A Xunta xestiona en Galicia arredor de 300.000 hectáreas de montes veciñais a través de convenios coas correspondentes comunidades de montes. É un modelo de xestión que abarca preto da metade da superficie do monte veciñal e que naceu co obxectivo de mellorar o traballo que facían as propias comunidades, que ben por falta de capital ou de capacidade, trasladáronlle parte do manexo dos seus montes á Administración. O problema é que o resultado dos convenios, agora en proceso de extinción, dista moito do agardado.
As superficies veciñais con convenio orientáronse na súa maioría a un aproveitamento madeireiro, na idea de que estivesen arborizadas e cunha xestión optimizada. Sen embargo, as súas cifras de cortas revelan un manexo baixo mínimos, pois co 15% da superficie forestal de Galicia, acadan pouco máis do 3% das cortas.
“Os datos da escasez de cortas nos montes conveniados repítense ano tras ano. É un mal dato que sorprende pola reiteración” (Jacobo Feijoo, Asefoga)
“É un fracaso de xestión claro que ademais sorprende pola reiteración dos datos ano tras ano” -valora o responsable da Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga), Jacobo Feijoo-. “Nos montes veciñais con convenios córtase arredor dunha tonelada por hectárea e ano. É unha cifra insuficiente que se podería cando menos cuadriplicar cunha xestión forestal razonable, producindo madeira de xeito sostible e compatilizando o aproveitamento da madeira con outros usos”, analiza. “Se falásemos de 300.000 hectáreas arborizadas, poderíase obter oito veces máis madeira do que se fai na actualidade. Iso repercutiría en Galicia nunha suba de dous puntos do PIB industrial (Produto Interior Bruto), compara Feijoo.
A opinión de eivas na xestión nos montes veciñais conveniados é compartida por outros colectivos, coma a Asociación Forestal de Galicia. O seu director, Francisco Dans, confirma que no sector hai unha percepción de “falta de xestión nos montes con convenio”, que adoitan adoecer de retrasos en traballos silvícolas e na venda da madeira. “Probablemente parte dos montes teñan masas vellas de piñeiro pasadas de turno. Saberémolo en canto dispoñamos dun inventario actualizado”, sinala.
Condicionantes na xestión nos montes veciñais
Os montes veciñais autoxestionados polas propias comunidades adoitan duplicar o volume de cortas dos montes conveniados, se ben tamén quedan lonxe dos niveis de aproveitamento madeireiro das propiedades particulares, unha circunstancia que se atribúe no sector a varios factores.
“Os montes veciñais adoitan ocupar os terreos máis altos e rochosos, que son menos produtivos” (Juan Picos, Uvigo)
“En xeral, os montes veciñais ocupan os terreos menos produtivos do monte. É frecuente que estean nas zonas máis altas e rochosas, co cal son montes que van producir menos madeira por hectárea”, analiza o director da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra (Uvigo), Juan Picos, que coordinou recentemente o informe sobre as cortas de madeira en Galicia no 2017, elaborado conxuntamente pola Universidade de Vigo e a Axencia da Industria Forestal (Xera).
Outros factores a ter en conta, segundo Picos, son a multiplicidade de usos nos montes veciñais, con partes adicadas a usos agrogandeiros, e o impacto dos lumes, que afectan de xeito habitual a superficies conveniadas de provincias coma Ourense. “Hai factores que explican unha menor produtividade dos montes veciñais, e en concreto dos montes veciñais con convenios. Tamén é certo que pode haber factores de infraxestión e o que está claro é que hai un potencial de mellora deses montes”, conclúe Picos.
Papel dos Distritos Forestais
O director da Escola de Enxeñería Forestal é partidario de facer unha análise comarcalizada. “En Galicia temos realidades forestais moi diversas, polo que é necesario valorar cada distrito forestal en particular. Se analizamos por exemplo os montes veciñais de Pontevedra, podemos ver que son máis activos e que teñen máis cortas que o monte privado da provincia, onde se dan máis situacións de abandono. Se entramos nos distritos forestais de Ourense, a situación será outra, probablemente con problemas de xestión tanto no monte veciñal coma no particular, e estas realidades non son comparables coas que se dan noutros distritos”, conclúe.
“A xestión forestal vén de separarse da loita contra os lumes na estrutura da Consellería, que era unha demanda histórica” (Elier Ojea, Fearmaga)
A xestión dos montes veciñais con convenio corresponde ós 19 Distritos Forestais de Galicia, unha estrutura comarcal para a que se reivindica un maior papel desde o sector forestal. “Recentemente produciuse un cambio na estrutura da Consellería do Medio Rural, de xeito que como viñamos demandando, a xestión forestal separouse da loita contra os lumes” -explica Elier Ojea, presidente da Federación de Aserradoiros e Rematantes de Galicia (Fearmaga)-. “Esa é unha oportunidade para darlle ós Distritos Forestais capacidade para facer xestión forestal, co persoal axeitado e un traballo riguroso”, sinala Ojea.
Contratos de xestión
Juan Picos tamén avoga por unha análise a nivel de Distrito Forestal sobre como mellorar a xestión dos montes con convenio. “Está tamén pendente de concretar que vai suceder cos montes con convenio, pois falta aínda por aclarar o modelo de xestión que terán no futuro”, valora Picos.
A extinción dos convenios dos montes veciñais xa comezou e estará concluída no 2021, segundo as previsións da Xunta. A Administración ten previsto ofrecerlle a parte dos montes un contrato de xestión que sustituirá a eses convenios, pero outros montes veciñais, os máis produtivos ou capitalizados, terán que autoxestionarse ou buscar outros modelos de xestión.
