A Mancomunidade de Montes de Vigo está conformada por 13 comunidades de montes veciñais en man común e pola entidade menor de Bembrive. En conxunto, suman 1.600 hectáreas de superficie, un 15% do solo de Vigo, e contan cuns 8.000 persoas comuneiras. Falamos co seu presidente, Uxío González, sobre a recuperación do monte tralos lumes do 2017, a prevención de incendios e o alto uso social da cidadanía co que contan os montes vigueses.
Falemos dos incendios do 2017. Como vos afectaron aqueles incendios e cal é a situación do monte veciñal a día de hoxe, 8 anos despois daquel gran lume?
– O 2017 foi un ano negro para os montes vigueses porque nunca tiveramos un lume así de grande, hai que recordar que se queimou case un terzo da superficie dos nosos montes, case 600 hectáreas, e é terrible, porque daste de conta de que se queimaron os últimos 30 anos que levamos traballando o monte.
Cómpre recordar que antes, cando estaba o monte nas mans da administración pública, atopábase en total abandono. As comunidades de montes veciñais levamos 30 – 40 anos recuperando o monte e despois de todo ese traballo de xestión e ordenación, porque hoxe en día están ordeados, no sentido de que o castiñeiro está onde ten que estar, e igual co carballo, o eucalipto, o piñeiro… Están todos os montes ordeados e vén un lume desas características e barre todo iso.
Tralos lumes, pensa que en 30 anos ou así non vas volver a ter ingresos de madeira, e polo tanto foi terrible, moi duro. Aí o Concello implicouse en botar unha man, a Xunta tamén fixo un investimento de 1,4 millóns de euros en catro comunidades das cinco afectadas, pero evidentemente non chega a nada, porque claro, o monte unha vez que arde, queda en estado de absoluto abandono e a maleza cómeo.
E hai algunhas comunidades que están xa moi ben, como poden ser Matamá, Comeñasa… Pero Valadares e Coruxo, que foron as máis afectadas, precisan moita axuda e moito apoio, sobre todo para desbrozar e facer as podas de formación.
Cando o monte está en fase adulta, a maleza está controlada, pero no momento que arde e queda sen nada, a maleza non para de medrar.
– Falouse de distintos proxectos para mellorar a prevención de incendios nos montes do entorno de Vigo, o chamado Anel Verde, e tamén dunha proposta vosa para crear un área de defensa estratéxica contra incendios. Como están?
Desgraciadamente, no 2018 o Concello anuncia o anteproxecto dun Anel verde que iría desde aquí, desde o parque forestal de Saiáns ata Teis, que era para facer en dous anos, e a realidade é que 8 anos despois daquela desgracia, nada se fixo.
Na defensa contra os incendios, temos que pasar xa das ideas ós feitos porque cando nos deamos de conta, vai vir un gran lume e vainos barrer
As Administracións bótanse a culpa unhas ás outras, pero na miña opinión, a confrontación política no tema dos lumes non deberia existir, porque é unha verdadeira desgraza e vímolo este ano con todo o que ardeu en Ourense, é dicir, é imposible esperar máis para facer cambios.
Nós consideramos que tal e como vén o cambio climático, tal e como veñen os lumes, tanto o anel verde como a zona de defensa estratéxica son algo imprescindible e urxente de executar.
Esta área de defensa estratéxica levámola tramitando coa Xunta desde hai 6 anos, co anterior conselleiro, José González, e en 6 anos pois non se avanzou nada, e non pode ser. Temos que pasar das ideas aos feitos xa, porque se non, vai vir outro gran lume e vainos barrer.

– A preocupación polos lumes é común nas comunidades de montes da provincia, tamén en Pontevedra ou no Morrazo. Tedes un sentir común sobre as medidas que hai que adoptar?
– Fixemos unhas xornadas en Valadares nas que nos xuntamos e vimos por exemplo o traballo de prevención que estivo facendo Juan Picos no Baixo Miño. Hai que pensar onde hai que actuar, onde facer barreiras… Nós aquí en Saians levamos 30 anos facendo traballos para ter un monte protector, de aí que as faixas da futura área defensa estratéxica de Vigo entendemos que son prioritarias para, por un lado, defender as vivendas de Priegue e de Saians, e por outro lado, defender un monte produtor como o de Oia.
Este é o camiño. Haberá comunidades onde haxa que cortar e ver as indemnizacións que hai que facer neses casos, para compensar ás comunidades que teñan que ser protectoras doutras comunidades máis productoras e de vivendas.
Moitos Concellos están mirando para outro lado e con este tema non se pode mirar para outro lado.
