Os mellores grelos de Galicia compiten este domingo nas Pontes

Este domingo, 7 de febreiro, celébrase no concello coruñés das Pontes a XXXVI Feira do Grelo

Os mellores grelos de Galicia compiten este domingo nas Pontes

O concello coruñés das Pontes acolle este domingo, 7 de febreiro, a XXXVI edición da Feira do Grelo. Esta celebración inclúe un amplo programa de actividades como concurso de grelos, mostra de artesanía e produtos da comarca do Eume, degustacións ou festival de comparsas.

Programa:

Así, a Concellería de Cultura do Concello das Pontes prevé o seguinte programa de actividades para este domingo:

08:00 a 10:00 horas: Concurso para cestas de grelos no mercado municipal.

10:00 a 11:00 horas: Exposición e cualificación das cestas.

11:00 a 13:00 horas: Retirada das cestas seleccionadas polo xurado e posta á venda da mercadoría exposta.

Dende as 11:00 horas: Obradoiros para os máis pequenos na sala de exposicións do Mercado Vello.

12:30 horas: Entrega de premios do concurso de cestas de grelos. No patio do Colexio Santa María.

12:30 a 15:00 horas: Degustacións de pratos elaborados con grelos no patio do Colexio Santa María. Prezo: 10 euros. O menú inclúe sopa de cocido, cocido, e sobremesa de requeixo da Faeira con arandos e mel de Goente. Tamén haberá servizo de menú para levar.

Tamén haberá freixós para levar nun posto instalado na Avenida de Ferrol.

Ademais, na rúa Ramón Cabanillas instalarase un espazo gastronómico con Food Trucks (camións de comida para levar) e postos con produtos alimentarios naturais e ecolóxicos elaborados artesanalmente.

Tamén haberá espazo para unha mostra de razas autóctonas galegas (can de palleiro, galiña de Mos, ovella galega ou Porco Celta), unha mostra da Asociación Galega de Froita Autóctona do Eume ou de artesanía con traballo da madeira ao vivo.

E todo isto amenizado con música na rúa a cargo dos grupos Alfaia e Fanfarria Taquikardia e de comparsas que se darán cita no XIII Festival de Comparsas Vila das Pontes.

Bases do concurso de grelos:

O regulamento aprobado pola organización establece as seguintes bases para participar no concurso:

-Os grelos presentaranse en cestas e estas deberán conter como mínimo 10 madas, sendo estas condicións necesarias para poder concursar.

-Só se admitirá un concursante por unidade familiar.

-Os concursantes deberán ter un mínimo de 16 anos.

-A partir das 10 horas, momento no que o xurado comezará a facer o reconto das cestas concursantes, non se admitirán máis cestas ao concurso. Aínda que para a admisión de inscripcións terase en conta a adaptación á infraestrutura e xestión da feira, polo que no caso de que o número de participantes sexa superior ás prazas disponibles a selección farase por orde de inscripción. As cestas que non sexan admitidas poderán poñerse á venda, pero non participarán no concurso.

-O concurso rematará ás 11:00 horas, comezando a esa hora a venda ao público dos grelos non agraciados con premio.

-O xurado estará composto por persoas coñecedoras do produto, e un representante do concello con voz pero sen voto.

-As decisións do xurado serán inapelables, podendo declarar desertos os premios en calquera das categorías.

-Os donos das cestas admitidas a concurso percibirán 20 euros en calidade de gastos de desprazamento, para o que deberán presentar o DNI.

-Establécense Premios á Calidade do Grelo: 1º con 300 euros, 2º con 250 euros, 3º con 200 e tres accésit de 60 euros.

Premios á Mellor Cesta Adornada: 1º con 300 euros, 2º con 200 e un 3º con 100 euros de premio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información