
O espazo Feria de Valladolid acolleu o XXVIII Congreso da Asociación Nacional de Especialistas en Medicina Bovina de España (ANEMBE), baixo o lema “a sustentabilidade da profesión veterinaria”. Preto de 1.000 especialistas en medicina e produción bovina participaron nesta edición que contou con 55 ponencias de profesionais altamente cualificados de Europa e América.
O programa incluíu tamén 77 comunicacións orais -exposicións de 10 minutos nas que se explica de forma breve e directa un tema que sobre o que se fixo unha investigación xeralmente grupal-. Tamén houbo 9 simposios organizados polas empresas que patrocinaban o evento e a colocación de posters informativos nos que se desenvolvían estudos e análises realizados por veterinarios.
As xornadas serviron para que os máis de 1.100 socios de ANEMBE participaran no proceso de elección da nova xunta directiva. Á marxe do congreso e da asociación, ubicouse unha mesa de sinaturas para reclamar a derogación do Real Decreto 666/2023 sobre a utilización e comunicación de uso de medicamentos veterinarios. ANEMBE xa ten manifestado a súa postura contraria ao decreto, se ben non habilitou ningún mecanismo de reivindicación no congreso.
A maiores dos profesionais veterinarios, o congreso posibilitou a asistencia de estudantes de Veterinaria. E é que a falta de relevo xeracional no sector -especialmente na asistencia clínica nas explotacións- foi un dos temas dos que se debateu.

Durante a segunda xornada do congreso os socios elexiron á nova xunta directiva de ANEMBE
A mellora dos rendementos produtivos tanto na produción de leite como na de carne foron o núcleo das intervencións dos ponentes. Como tamén o foron as enfermidades emerxentes en gando bovino e os mecanismos de prevención, tratamento e erradicación que se están a aplicar.
Diferentes membros da organización do congreso sinalaron que a falta de recoñecemento social da profesión, os salarios non sempre suficientes e as esixencias normativas apuntan a un panorama laboral no que a medio prazo podería haber escaseza de profesionais a pé de granxa.
Nesa liña, apuntouse a unha “fuga” de xóvenes veterinarios hacia outros países onde a profesión está máis recoñecida e valorada. Dende a organización sinalaron que os custos formativos ascenden a entre 70.000 e 100.000 € polo que, aseguran, non semella lóxico desperdiciar o investimento formativo se non queda ao servizo dos gandeiros de España.
Co obxectivo de achegar unha visión global de todo o que implica a profesión veterinaria no eido bovino, os organizadores quixeron contar con profesionais de ámbitos complementarios como son os da bioloxía, a enxeñería agrónoma ou mesmo a socioloxía.
Como ven sendo habitual, o congreso de ANEMBE contou cunha ampla e destacada presenza de profesionais galegos tanto entre o público asistente como na parte organizativa e expositiva. Non en van, Galicia conta coa maior cabana bovina de España e unha das maiores de Europa.

As empresas patrocinadoras do congreso habilitaron un espazo para dar a coñecer as súas propostas
Como actividade complementaria do congreso, dispúxose un espazo para que as casas comerciais coas que traballan diariamente os veterinarios bovinos puideran expoñer as innovacións que desenvolveron nas súas liñas de produto.
Agora a nova xunta directiva de ANEMBE xa traballa na organización do vindeiro congreso.
Galego









Control OJD