Unha das medidas de prevención das que tedes falado é o posible uso de gando. Que tipo de gando vedes útil e como se xestionaría?
– Dentro do abanico de traballos a realizar para a prevención de incendios, está o uso do gando. Aquí tivemos contactos cun home que falou da posibilidade de facerse cun rebaño e levalo polas comunidades. É un tema complexo, pero sería positivo poñelo en marcha.
Viámolo como un tema complicado, pero hoxe en día, cos valados virtuais, a verdade é que é unha marabilla. Estivemos vendo como traballan en Vincios (Gondomar) e eles nos explicaron un pouco o sistema do valado virtual, que nos pareceu interesante.
Nalgunhas zonas concretas, como na zona de defensa estratéxica, que terá un ancho de entre 100 e 200 metros, sería interesante meter pastoreo de gando para controlar o mato.
E como é a situación do monte particular, que en moitas ocasións é lindeiro cos montes veciñais?
– Iso é unha asignatura pendente. Aquí en Saiáns, comunidade de montes da que son presidente, temos experiencia nese sentido, porque nós, hai 15 anos ou así, nunha zona de aquí abaixo, falamos cos propietarios, e todo de palabra, cortamos acacia, madeira, e plantamos castiñeiro, igual que no noso monte, e a verdade é que agora está marabilloso.
Posteriormente, hai tres anos, aquí na parte baixa, falamos cos veciños que nos cederon unha parcela deles, e falamos cos lindeiros e cortouse todo, e estamos nós plantando e manténdoo, e levamos uns anos cunha agrupación forestal de xestión conxunta, Montes de Vigo sur, xustamente aquí, de 4 hectáreas, con case 60 parcelas.
Creamos a agrupación de xestión conxunta Vigo sur con 35 propietarios privados. Foi un traballo complicado, pero veranse resultados e será un exemplo a ensinar
Para esa agrupación, falamos cos propietarios e costou moitísimo recuperar a documentación, pero asinaron 35 propietarios e forman parte da agrupación. Estamos empezando, con axudas autonómicas para a posta en marcha do proxecto. Os propietarios xa teñen eles todo cortado, xa fixemos plantación en case 1 hectárea e este ano plantamos algo máis.
Dicímoslle á xente que en 15 anos poden ter as plantacións como as temos nós, que está a maleza totalmente controlada, e o interesante é poder ensinar o exemplo do que se traballou, para que a xente se anime.
Recoñezo que é un traballo duro, temos aquí a Luis, que foi o que contactou cos propietarios. É un traballo ingrato e necesitamos que as Administracións nos apoien, cónstame que a Xunta faino un pouquiño, pero necesitamos que se sumen as deputacións e os Concellos.
Estas administración teñen que implicarse porque, aquí e noutras zonas, curiosamente as propiedades privadas son as que están pegadas ás vivendas e polo tanto forman parte da faixa secundaria de protección, e os Concellos aí teñen que involucrarse.
Nós estamos dispostos a botar unha man dentro dunha orde, non podemos facernos cargo de todo, pero sí botar unha man a localizar propietarios e facer traballos, e iso é algo que reclamamos aos Concellos urxentemente.

Como foi o traballo cos veciños ata chegar á agrupación forestal de xestión conxunta?
– É un traballo longo, non pode chegar aquí un funcionario e empezar a buscar porque é imposible. Ten que ser a través dun veciño co outro: sí, era de fulano… Vas fiando, vas buscando, vendo as escrituras e os lindeiros, ese traballo temos que facelo nós e é moi custoso, precisamos moito aguante e paciencia, estamos dispostos pero temos que contar coa apoio das administracións.
“O futuro é ter un monte que se defenda el e que o defendan a cidade e as parroquias”
Pasando a temas de xestión dos montes, tedes unha estimación das superficies por especie nos montes veciñais de Vigo?
– Podo dar uns datos aproximados. Calculo que case o 40% debe ser frondosa, outro 40% de piñeiro, e de eucalipto non creo que chegue ao 20%.
Cada comunidade de montes é diferente. En Oia predomina o piñeiro e o eucalipto; hai varias tamén que non teñen eucalipto. Eu considero que a costa de Pontevedra ten demasiado eucalipto. O plan forestal anterior falaba de 245.000 hectáreas de eucalipto en Galicia no 2030 e estamos no 2025 e xa se fala de 438.000 hectáreas.
Aquí en Vigo poucas teñen, en Saians estamos aliminándoo e estamos coa área de defensa estratéxica, onde a idea é eliminalo, e polo tanto estamos traballando niso.
