Os montes de Porto do Son afectados polo lume encaran a súa recuperación

O Distrito Forestal do Barbanza, que xestiona as comunidades de montes veciñais conveniadas coa Xunta, traballa xa para establecer peches de emerxencia para o gando nos montes de Xuño (Porto do Son) e de Oleiros (Ribeira). Planifica a retirada de madeira queimada e está a arranxar traídas de augas e drenaxes

Os montes de Porto do Son afectados polo lume encaran a súa recuperación

Zona afectada polos lumes de Porto do Son.

Os montes de Porto do Son, con máis de 1.600 hectáreas queimadas polo lume este mes de agosto, están a enfrontar xa a súa recuperación. Boa parte da superficie afectada corresponde a comunidades de montes veciñais que tiñan conveniada a xestión da súa superficie coa Consellería do Medio Rural, polo que é o Distrito Forestal do Barbanza o que se encarga de xeito directo da planificación e execución dos traballos. En montes particulares, son os propietarios, que teñen acceso a unha liña de axudas por danos, os que deben afrontar a rexeneración das súas parcelas.

As perdas derivadas dos lumes de Porto do Son sobre as comunidades de montes veciñais son cuantiosas. Dous peches gandeiros nos que pastaban 200 vacas e 110 cabalos quedaron parcialmente calcinados, en tanto boa parte dos pastos víronse tamén afectados. Os lumes queimaron ademais arredor de 300 hectáreas de arborado que aínda non tiña valor comercial e outras 100 hectáreas de monte xa madeirable dentro destas comunidades de montes.

Peches gandeiros
O Distrito Forestal do Barbanza traballa sobre ambas cuestións. Unha das prioridades pasa por ofrecerlle unha alternativa de pastos ás asociacións gandeiras que operaban nos peches afectados polo lume. Con ese fin, habilitaranse dous peches de emerxencia, un en Xuño e outro no monte de Oleiros (Ribeira).

Peche gandeiro afectado polo lume.

Peche gandeiro afectado polo lume.

“Son peches de emerxencia, un de 90 e outro de 30 hectáreas, que permitirán afrontar os próximos meses” -explica o xefe do Distrito Forestal, Odón López.- “Acometeremos desbroces e implantación de pastizais nos novos peches, pero somos conscientes de que estes novos recintos, de menores dimensións ós existentes, non permiten cubrir todas as necesidades dos animais, polo que farémonos cargo tamén de parte da alimentación suplementaria que haxa que suministrar”, destaca.

Os traballos orientaranse en segundo lugar a recuperar os dous peches afectados polo lume. Haberá que sustituír postes de madeira por outros de metal galvanizado, que se espera que sexan resistentes a futuribles lumes, e agardar a rexeneración dos pastos. De acordo coa lexislación, con carácter xeral o gando non poderá pastar alí ata dentro de dous anos.

Aproveitamentos madeireiros
Os montes afectados polos lumes deste verán, principalmente os de Xuño, Caamaño e Ribasieira (Porto do Son) e Oleiros (Ribeira), xa sufriran outro gran incendio no 2006. Boa parte dos piñeirais rexenerados tras aquel verán volveron caer no novo lume dez anos despois, cando aínda non tiñan valor comercial.

“Eran montes coidados, nos que estabamos a facer podas e rozas, pero cando hai un lume como o de agosto, é imposible paralo” (Odón López)

O Distrito Forestal cifra en arredor de 300 hectáreas a superficie que se atopa nesa situación. “Eran montes sobre os que estabamos a aplicar unha boa silvicultura, estaban podados, desbrozados e ordenados; pero cando hai un lume como o de agosto, con fortes ventos do nordés e altas temperaturas, resulta case imposible parar o incendio aínda que o monte estea ben xestionado”, valora Odón López.

Agora toca de novo comezar de cero e rexenerar a zona. O primeiro paso será a retirada da madeira queimada, aínda sen valor comercial. “Onde sexa posible, naquelas zonas con empresas interesadas, extraeremos a madeira a custo cero. Onde non sexa viable a extracción, trituraremos nós os restos sobre o lugar, de xeito que contribúan a previr a erosión”, detalla o xefe do Distrito Forestal.

As zonas que contan xa con aproveitamentos madeirables, de valor comercial, sacaranse a poxa por vía urxente, a fin de evitar no posible o deterioro da madeira por fungos.

Unha vez retirada toda a madeira, haberá que plantearse como enfocar a rexeneración da zona. “Pensamos que haberá unha mala rexeneración a partir de piñas, pero temos que agardar á primavera que vén para comprobalo. En función da rexeneración natural que haxa, valoraranse posibles repoboacións”.

Actuacións complementarias
Outra das actuacións prioritarias que xa está a acometer o Distrito de xeito directo é o arranxo de traídas veciñais ou de particulares, a fin de restablecer o antes posible o servizo de auga. Tamén se están a executar obras para garantir a drenaxe correcta das augas pluviais, sen que causen danos sobre pistas forestais ou propiedades particulares.

O Centro de Investigación Forestal de Lourizán, pola súa banda, está a determinar o impacto do lume sobre o solo das áreas afectadas, de cara a determinar os puntos que precisan de actuacións para previr a erosión. Sobre eses enclaves procederase ó esparcido de palla co fin de evitar o arrastre das terras polas chuvias. A medida facilitará a rexeneración natural do terreo.

Estratexia
De cara ó futuro, o Distrito Forestal agarda que a investigación do incendio de Porto do Son -a todas luces intencionado, con dous focos de inicio-, poida determinar as motivacións que houbo detrás do lume. Desde o Distrito descartan xa que puidese haber intereses gandeiros ou madeireiros no incendio. Aclarar que factor ou factores orixinaron o fogo preséntase como importante para evitar que todo o traballo que agora se está enfrontando remate desmoronándose como a pedra de Sísifo nun futurible novo lume.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información