Ourense, ‘expediente X’ do monte galego
Ourense representa un caso singular na comunidade. É a segunda provincia de Galicia en superficie forestal, cunhas 575.000 hectáreas -preto do 30% da comunidade-, pero é residual nas cortas, con menos do 5% anual. “Ourense era hai uns 40-50 anos a provincia con mellor calidade de piñeiro para os aserradoiros e desa situación pasou agora a ter un papel residual nas cortas, sendo ademais a provincia con máis lumes” -analiza Elier Ojea, presidente da Federación de Aserradoiros e Rematantes de Galicia (Fearmaga)-. “Algo temos que estar facendo mal”, valora.
Os factores que explican a perda de peso de Ourense no monte galego son varios. Ojea destaca o problema dos incendios, “que mesmo afectaron a repoboacións feitas pola Administración en montes conveniados”, e alude tamén á despoboación e ó abandono do rural en amplas zonas. “Antes había unha maior xestión do monte e as zonas con madeira funcionaban como unha caixa de aforros. Agora temos unha carga esaxerada de mato, moita emigración e pouca xestión forestal”, compara.
“É necesaria unha actuación lexislativa da Xunta que combata o minifundio. Se temos 500 parcelas en 50 hectáreas, non facemos nada” (Elier Ojea, Fearmaga)
Os problemas de falta de xestión atinxen tanto ós montes veciñais, que representan a metade da superficie forestal da provincia, coma ós montes privados, onde o presidente de Fearmaga sinala un problema clave, o minifundio. “Que sería para nós fundamental? Que haxa unha actuación lexislativa por parte da Xunta que impulse unha agrupación de superficies mínimas de xestión. Se nunha superficie de 50 hectáreas temos 500 parcelas de propietarios distintos, moitos deles emigrados ou descoñecidos, é imposible facer nada”, advirte Elier Ojea.
O presidente de Fearmaga considera que podería haber inversores dispostos a xestionar o monte se se acadasen superficies mínimas de xestión. “Temos o exemplo do arrendamento de terras que está acometendo Navigator para plantar eucalipto na Coruña e Lugo. En Ourense necesitariamos unha iniciativa similar dunha empresa interesada na plantación de piñeiros ou frondosas caducifolias”, valora Elier Ojea.
Nematodo do piñeiro
Outra preocupación do sector céntrase nas pragas forestais, en especial a do nematodo do piñeiro, que ameaza o sur da provincia. “O bosque que nós podemos pensar, igual dentro de 30 anos non o hai. É preciso avanzar na obtención de plantas resistentes o nematodo”, advirte Elier Ojea, que propón incluso a posta en marcha de plantacións modelo en Ourense que poidan servir de “escaparate” para comunidades de montes e propietarios particulares.
Fearmaga propón que a Xunta acometa unha plantación modelo en Ourense que sirva de referencia na provincia
“A Xunta dispón de 150-200 hectáreas en propiedade no entorno de San Cibrao das Viñas, nunha boa zona forestal, que poderían ser empregadas con ese fin de crear plantacións aliñadas, con manexo silvícola e plantas resistentes ó nematodo. Sería un exemplo na provincia”, conclúe Ojea.
En canto ás comunidades de montes conveniadas, que aglutinan en Ourense máis de 100.000 hectáreas, Ojea considera que lles corresponde o papel de “movemento tractor”. “Non pode ser que teñamos no monte madeira fóra de turno pudríndose. A Administración ten que incentivar cortas en prazo e unha boa xestión que poida servir de incentivo tamén para a silvicultura nas propiedades privadas”, valora o presidente de Fearmaga.
Piñeiro e monte veciñal, unha simbiose cun futuro incerto
O piñeiro tivo desde hai décadas un papel protagonista nos montes veciñais de toda Galicia, ata o punto de representar na actualidade dous terzos das cortas que acometen as comunidades de montes. Esa situación contrasta coa dos propietarios particulares, onde máis da metade das cortas son xa de eucalipto, que no monte veciñal representa menos dun 30% dos aproveitamentos.
“É necesario lograr clons resistentes ó nematodo do piñeiro e garantir a capitalización dos montes veciñais que traballan con coníferas” (Juan Picos, Uvigo)
A Xunta lexislou ademais este ano para que nos montes veciñais conveniados non se poidan plantar eucaliptos, o que confirma o papel dos montes veciñais como bastión actual das coníferas na comunidade. As incertidumes de futuro para o piñeiro céntranse en dúas cuestións. Que vai pasar nos montes veciñais nos que se deixe a xestión pública? E que vai pasar co piñeiro ante a expansión da praga do nematodo, que xa afecta a todo o sur da provincia de Pontevedra?
Para o director da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra, Juan Picos, é preciso actuar en varias liñas. En primeiro lugar, Picos apunta a necesidade dun programa de mellora xenética que obteña “clons tolerantes ó nematodo”. “Haberá que ver tamén ata que punto poden ter encaixe no monte galego outras especies de coníferas que sexan resistentes ó nematodo”, valora Picos.
Outra cuestión a afrontar é a financiación dos montes veciñais que traballan con coníferas, que nalgúns casos se atopan descapitalizados. “Deberían ter apoios para capitalizarse, xerar rendas e ser persistentes no tempo. As coníferas teñen un papel clave de soporte de toda a industria do aserrado”, lembra Picos.