Os montes de Vigo, coas 300.000 persoas que temos na cidade, o uso social e a presión social é tremenda. A inmesa maioría das comunidades estamos pola labor de apoiar ese uso social, sobre todo despois da pandemia… Hai aquí unha pista que vai de San Miguel a Coruxo que cando se levantou o confinamento o sábado, isto era igual que a calle de Príncipe no Nadal, cheo de xente, aquilo foi tremendo.
Iso nos leva tamén a medirnos e facer un traballo de recuperación, plantación de frondosas… Coruxo leva tempo facendo un traballo de recuperación de regueiras. Matamá, que lle ardeu todo o monte, ten moita superficie con frondosas e están comprando parcelas para pasalas de eucalipto a frondosas… Estamos facendo un traballo xeitoxiño.
Aquí en Saiáns levamos 40 anos plantando castiñeiros, temos prácticamente o 70% con frondosas. Teis está facendo tamén un traballo moi bo de recuperación e eliminación de acacia, que nos está costando un riñón eliminar.
Como acometedes os traballos, tedes capacidade para ter persoal contratado todo o ano?
– Non, capacidade económica non temos demasiada, se ben hai algunhas comunidades con persoal propio. É certo que na Mancomunidade chegamos a ter case 30 persoas contratadas, pero era basicamente por medio do plan de emprego do Concello de Vigo, que desde o ano 2012 nos está aportando 145.000 euros para a contratación de persoal.
Contratámolo habitualmente entre febreiro e xuño, e ás veces algún mes máis, e despois tivemos obradoiros duais de emprego. Foron 4 obradoiros, que nos permitiron facer actuacións nas comunidades.
Desde o 2014, temos sinalizados 120 quilómetros de sendeiros locais, que son complicados manter en condicións
En verdade, o plan de emprego faise pequeno para as necesidades que hai. A partir do 2014 sinalizáronse cerca de 120 quilómetros de sendeiros locais, e eses 120 km, para mantelos en condicións, precisamos moito persoal, e facémolo basicamente co plan de emprego e cos obradoiros, pero necesitamos incrementar as partidas porque a verdade é que hai moito que facer. E despois distintas labores de prevención de incendios.
Cal é en xeral o plantexamento das comunidades de montes veciñais á hora de combinar usos productivos do monte con zonas máis protectores, de conservación?
– Nos montes veciñais de Vigo, das 1.600 hectáreas, a maioría é de carácter protector. Produtor é a minoría, salvo algunhas comunidades como Oia, e hai que respectalo e defendelo.
O monte de Saiáns, por exemplo, o que está facendo é protexer o monte productor de Oia. A tendencia social vainos levando a facer cada vez máis zonas de frondosa caducifolia porque é o que chama á xente; a tendencia é cara montes de uso social e protectores.
Nun proxecto que estamos desenvolvendo da Fundación Biodiversidade, co que levamos uns anos estudando os sistemas hídricos e de uso social, saen datos moi clariños. En asistencia cidadá, o uso social dos montes de Vigo está á altura de calquera Parque Natural Galego, e eso é algo que hai que ter en conta, potenciar e ver entre todos como arrimamos o ombro para manter isto.

Fálanos dos espazos que tedes para uso social do monte.
– Esta entrevista estámola facendo no primeiro parque forestal que se fixo, hai 40 anos, cando o monte ainda estaba nas mans do Concello e os veciños de Saians empezaron a facer un parque forestal, falaron co Concello e o concelleiro daquela fixo aquí unha caseta de madeira e os bancos.
O Concello suministraba o material e os propios veciños fixeron as bases de formigón e levaron a pedra a serrar, fixeron as mesas… e aquí naceu unha rede de parques forestais, creo que son 18 os que temos no concello, e o uso social é moi alto.
Se entras na web do Concello verás que fala marabillas dos parques forestais, pero a atención que lles están dando non é a que se merecen. É unha pena porque o uso social que teñen é incrible.
– Ese alto uso social e a presión da cidade xéravos tamén problemas?
– A inmensa maioría da xente que fai un uso social do monte pórtase de marabilla. O problema témolo no verquido de escombros, que é demencial. Nun concello que ten puntos limpos, servizos de recollida e a xente vén ao monte e tira escombro e de todo.
Nun concello que ten puntos limpos e servizos de recollida, o alto volume de verquido de escombros e voluminosos no monte é demencial
Sentímonos decepcionados por ese comportamento e porque vemos que as Administracións tamén se desentenden. Eses verquidos tería que limpalos o Concello, pero poñen problemas. Creo que a Administración debería colaborar e evitar estes tirapuxas.
Logo, motos e quads teñen moi pouco respeto, non poden andar por calquera parte. Hai que pedirlle máis conciencia á xente, estes montes son privados, de propiedade veciñal, e dedicámoslle moito traballo a mantelos.
Estades nun proxecto da Fundación Biodiversidade para poñer en valor os servizos ecosistémicos que lle prestan os montes veciñais de Vigo á sociedade. Que destacarías destes servizos ecosistémicos?
– Co proxecto estudamos o uso social e recreativo, pero tamén os servizos hídricos e os de captura de CO2 almacenado no chan. É de agradecer o traballo da UVigo porque foi marabilloso para nós comprobar os datos.
Por exemplo, dos montes de Vigo está saindo auga para un 15% da poboación de Vigo. Temos a mellor calidade de auga. Bembrive e Beade son as zonas onde se empezou a captar auga para o centro de Vigo, para o depósito do Castro.
Sobre o uso social saíron datos moi relevantes. Estamos ao nivel de uso de moitos parques naturais, e se vemos as partidas que se destinan aos parques naturais e as comparamos cos nosos montes, practicamente non se destina nada.
A maioría do noso monte ten un carácter protector, con moitas masas de frondosas que privilexian o uso social da cidadanía
Isto fainos ver que é preciso abrir vías de implicación das Administracións públicas: Concello, Deputación, Xunta, Estado, para ir buscando como colaborar, ás veces non é preciso dar diñeiro, senón axudar, por exemplo traendo un tractor que veña limpar pistas. Para nós é suficiente, é cuestión de buscar fórmulas.
Outra vía é buscar colaboracións privadas, nós levamos uns anos co apoio de Vegalsa Eroski, que nos patrocina unha escola no monte, traendo a nenos de varios coles da cidade ao monte.
Este ano co Grupo Pereira tamén reparamos baños que tiñamos, que é unha demanda que hai dos usuarios.
Fixemos actividades, e queremos ir incrementando a participación das empresas e colectivos. O futuro é ter un monte que se defenda el e que o defenda a cidade e as parroquias.
Un dos problemas habituais nos montes veciñais é a escasa participación social e a falta de relevo xeneracional na súa xestión. No voso caso, estades nunha zona moi habitada, como é a implicación da veciñanza nos montes?
– O gran problema que temos é que a inmensa maioría das persoas comuneiras somos maiores, en xeral xubilados… Aí temos que traballar nese relevo, que é necesario.
É necesario traballar o relevo xeneracional, a gran maioría de comuneiros son xubilados
Temos un convenio de ‘Escola no monte’ con Vegalsa Eroski e cando veñen visitarnos rapaces, sempre lles digo que eles son os futuros comuneiros. Sempre os ves con ilusión, plantando, regando, limpando… Cremos que esa é unha liña de traballo moi interesante, porque o monte necesita dedicación e moitas horas.
Cando falamos do incendio do 2017, dicimos que tirou pola borda o traballo de moitos anos de moitos comuneiros… Que veña un lume aquí e nos barra 40 anos de traxectoria… Entón temos que traballar desde os colexios e involucrar á xente nova para que sexan o relevo, intentar meter aos netos. Isto xa non é pra nós ou para os nosos fillos, é máis para os nosos netos e bisnetos.
Trinta anos da Mancomunidade de Montes de Vigo
Cóntanos de forma breve unha pequena cronoloxía – historia do proceso de recuperación dos montes veciñais en Vigo e da posterior creación da Mancomunidade de montes de Vigo.
– Os montes veciñais en mancomún de Vigo empezáronse a recuperar hai case 40 anos, que levamos algúns, outros 30 e noutros casos foi algo máis recente. E a constitución da Mancomunidade de Montes de Vigo produciuse hai case 30 anos, no 1996. Hai 4 anos que celebramos o 25 aniversario e mirabamos as notas de prensa que había daquela e é curioso, porque comprobamos que vimos reclamando case o mesmo que hai 30 anos, en realidade pouco se avanzou en canto ao apoio das Administracións.
Que fitos ou logros destacarías nos anos que leva a Mancomunidade?
– A Mancomunidade de Montes de Vigo nestes case 30 anos leva feito moitos traballos, pero un punto de inflexión dáse a partir do ano 2012, que foi cando o Concello de Vigo empezou co plan de emprego municipal, o que permitiu empezar a ter xente contratada, tivemos un enxeñeiro, unha arqueóloga, xente na xestión administrativa…Tivemos distinto persoal que nos permitiu un impulso moi importante e neste momento estamos nun nivel top.

Galego









Control OJD