Os montes galegos contan cuns 70 millóns de metros cúbicos de madeira de eucalipto e outras tantas de piñeiro. Se a estas existencias se suman as frondosas acadaríanse os 200 millóns de metros cúbicos, segundo os datos facilitados este luns polo director xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Xunta de Galicia, José Luis Chan.
Supón un incremento duns 9 millóns de metros cúbicos de madeira de eucalipto, desde os 61 millóns estimados no inventario forestal anterior, o IFN do ano 2011. A maior parte das existencias de eucalipto atópanse nun estado de crecemento actual de entre 100 e 150 metros cúbicos por hectárea, o que fai augurar que Galicia acadará o pico de cortas dentro de 5 ou 6 anos.
A formación específica maior é aquela que compoñen os bosques de carballo, castiñeiro ou bidueiro, entre outras frondosas caducifolias
Os resultados preliminares do Inventario Forestal Continuo de Galicia (IFCG) obtidos polos equipos das Universidades de Santiago e de Vigo que traballan nesta ferramenta sinalan que na comunidade galega hai 428.960 hectáreas de coníferas (basicamente piñeiros), unhas 413.086 de eucaliptais e 634.847 de frondosas caducifolias, entre outras formacións específicas, para un total que chega case a 1,5 millóns de hectáreas arboradas, que representan a metade da superficie do territorio galego.
As cifras déronse a coñecer este luns na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC en Lugo no transcurso dunha xornada que serviu para profundar nos últimos avances do IFCG en canto ao deseño do inventario, á estimación de existencias, á consulta e actualización dos mapas de coberturas forestais e o resto de produtos cartográficos desenvolvidos no marco deste proxecto.
Este proxecto parte da necesidade de dispoñer dun inventario específico para o monte galego adaptado á nosa realidade forestal fronte aos datos imprecisos que derivan do Inventario Forestal Nacional
A xornada, dirixida a todos os axentes do sector forestal, encádrase dentro das distintas actividades de divulgación de resultados que se están a desenvolver ao abeiro do convenio a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade de Vigo e a Consellaría do Medio Rural para o desenvolvemento do IFCG.
Na páxina web do Inventario Forestal Continuo de Galicia xa se pode acceder ao visor cartográfico que amosa as distintas coberturas do solo nos montes, así como aos datos que recolle o informe preliminar de existencias.
O 42% do eucalipto atópase na franxa costeira
Froito do traballo executado ata o de agora, disponse duns modelos provisionais para a área costeira de Galicia e para dous dos estratos arbóreos máis frecuentes nesta zona: eucaliptos e coníferas.
Na franxa costeira galega, os resultados preliminares obtidos recollen que o volume total estimado para o estrato eucalipto sería de 29,6 millóns de m3, mentres que para o estrato coníferas sería de 13,2 millóns de m3. En termos de volume medio por rodal, as estimacións provisionais para 2022 serían de 188 m3/ha para eucalipto e 173 m3/ha para coníferas.
É un risco extrapolar os datos da franxa do litoral a toda Galicia
Os datos obtidos até o de agora circunscríbense aos 86 concellos costeiros galegos, que supoñen o 17% da superficie da comunidade, aínda que concentran o 42,2% da superficie de eucalipto (157.330 ha) e o 20,6% da superficie de coníferas (75.981 ha).
“Estes datos provisionais preséntanse a modo meramente ilustrativo, posto que está previsto actualizalos en canto se completen os traballos de campo e se dispoña de produtos de teledetección máis recentes e de novas versións dos mapas de coberturas forestais”, subliña a investigadora da EPS de Enxeñaría do Campus Terra Adela Martínez Calvo, que advirte dos riscos que supón extrapolar os datos obtidos na Galicia litoral ao conxunto da comunidade.
O maior volume de eucaliptos concéntrase na costa norte da Coruña e Lugo e os piñeiros na Costa da Morte, Serra de Outes e ría de Muros e Noia
Para o análise de existencias nos concellos costeiros botouse man do LIDAR do 2019 feito pola Consellería do Medio Ambiente para a Lei do Litoral pero agárdase que neste ano conclúan os traballos que está a realizar o Ministerio e que abranguen a totalidade do territorio galego. “Precisamos ese voo para sacarlle o máximo rendemento á ferramenta que desenvolvemos”, recoñecen.
Tendencias no conxunto de Galicia
Para o mapa de cobertura do solo empréganse os datos SENTINEL-2. Con 7 imaxes deste satélite cúbrese toda Galicia, xerando unha foto mensual do conxunto do territorio formada por 500 millóns de píxels cunha resolución de 10 metros. Este mapa repítese durante 36 meses, o que permite identificar incendios ou cortas, así como as especies das que proveñen.
Polo de agora o último mapa dispoñible é o de 2022 pero agárdase unha actualización anual, polo que antes de que remate este ano estará dispoñible o mapa do 2023, o que permitirá xa analizar os cambios e a evolución na superficie forestal. “Hai poucas variacións nas coberturas principais con respecto a 2022, pero en canto pasen 2 ou 3 anos poderemos ver claramente as tendencias nas transicións”, asegura Juan Picos.
As frondosas gañan terreo en zonas agrarias que van quedando abandonadas
As tendencias máis comúns observadas nos últimos anos son que as frondosas gañen terreo no interior, nas provincias de Lugo e Ourense, en antigas zonas agrarias que van quedando abandonadas, en tanto o eucalipto aumenta sobre todo en determinadas comarcas, como o interior da provincia da Coruña e algunhas comarcas do interior de Lugo.
