Os novos desafíos da sanidade animal en gando vacún debatéronse nos XX Encontros Gandeiros de Xundeva

Diarreas neonatais, vacinación, novas enfermidades e bioseguridade nas explotacións foron os aspectos abordados na xuntanza organizada pola ADSG Xundeva, que reuniu a técnicos e gandeiros no auditorio de Lalín. Preto de 200 profesionais participaron nun evento no que se puxo énfase nas novas ameazas ás que se enfrontan as explotacións gandeiras pero tamén nas numerosas ferramentas dispoñibles para combatelas.

PUBLICO XUNDEVA

O Auditorio Municipal de Lalín acolleu os XX Encontros Gandeiros organizados pola Agrupación de Defensa Sanitaria de Galicia (ADSG) Xundeva, que engloba gandeiros da provincia de Pontevedra. No acto colaboraron o Concello de Lalín, a Deputación de Pontevedra e a Consellería do Medio Rural.

DIARREA NEONATAL

Celia Bartolomé, técnico de vacún de MSD Animal Health, foi a encargada de abrir a xornada. E fíxoo cunha ponencia sobre a diarrea neonatal. Explicou que esta doenza non ten un só causante e que pode estar provocada por protozoos, virus e bacterias, sendo o cryptosporidium o patóxeno máis habitual.

Bartolomé sinalou que o traballo que se faga nas primeiras horas de vida do animal será decisivo para evitar as diarreas. O manexo dos aloxamentos das xatas será importante, como tamén o será o encostrado, analizado dende os parámetros de cantidade e calidade do costro, do momento en que o consuman as crías e da redución da contaminación á que pode estar exposto.

Nesa liña, a técncio de MSD indicou que a dose axeitada de costro sitúase no 10% do peso do animal. E que, de non poder consumirse no momento en que se produce, hai que vixiar atentamente as condicións en que se pasteuriza, se arrefría ou se conxela. E apuntou tamén á necesidade de xestionar correctamente as tomas de leite de transición.

Ademais, Bartolomé destacou o papel relevante que poden ter as vacinas para previr as diarreas neonatais. Incluso se poden combinar dúas vacinas en función dos patóxenos que se queiran combater. Explicou, ademais, as características das vacinas que comercializa MSD.

ENFERMIDADES VECTORIAIS

As enfermidades vectoriais están a impactar fortemente no sector gandeiro nos últimos anos. Raúl Martínez, técnico de rumiantes de SYVA, fixo un repaso pola situación actual en Europa da Lingua Azul (LA), a Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) e a Dermatose Nodular Contaxiosa (DNC).

Martínez explicou que os culicoides son o principal vector de transmisión da LA debido á súa capacidade de percorrer grandes distancias en enxames. E sinalou que nas doenzas transmitidas por insectos hai que poñer atención á presenza de rumiantes silvestres na contorna das granxas, xa que unha proximidade excesiva pode levar a contaxios.

Martínez amosou aos asistentes exemplares de colicoides vectores de Lingua Azul

Martínez amosou aos asistentes exemplares de culicoides vectores de Lingua Azul

O especialista de SYVA lembrou tamén que as mutacións dos virus e a súa capacidade de camuflarse entre os glóbulos roxos fan máis difícil o seu combate. Tamén indicou que insecticidas e repelentes teñen unha eficacia limitada e apostou polas vacinacións estratéxicas como mellor medio para defenderse das doenzas vectoriais.

Por ser tema de máxima actualidade, Martínez estendeuse sobre a DNC. Recordou que un dos riscos é que este virus resiste ao aire libre e que o período de incubación medio se sitúa nun mes, polo que tarda en detectarse. Na parte positiva destacou que é unha doenza con síntomas fortes pero escasa mortalidade e que non supón ningún perigo para o ser humano.

CLAVES DE VACINACIÓN

Margarita Barreto, técnico de rumiantes de HIPRA, explicou as claves para unha correcta vacinación nas explotacións. Así, incidiu na necesidade de cambiar as agullas, cánulas e vías intranasais coa máxima frecuencia posible para evitar que os dispositivos de aplicación se deterioren ou mesmo espallen as doenzas-

Tamén apuntou a técnico de HIPRA que a temperatura axeitada para inocular vacinas se sitúa nos 22ºC e que aproveitar restos de vacinas xa utilizadas pode causar danos no rabaño. Ou que sempre hai que asegurarse de vacinar animais que estean sans e procurando causarlles o menor estrés posible.

A almacenaxe de vacinas nas explotacións debe facerse a unha temperatura entre 2ºC e 8ºC e tendo coidado de que non toquen as partes máis frías dos refrixeradores. E, no outro extremo, ser moi coidadosos ao quecelas para evitar que unha temperatura excesiva acabe por “cocelas” e restarlles eficacia.

Por último, a técnico de HIPRA destacou a importancia de ler correctamente os prospectos das vacinas e aplicar estritamente as recomendacións de uso. Así como vixiar os prazos de caducidade. Ante calquera anomalía, recomendou consultar cos veterinarios antes de aplicar ou tirar o produto. Porque, dixo, supoñen un alto custo nas granxas.

BIOSEGURIDADE

As prácticas de bioseguridade son claves na protección dos rabaños. Así o explicou Javier Villamil veterinario da ADSG da Costa da Morte. Bioexclusión e biodetención son as dúas estratexias principais dentro dunha bioseguridade que tamén inflúe nas persoas xa que o 60% dos patóxenos que causan enfermidades en humanos son de orixe animal.

Na xornada interviron o alcalde de Lalín e o Xefe Territorial de Medio Rural

Na xornada interviron o alcalde de Lalín e o Xefe Territorial de Medio Rural

Villamil reclamou un maior control nas explotacións sobre a entrada de vehículos e persoas alleas ás mesmas e recomendou, se é posible, crear instalacións específicas de corentena. E puxo énfase na enorme ferramenta que pode supoñer contar cun plan adaptado de bioseguridade.

“As vacinas son unha ferramenta, non unha solución.”. Con esa reflexión, Villamil quixo destacar que o manexo dos animais, as instalacións ou a alimentación son tan importantes como a aplicación de tratamentos e vacinas, e que todos eses elementos son complementarios entre si.

Finalmente, o veterinario quixo reivindicar o papel que as ADSG levan xogando dende hai anos na gandería galega e apuntou que a súa eficacia non sería tan elevada se non contaran co compromiso dos gandeiros. “Ademais dos coñecementos e as habilidades, é moi importante a actitude ante as prácticas sanitarias nas granxas.”, dixo.

O acto pechouse coas intervencións institucionais do Alcalde de Lalín, Xosé Crespo, o Xefe Territorial de Medio Rural en Pontevedra, Antonio Crespo, e o Presidente de Xundeva, Arsenio Presas. Todos eles agradeceron a presenza de ponentes e asistentes e animaron a seguir afondando no coñecemento e práctica da defensa sanitaria animal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información