Os parados poderán realizar traballos agrarios sen perder a súa prestación por desemprego mentres dure o coronavirus

O Goberno flexibiliza a contratación de man de obra temporeira para salvar as campañas de recolección de froita de óso, fresa e froitos vermellos, afectadas pola falta de inmigrantes. En Galicia poderían beneficiarse algunhas explotacións de horta ou ganderías para a campaña do ensilado da herba

Publicidade
Explotación de horta. / Arquivo.

Explotación de horta. / Arquivo.

O BOE publica hoxe o Real Decreto-Ley aprobado no día de onte polo Consello de Ministros polo que entran en vigor as medidas urxentes de carácter temporal en materia de emprego agrario, que permitirán garantir a dispoñibilidade de man de obra para facer fronte ás necesidades de agricultores e gandeiros. O seu obxectivo é asegurar a recolección nas explotacións agrarias, o fluxo produtivo para os elos posteriores da cadea e o abastecemento da poboación, ante a diminución acusada da oferta de man de obra que habitualmente se ocupa dos labores agrarios como temporeira no campo español, por limitacións sanitarias ás viaxes desde os seus países de orixe como consecuencia do Covid-19.

Unha situación que se ve agravada pola súa coincidencia temporal con varias das campañas de maior actividade e importancia, como a froita de óso, os cultivos de verán ou a fresa, que non son susceptibles de mecanizarse e, polo tanto, corren o risco de perdérense. Estas medidas favorecen a contratación temporal de traballadores no sector agrario mediante o establecemento de medidas extraordinarias de flexibilización do emprego, de carácter social e laboral, necesarias para asegurar o mantemento da actividade agraria, durante a vixencia do estado de alarma.

As medidas urxentes permiten a compatibilización da prestación por desemprego ou demais prestacións de carácter social ou laboral, co desempeño de tarefas agrarias, de modo que se logre suficiente man de obra na actual conxuntura por parte da poboación próxima aos lugares de cultivo e o aumento da renda dispoñible nun momento de especial vulnerabilidade, sen minguar a protección social e a saúde pública.

Exclúese aos traballadores afectados por ERTES causados polo coronavirus

Poderán, polo tanto, ser beneficiarios das medidas de flexibilización temporal as persoas que se atopan en situación de desemprego ou cesamento de actividade e aqueles traballadores cuxos contratos se viron temporalmente suspendidos, como consecuencia do peche temporal da actividade, excepto os traballadores afectados polos ERTES con causa do Covid-19. As retribucións percibidas pola actividade laboral que se desempeñe, ao amparo das medidas extraordinarias de flexibilización do emprego, serán compatibles con distintas prestacións por desemprego.

Poderá contratarse a inmigrantes irregulares que teñan entre 18 e 21 anos

Tamén poderán acceder a estes traballos aquelas persoas migrantes cuxo permiso de traballo conclúa no período comprendido entre a declaración do estado de alarma e o 30 de xuño de 2020, cuxa prórroga se determinará a través de instrucións da Secretaría de Estado de Migracións. Igualmente poderán acollerse os mozos inmigrantes de terceiros países, que se atopen en situación regular, que teñan entre 18 e 21 anos.

Tramitación

Para acceder a este tipo de contratos, a norma establece que poderán beneficiarse das medidas de flexibilización as persoas cuxos domicilios se apopen próximos aos lugares nos que realizar o traballo. Contémplase como requisito para o empresario a necesidade de asegurar, en todo momento, a dispoñibilidade de medios de prevención apropiados fronte ao coronavirus.

Tamén se estipula que, para a tramitación destes contratos, as ofertas de emprego que sexa necesario cubrir en cada localidade serán comunicadas polas empresas e empregadores aos servizos públicos de emprego autonómicos competentes, que as xestionarán coas persoas beneficiarias para darlles cobertura de maneira urxente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información