Entre tanto, o piñeiro perdeu espazo, ben pola substitución de piñeirais cortados por plantacións de eucalipto, ben por lumes, ou ben por abandono do terreo, sen rexeneración tras corta.
Un terzo do monte galego cambia cada 10 anos
O deseño do Inventario Forestal Continuo de Galicia supuxo un enorme reto técnico para intentar dar resposta aos diversos requirimentos e necesidades de información do sector forestal. O obxecto do IFCG é coñecer a situación dos recursos forestais de Galicia, realizar o seguimento e avaliación do estado das masas arboradas e estimar a cantidade e calidade de ditos recursos para deste xeito crear un sistema de apoio ás decisións en materia de política forestal.
“O deseño debía adecuarse ás características das masas forestais de Galicia, moi dinámicas e fragmentadas, para superar os problemas detectados noutros sistemas de seguimento forestal existentes, e ser resiliente para adaptarse a necesidades futuras de información ou cambios na dispoñibilidade de recursos”, insiste o profesor do Campus de Lugo César Pérez Cruzado.
Temos un dinamismo forestal enorme, en pouco tempo hai cambios importantes no monte
“Temos un dinamismo forestal enorme, en pouco tempo hai moitos cambios no monte. A porcentaxe de modificación anual é do 3,3%, o que supón que en 10 anos unha terceira parte do monte galego tería cambiado”, exemplificou.
Por iso, “o máis importante é entender e aproveitar o concepto de Inventario Continuo, onde se foxe dunha foto fixa e se presta moita atención ás tendencias e transicións entre coberturas. Para iso, facemos unha cartografía mensual de case 500 millóns de píxeles de toda Galicia, que compoñemos nun mapa anual provisional e consolidamos ao ano seguinte”, subliñaron os equipos da Politécnica de Lugo e a Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra.
Corrección do efecto da nebulosidade
A ferramenta informática empregada vaise afinando a medida que se introducen datos e se detectan erros. “De feito, froito dos traballos que estamos a facer para obter o mapa do 2023 melloramos o algoritmo para que as clasificacións mensuais non se viran afectadas por períodos de alta nebulosidade”, explicaron Julia Armesto e Juan Picos, da Escola de Enxeñería Forestal da UVigo.
Para facer a cobertura do 2023 atopámonos serias dificultades para atopar imaxes do satélite sen nubes
Esta mellora foi aplicada retroactivamente sobre o mapa de cobertura de 2022, consolidando os seus resultados con lixeiras variacións. “O novo método é máis eficiente identificando bordes de parcela, cauces fluviais e sebes con máis precisión, por iso as frondosas se ven máis afectadas, cun incremento do 2,5% sobre as superficies avanzadas fai un ano, mentres que a superficie de eucalipto se incrementa un 1% e a de piñeiro un 1,5%”, explicaron.
Ademais, unha vez que xa se atopa dispoñible o acceso gratuíto á cartografía, búscase o feedback co sector e os propietarios forestais, implementándose para iso un mecanismo polo cal o usuario pode advertir de erros na clasificación dalgunha das máis de 17,3 millóns de parcelas cartografadas, de maneira que se poida revisar e mellorar a clasificación nos anos seguintes.
Metodoloxía
O equipo investigador da USC está a desenvolver a metodoloxía necesaria para a obtención de estimacións para distintas variables de interese das masas forestais de Galicia, como o volume total, a biomasa ou o carbono. A nova regulación europea esixe unha unificación de criterios e un reporte estándar de información para os inventarios forestais dos distintos países, aínda que o IFCG non estaría obrigado.
A metodoloxía que se está a empregar baséase na construción de modelos que permiten predicir as variables forestais de interese a partir de produtos de teledetección e do mapa de coberturas forestais que está a xerar o equipo da UVigo participante no IFCG.
Entre as potenciais funcionalidades está mesmo que un propietario forestal poida saber as existencias de madeira que ten nas súas parcelas
O equipo da USC empregará a base de datos recompilada para a xeración dos informes de estimacións de existencias e o resto de resultados e produtos derivados previstos no IFCG. Esta base de datos estará ademais a disposición pública para que calquera outro usuario poida consultala.
Entre as vantaxes do deseño de inventario elaborado polo equipo do Campus Terra destaca a potencialidade a futuro de xerar estimacións desagregadas (a nivel concello ou, incluso, parcela catastral).
Culminación das medicións no monte
Para o axuste destes modelos preditivos é imprescindible dispoñer de datos de campo de calidade, cuxas medicións están neste momento en pleno proceso. O equipo investigador desenvolveu un deseño de inventario forestal propio para Galicia, adaptado á realidade dos bosques galegos, modulable e escalable. Este deseño inclúe unha rede base de puntos de mostraxe distribuídos sobre unha malla sistemática de 4×4 km cubrindo todo o territorio galego.
Mediranse 8.000 parcelas para facer comprobacións no monte, das que xa están mostreadas 3.700
Na contorna de cada un deses puntos realizaranse medicións en seis parcelas circulares de radio 15 m. Na actualidade, os traballos de medición desta rede base, que realiza a empresa pública Seaga, están en execución. “Levamos 3.700 parcelas mostreadas, principalmente na costa, das 8.000 parcelas que se van medir en toda Galicia. Nos vindeiros meses rematarase ese traballo”, avanzou José Luis Chan.