tomou unha decisión a raíz do AgroTour. “Levabamos tempo dándolle voltas a instalar un robot para muxir na nosa granxa. Os sistemas que vimos aquí axudáronos a tomar a decisión definitiva. Eso e a perfecta preparación dos establos é algo que pensamos aplicar dende xa”.

De esquerda a dereita, María Picazo, José M. Sánchez, Jesús Peñarrubia e Pilar Jarazo na granxa da familia Wippl (Wieselburg)

De esquerda a dereita, María Picazo, José M. Sánchez, Jesús Peñarrubia e Pilar Jarazo na granxa da familia Wippl (Wieselburg)

A diversidade de actividades e de información achegada é o que máis valora Markel Enzunza, de Bizkaigane Elkartea desta edición do AgroTour. “Vimos explotacións moi diferentes entre si, aprendemos como se traballa no campo da xenética, comprobamos a diferencia entre as subastas e concursos de Austria e de España e mesmo recibimos formación teórica interesante. E ata participamos en festas”.

Poder intercambiar coñecementos e experiencias con outros criadores de fleckvieh de países europeos e americanos é outro aspecto que Markel valora moi positivamente. “Falei con persoas de todos os países e ratifiquei o que xa sabía: que as fleckvieh se adaptan a calquera clima e terreo e que o dobre aproveitamento permite non depender só da carne ou do leite senón optimizar e facer rendibles ambas producións”.

Esta visita serviume sobre todo para coñecer as enormes posibilidades de traballo xenético e xenómico que ofrece a raza fleckvieh (Markel Enzunza, Bizkaigane Elkartea)

O único que o gandeiro vasco atopa discordante é a escaseza de pastoreo nas zonas visitadas. “Creo que esta área reúne os requisitos para que as vacas poidan saír pastar nalgunhas épocas do ano. O clima e a terra axudan. Agora ben, se non o fan será porque lles resulta máis rendible a todos os niveis non pastorear. Cada explotación sabe o que ten que facer”.

“Nós estabamos a traballar un pouco por inercia. Agora vin que hai unhas inmensas posibilidades en traballo xenético para optimizar a nosa cabana. E que están ao noso alcance con certa facilidade. Sen dúbida a visión dos touros e as explicacións sobre o traballo de geneticAUSTRIA abríronme os ollos a un novo enfoque da nosa explotación”.

Javier Fernández, de SAT La Sarnilla, analizou en detalle os sistemas de muxido mediante robot

Javier Fernández, de SAT La Sarnilla, analizou en detalle os sistemas de muxido mediante robot

Para Javier Fernández, de La Sarnilla, o que máis destaca é a paixón do sector gandeiro austríaco e a súa participación masiva nos eventos. “Teño estado no concurso europeo de Holstein e non vin nin a cantidade de xente nin a intensidade que vin nesta Exhibición Nacional Fleckvieh BFVS´26. As familias madrugan para deixar o traballo feito e poder vir aquí desfrutar. E tamén se ve xente allea ao sector, o que indica o compromiso da sociedade cos gandeiros. Algo envexable”.

Chama a atención a intensidade e paixón coa que se vive a gandería nesta zona, especialmente por parte da xente nova (Javier Fernández, SAT La Sarnilla)

E é que nas dúas xornadas da exhibición chegou a haber máis de 5.000 persoas no recinto da pequena localidade de Bergland. “E sobre todo hai moita xente xoven. Non só nos eventos senón tamén nas explotacións que visitamos. Dende cativos aprenden o importante que é a gandería e a necesidade de ser cada vez máis profesionais”.

Outro aspecto que chamou a atención de Fernández foi o aumento da produción de leite. “Cando eu empecei coas fleckvieh tiñan medias de 7.000 litros por lactación. Agora xa hai moreas de vacas que pasan de 12.000 litros e con altos niveis de sólidos. Eso, está claro, débese a melloras xenéticas e unha rigorosa selección de cruzamentos”.

Antonio Barreira, de Ganados Barreira Bascuas, conversa con Markel Enzunza nunha visita ás granxas de fleckvieh

Antonio Barreira, de Ganados Barreira Bascuas, conversa con Markel Enzunza nunha visita ás granxas de fleckvieh

O responsable de La Sarnilla anima a outros gandeiros de España a que participen neste evento ou visiten a zona. “Hai quen non cre no dobre aproveitamento das fleckvieh. Aquí poden comprobar o nivel de vida que teñen os gandeiros, as contas que fan a fin de mes e os métodos de traballo cada vez máis mecanizados e dixitalizados. E, por riba, tendo a posibilidade de acceder en España ao asesoramento de geneticAUSTRIA”.

No que coinciden en destacar todos os participantes é na case infinita versatilidade das vacas fleckvieh. Dende explotacións cárnicas extensivas a máis de 2.500 metros de altitude no Perú ata sistemas de muxido con robot en estabulacións galegas, dobres aproveitamentos por toda Europa ou modelos mixtos en Norteamérica. En calquera clima e terreo, a raza é capaz de ofrecer altos rendementos e, sobre todo, rendibilidade.

A familia Zulueta Aras xa é veterana na participación en AgroTour

A familia Zulueta Aras xa é veterana na participación en AgroTour

Dado que en España a fleckvieh aínda é unha raza en proceso de crecemento, hai que recurrir a geneticAUSTRIA para todo o relativo a xenética e xenómica. Os participantes no AgroTour destacan que eso non supón ningún problema xa que, precisamente, o servizo de seguimento e acompañamento da empresa garante unha atención rápida e eficiente que en territorio español facilita Ganados Barreira Bascuas.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *