O médico Manuel Viso Sarmiento (Amoeiro, 1972) é especialista en Hematoloxía no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña e autor do libro Supersanos, no que dá consellos sobre nutrición e saúde.
Ademais, é habitual velo nas redes sociais (@manuelvisothedoc) e en programas de televisión desmontando mitos amplamente estendidos e recentemente participou en Lugo nos actos do décimo aniversario de Agromuralla, onde falou dos beneficios dos produtos lácteos na dieta e desmontou algúns bulos que circulan a cotío.
– Unha das ideas que transmitiche é que non existen os superalimentos, pero que o leite é un dos alimentos máis completos que hai. Que aporta a nivel nutricional?
– Eu sempre explico que non existen superalimentos porque ningún por si só pode facer “milagres” na saúde, pero si que hai alimentos moi completos e o leite é un dos mellores exemplos. Aporta proteínas de alto valor biolóxico, con todos os aminoácidos esenciais; calcio e fósforo nunha proporción perfecta para a súa absorción; vitaminas A, D, B2 e B12; iodo, potasio e graxas que contribúen á saciedade, a unha mellor absorción de vitaminas e ao equilibrio hormonal.
As revisións da FAO e da EFSA destacan que o leite é un alimento “nutricionalmente denso”, o que significa que a concentración de nutrientes por cada 100 kcal é excepcionalmente alta. Por iso é moi útil en nenos, adultos maiores, deportistas e en calquera persoa que queira cubrir micronutrientes de maneira fácil e económica.
– Fronte a isto están as bebidas vexetais. Son comparables ao leite ou son, en certa medida, un engano?
– Non son comparables. As bebidas vexetais poden ser unha opción válida para quen non toma leite por motivos éticos, de sabor ou alerxia, pero non teñen nin a densidade nutricional nin a calidade proteica do leite. Moitas teñen apenas un 2-8 % de materia prima, o resto é auga, e moitas veces engádense azucres, espesantes ou aceites vexetais.
As bebidas vexetais non son equivalentes ao leite desde o punto de vista nutricional e é importante que a xente o saiba
Ningunha bebida vexetal logra igualar o perfil nutricional do leite de vaca. A única parcialmente comparable é a bebida de soia fortificada, e aínda así queda por debaixo en biodispoñibilidade dalgúns nutrientes. Son bebidas aceptables, pero non equivalentes ao leite, e é importante que a xente o saiba.
– Un dos mitos máis estendidos é que o leite é inflamatorio. É isto certo?
– Iso é algo que escoito constantemente, pero é rotundamente falso. Este mito naceu sen base científica. Meta-análises publicadas nos últimos anos concluíron que, en persoas sas e mesmo en persoas con síndrome metabólica, o consumo de lácteos reduce marcadores inflamatorios como a proteína C reactiva (PCR). Os estudos tamén sinalan que os lácteos fermentados, como o iogur ou o kéfir, teñen un efecto especialmente antiinflamatorio, probablemente pola súa acción positiva sobre a microbiota.
É rotundamente falso que o leite sexa inflamatorio; é algo que non ten base científica ningunha
– Tamén se fala de que a graxa do leite é mala e está, en moitos casos, demonizada. Sen embargo, ti recomendas o leite enteiro no canto dos produtos desnatados. Por que?
– Durante moitos anos demonizouse a graxa láctea, pero hoxe sabemos que iso non tiña tampouco base científica sólida. A graxa da leite contén ácidos graxos moi interesantes como o CLA, o ácido butírico, o ácido esteárico ou os fosfolípidos lácteos, que teñen efectos beneficiosos sobre o metabolismo e a saúde cardiovascular.
Por iso recomendo leite enteiro:
- É máis saciante, o que reduce picoteos e axuda a regular o apetito.
- Conserva as vitaminas liposolubles (A, D, K), que se perden en parte ao desnatalo.
- Os estudos mostran que mesmo se asocia a menor risco de diabete tipo 2.
En nenos, a evidencia é aínda máis clara: os que toman leite enteiro teñen menor risco de obesidade que os que toman desnatado.
Os nenos que toman leite enteiro teñen menor risco de obesidade infantil que os que o toman desnatado
– Falache tamén de que aos iogures gregos a industria engádelles nata para abaratar o custo de fabricación. Como é isto?
– O auténtico iogur grego faise mediante un proceso de filtración/centrifugación no que se retira parte do soro, concentrando proteínas e facendo o produto máis denso e cremoso. Pero moitas marcas optan por engadir nata para lograr textura e sabor sen pasar polo proceso de filtración, que é máis caro. O resultado é un produto máis graxo, menos proteico e ás veces máis calórico, que se comercializa como “grego” cando realmente non o é. Por iso lles digo sempre ás persoas que miren a lista de ingredientes; se leva nata, non é un grego auténtico.
– Cal é a diferenza entre o kefir e o iogur? Cal é máis sano?
– O kéfir e o iogur son ambos excelentes, pero difiren na variedade de microorganismos. O iogur ten normalmente 2-3 cepas bacterianas. O kéfir pode ter entre 10 e 15 ou ata 30 microorganismos distintos, incluíndo bacterias e lévedos.
Isto convérteo nun alimento fermentado moi completo, con probióticos máis diversos e unha acción especialmente beneficiosa sobre a microbiota intestinal.
A ciencia sinala que o kéfir mellora a tolerancia á lactosa, pode reducir inflamación a nivel intestinal e ten efectos beneficiosos sobre a saúde metabólica. Non hai que elixir entre eles, pero se se busca un fermentado “potente”, o kéfir é especialmente interesante.
Os lácteos, especialmente os fermentados, reducen o risco de cancro colorrectal
– Se un mira as estatísticas de consumo de produtos lácteos, o consumo de leite está estancado, pero o de queixos está aumentando. Pero, é queixo todo o que se vende como tal nos supermercados?
– Non. Isto é fundamental que o público o saiba. No supermercado hai produtos mal chamados “queixo” que en realidade son preparados lácteos, feitos con graxas vexetais, amidóns ou outros aditivos. Un queixo auténtico só debería levar leite, fermentos, callo e sal.
Cando un produto leva aceite de palma, amidón modificado ou proteínas vexetais, iso non é queixo. A nivel nutricional son moito peores: teñen menos proteína, menos calcio e máis graxas procesadas.
– En España, contrariamente do que pasa na maioría de países produtores de leite da UE, o 96% do leite que se consume é UHT e só o 4% é leite fresco pasteurizado. Cal recomendarías como médico?
– O leite UHT é perfectamente seguro, accesible e práctico, e ten unha vida útil máis longa. A nivel nutricional, a diferenza co pasteurizado é lixeiramente a favor deste último:
- Conserva mellor algúns minerais e vitaminas do grupo B.
- Mantén algo máis de actividade enzimática e de proteínas sensibles á calor.
Agora ben, non hai diferenzas significativas en saúde global. Para a maioría da xente, o UHT é unha excelente opción pero se buscas o máis “fresco” e nutricionalmente óptimo, o pasteurizado pode ser un pouco mellor.
“A intolerancia á lactosa está moi sobrediagnosticada; só un terzo das persoas que din selo o son realmente”
– Cada vez máis xente di que é intolerante á lactosa e deixa de tomar leite. Ten isto base científica?
– A intolerancia á lactosa está moi sobrediagnosticada. Moitas persoas cren que o son porque teñen molestias dixestivas inespecíficas, pero a ciencia mostra que entre o 30-40% destas persoas non presentan intolerancia real nas probas.
Ademais, estudos do NIH (National Institutes of Health) indican que case todas as persoas con intolerancia poden tolerar ata 12 g de lactosa ao día, equivalente a un vaso de leite.
Moitas veces o problema non é a lactosa, senón:
- intolerancia a FODMAPs (hidratos de carbono de cadea curta)
- disbioses
- síndrome do intestino irritable
- consumo de edulcorantes ou alimentos que irritan
Por iso sempre recomendo antes de eliminar lácteos, avaliar ben e probar lácteos fermentados.
– Que opinas do leite A2A2? Podería axudar ás persoas que din que lles senta mal o leite?
– O leite A2A2 procede de vacas que só producen unha variante da caseína beta chamada A2. Algúns estudos indican que esta proteína pode ser máis fácil de dixestir para persoas con molestias ao tomar leite convencional.
Non é unha solución universal, pero pode ser útil para quen nota pesadez, inchazón ou molestias difusas ao tomar leite normal e non ten intolerancia á lactosa.
A evidencia é limitada pero prometedora. É unha opción, pero non substitúe un diagnóstico nin debe venderse como “leite mellor para todos”.
– Nos nenos e nenas hai un problema crecente de obesidade infantil, que ten que ver coa alimentación e cuns hábitos cada vez máis sedentarios. Son os lácteos uns aliados fronte á obesidade nestas idades temperás?
– Si. Os lácteos enteiros están asociados a unha mellor regulación do apetito en nenos debido ao seu contido en graxa e proteínas completas. Isto tradúcese en maior saciedade e mellor control de inxesta entre comidas.
As revisións científicas (máis de 28 estudos en miles de nenos) conclúen que o consumo de leite enteiro está asociado a menor risco de sobrepeso e obesidade, mentres que o leite desnatado non ofrece ese efecto protector.
É dicir, lonxe do que se pensaba, as graxas lácteas parecen protexer fronte ao exceso de peso nas idades nas que máis preocupa.
– Cantas racións diarias de lácteos recomendarías en nenos? E na terceira idade?
– A evidencia global é consistente e sinala que nenos e adolescentes 2-3 racións ao día, combinando leite, iogur/kéfir e queixo. Nas persoas maiores tamén 2-3 racións ao día. Nos maiores é crucial para previr sarcopenia, reducir risco de fracturas, mellorar a forza e a funcionalidade diaria.
Lonxe do que se pensaba, as graxas lácteas parecen protexer fronte ao exceso de peso nas idades nas que máis preocupa
– A nivel de saúde, están descritos beneficios do leite a nivel cardiovascular e mesmo anticanceríxeno. Poderías profundizar un pouco?
– Os lácteos, incluídos os enteiros, non só non prexudican, senón que poden protexer en varios ámbitos.
- Saúde cardiovascular. As meta-análises amosan que o consumo de lácteos non aumenta o risco de infarto nin ictus, pode reducir a hipertensión, mellora o perfil lipídico e as persoas consumidoras regulares teñen menor risco de síndrome metabólica. O efecto protector pode deberse aos fosfolípidos lácteos, o calcio, o potasio e determinados péptidos bioactivos.
- Efecto anticanceríxeno. O caso con máis evidencia é o cancro colorrectal, onde os lácteos, especialmente os fermentados, reducen o risco. O calcio, a vitamina D e os fermentos xogan un papel clave.
Galego









Control OJD