“Os lumes queimáronnos máis de 18.000 oliveiras na última década; non volverei plantar en Galicia”

Pepe Barroso viu como os lumes foron reducindo a cinzas boa parte das oliveiras que tiña na provincia de Ourense, ata o punto de que só lle quedan 214. Ante as cuantiosas perdas, decide desistir na súa aposta polo cultivo na comunidade

“Os lumes queimáronnos máis de 18.000 oliveiras na última década; non volverei plantar en Galicia”

Pepe Barroso contaba con diversas plantacións en distintas zonas de monte da provincia de Ourense. / Arquivo.

Os lumes rexistrados nos últimos días en Ourense volven deixar un regueiro de perdas tras de si nun rural ferido e canso dos embistes das lapas. Os incendios supoñen un duro revés e mesmo marcan o final para algunhas das iniciativas que se estaban a levar a cabo na provincia.

Pepe Barroso, propietario de Olivas Eidos de Iria, leva tempo sufrindo nas súas oliveiras os incendios que ano tras ano asolan Ourense. Nos lumes dos pasados días en Monterrei acaba de sumar novas baixas. “Eran as últimas parcelas que nos quedaban en zona de monte. Os lumes deixáronnos feridos de morte”, explica abatido Barroso. Nin tan sequera quixo achegarse aínda ata o olivar para ver os danos. “Foi ata alí o empregado e recomendoume non ir… Xa sufrín dabondo”, comenta.

Acaba de perder as últimas oliveiras que lle quedaban en montes de Monterrei nos lumes dos días pasados

Leva anos arrastrando as perdas dos lumes que cada verán arrasan o monte ourensán. “Quédannos 214 oliveiras das case 19.000 que tiñamos censadas no 2011”, apunta. Nestes 9 anos o regueiro de danos foi constante. “No 2012 perdemos 500, no seguinte 400, logo 600, outro ano perdemos 1.000 e agora xa non podemos máis”, recoñece.

Sabe que as súas oliveiras non eran o obxectivo dos que prenderon o lume, pero ó igual que moitos outros produtores da zona, as súas colleitas acaban sendo danos colaterais dos incendios. “Non é que queiran arrasar coas oliveiras ou cos viñedos, pero unha vez que prenden o lume no monte e se descontrola arrasa todo o que pilla ó seu paso”, indica.

Oliveiras

Unha das plantacións que Barroso tiña na zona de Ourense.

O apego ó rural ourensán

Olivas Eidos de Iria conta con olivares tamén na horta de Madrid e de Castela, pero as de Galicia eran as que tiñan un maior valor sentimental tanto para Barroso coma para a súa familia, dado que estaban na súa terra natal, repartidas por distintos montes da provincia de Ourense. “Houbo quen non chegou a comprender a miña teima por ter oliveiras nos montes de Ourense, pero eu sempre quixen producir aquí polo cariño que teño por esta terra, pese a que non é doado facelo polas condicións climáticas”, detalla.

Tralos últimos lumes ten claro que non seguirá apostando por Galicia, tanto polas perdas económicas que lle supoñen como polo desgaste mental que provoca ver as plantacións arrasadas ano tras ano. “Ó igual que se fai cos viñedos, hai oliveiras que poden recuperarse con moitos esforzos logo dos lumes. Cunha boa poda, un bo rego e abonado e con moitos coidados podes conseguir recuperar unha porcentaxe deses exemplares, pero se dentro de 2 anos volves estar nas mesmas, para que vas facer ese esforzo?”, cuestiona.

“Tardei moito en querer velo, pero a realidade é que se non é un ano será outro, pero vai rematar ardendo”

A desconfianza a que o lume volva arrasar os olivares nos próximos veráns levouno a tomar a decisión de non plantar nestas terras. “Tardei moito en querer velo, pero a realidade é que se non é un ano será outro, pero vai rematar ardendo”, recoñece.

Olivas-

Barroso recoñece con pena que non volverá a encher as cestas con aceitunas dos oliveirais dos montes de Ourense, como fixera en anos pasados.

Agora conserva só 214 oliveiras en plantacións que foi realizando en zonas máis próximas a vivendas ou que mesmo se sitúan no agro das aldeas. “Se agora arrasan con esas significará que o lume tamén levou por diante vivendas”, comenta. Son parcelas cun risco moito menor e que agarda poder seguir mantendo.

Este mesmo inverno tamén trasladou a última plantación que tiña na Serra do Xurés e deste xeito conseguiu salvar os exemplares dos incendios que se produciron nestes días. Agora estas oliveiras, preto duns 1.400 exemplares, están en Allariz, tras venderllas a un amigo. Porén, agarda seguir procesando el a produción que teñan.

Sen opcións de seguros

Ó longo destes anos leva investido nas plantacións de oliveiras en Ourense arredor de 80.000 euros, un gasto que non pode volver afrontar sen garantías. Ademais, atópanse totalmente desprotexidos dos danos que provocan os lumes. “As compañías de seguros non che ofrecen ningún tipo de cobertura contra os lumes nestas zonas ó haber incendios un ano si e outro tamén”, indica.

“As compañías de seguros non che ofrecen ningún tipo de cobertura contra os lumes nestas zonas ó haber incendios un ano si e outro tamén”

Pese ás perdas económicas que lle supoñen os lumes, Barroso apunta a que o peor está sendo atopar as oliveiras queimadas e a carga mental de ver o monte arrasado deste xeito cando regresan a Galicia dende Madrid, onde residen. “Antes a miña familia, os meus rapaces, subían ilusionados ó monte, pola diversidade que alí atopabas, agora cada vez querían ir menos ó atopar sempre zonas queimadas”, apunta.

O produtor amósase moi crítico coas politicas de xestión dos montes e do rural que se están levando a cabo e que non están sendo efectivas para evitar os lumes. “Hai moitas causas detrás destes lumes, moitos intereses detrás de que arda o monte e a todo isto súmase a despoboación, que tamén está contribuíndo a que sexan máis difíciles os labores de prevención”, valora. “Isto só parará dentro de 7 ou 8 anos, cando xa non queden máis que penedos e non haxa nada que queimar”, sentencia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información