A produción avícola intensiva require dun gran consumo enerxético. A iluminación e ventilación das instalacións, para que os polos estean sempre entre os 35 e os 20 °C (a temperatura varía en función dos día de vida dos animais), conleva un consumo de luz elevado, que se converte nun dos principais gastos xunto coa alimentación.
Todo o que sexa reducir o gasto enerxético supón mellorar a rendibilidade da explotación, sobre todo en sistemas de integración onde o titular da granxa ten que poñer as instalacións e a man de obra, mentres que a empresa integradora aporta os animais e o alimento.
Granjas Dical SL engorda uns 500.000 polos ao ano nas súas 4 naves, 2 situadas na parroquia de San Vicente de Argonzón e as outras dúas na de Muradelle e no ano 2021, coincidindo coa escalada de prezos da electricidade, decidiron instalar paneis solares, co que lograron gañar en autosuficiencia e reducir considerablemente a factura da luz.
Nun día a instalación estaba rematada; o funcionamento da granxa non se viu en nada afectado
Aquela decisión permitiulles tamén sortear os problemas posteriores desencadeados trala guerra de Ucraína no ano 2022, cando o prezo do megawatio hora pulverizou todos os rexistros até chegar aos 700€/Mwh no mes de marzo.
Un gasto estable e controlado
As escasas marxes en quilo de carne coas que traballan a día de hoxe as explotacións avícolas obríganas a ser o máis eficientes posible, non só na alimentación dos animais senón tamén no funcionamento das instalacións.
A estabilidade nos custos enerxéticos, por exemplo, é un factor clave na rendibilidade das granxas, sen que esta dependa de factores como os altibaixos no prezo da luz. Coa instalación dos paneis solares, ademais de reducir a súa factura da luz, Granjas Dical logrou que o seu gasto enerxético sexa estable e previsible, de arredor duns 400 euros ao mes, tres veces menos ca fai 4 anos.
Grazas á instalación dos paneis fotovoltaicos puideron sortear os prezos desorbitados da enerxía a consecuencia da guerra de Ucraína
“Hai meses nos que case pagamos o termo de potencia unicamente porque nos chega o que xera a instalación solar para cubrir o 100% do consumo das granxas”, explica Jesús Diéguez socio desta empresa familiar na que están tamén a súa muller Mari Carmen e o seu fillo Pablo.
A suma do gasto anual en electricidade reflicte ben ás claras o punto de inflexión que supuxo a instalación dos paneis fotovoltaicos e a estabilidade lograda na actualidade: 12.500 euros no ano 2019, 14.000 no 2020, 9.250 no 2021, 20.000 no 2022, 4.300 no 2023 e uns 5.000 euros neste ano 2024.
Confianza en Ecogal
“O custo total do investimento realizado foi de 38.000 euros e de aí nós puxemos menos de 20.000, porque obtivemos unha subvención do Inega do 50%, polo que eu considero que co aforro logrado nestes últimos tres anos xa está practicamente amortizado o desembolso feito”, asegura Suso.
Investimos un total de 20.000€ e a día de hoxe a instalación xa está amortizada co aforro logrado nos últimos tres anos
De todos os trámites necesarios, así como de realizar a instalación encargouse a empresa Ecogal, especializada en enerxías renovables en explotacións agrogandeiras, naves industriais, negocios de todo tipo e vivendas particulares.
A instalación dos paneis nos teitos das naves levouse a cabo en xuño do ano 2021 e a montaxe realizouse nunha única xornada, sen interferir no funcionamento da granxa. “Para nós isto era importante, xa que as nosas naves nunha están todas baleiras a un tempo”, explica Suso.
A potencia instalada total entre as catro naves é de 43 Kwh
A potencia total instalada é de 27,99 kwh en Muradelle e 14,99 Kwh en Argonzón e os excedentes son verquidos á rede mediante un contrato de compravenda de enerxía coa empresa Xenera. No último mes, por exemplo, lograron un 82% de venda de enerxía e un 69% de compra, polo que o balance global foi positivo.
Este sistema de batería virtual permite compensar produción e consumo ao longo de todo o ano, dispoñendo da enerxía excedentaria xerada en momentos de máis horas de sol naqueles outros meses onde esta tendencia se invirte con máis consumo ca produción.
“No noso sector o aforro enerxético é un factor fundamental para a rendibilidade”
Suso recoñece que “o aforro enerxético é un factor fundamental para ter rendibilidade no noso sector”. O sistema de iluminación e ventilación das naves está controlado. As luces led permítelles minimizar o consumo, que oscila sobre todo en función da temperatura ambiental que haxa no exterior. “Galicia é un bo lugar para criar polos, porque temos temperaturas suaves ao longo de todo o ano e sen grandes oscilacións térmicas”, asegura.
Garantir unha boa ventilación e unha temperatura axeitada é determinante para o desenvolvemento dos polos e evitar que collan enfermidades. “O crecemento dos polos é máis ou menos constante ao longo de todo o ano, sen grandes diferenzas, pero o que varían son os custos para nós”, indica. “Facemos entre 5 e 6 rotacións de animais nas naves ao ano. As máis baratas para nós son as da primavera e as do outono. Tanto na época máis fría do inverno como na de calor extremo do verán os custos para nós dispáransenos”, recoñece.
Empregan propano para quentar as naves e electricidade para o alumeado e a ventilación
Os poliños chegan ás instalacións de Muradelle e Argonzón recén nacidos e botan nelas entre 45 e 50 días. A medida que pasa o tempo a temperatura da granxa vai descendendo, desde os 35 °C iniciais até os 20 °C de cando marchan. “A temperatura corporal dos polos ronda os 40 °C, polo que eles mesmos desprenden moito calor e, sobre todo cando son grandes, temos que ventilar as instalacións para baixar a temperatura ambiental. Nos lotes que marchan no verán ás veces é imposible conseguir eses 20 °C no interior das naves e quedámonos en 27 ou 28 °C, pero a ventilación é algo fundamental”, explica Suso.