“Os lodos activados chegan a suprimir o 99% das verteduras contaminantes das adegas”

Entrevista a Íñigo Marín Landa, enxeñeiro de IKS Group, que vén de participar nunha xornada da EVEGA sobre “Xestión Ambiental en Adegas: Novos procesos”.

Publicidade
“Os lodos activados chegan a suprimir o 99% das verteduras contaminantes das adegas”

Reducir o impacto ambiental, e en concreto das verteduras, é unha preocupación crecente entre as adegas. Íñigo Marín Landa, enxeñeiro de IKS Group, vén de participar nunha xornada da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) sobre “Xestión Ambiental en Adegas: Novos procesos”, cun relatorio sobre “As verteduras nas adegas: Avaliación da carga contaminante. Posibles solucións”

Cales son os principais produtos contaminantes que se xeran nas adegas?
As augas residuais desta actividade xéranse fundamentalmente nas tarefas de limpeza dos depósitos e equipos que están en contacto coa uva, viño e produtos que se van obtendo en cada fase produtiva. Outra parte provén de derrames durante as trasfegas e da súa limpeza.

A composición das augas residuais ten orixe nos compoñentes da uva, mosto ou viño: sobre todo o alcol e os zucres, así como os produtos engadidos e os residuos xerados nos procesos. Estes produtos, por si sós, ou mesturados coa auga, xeran unha auga residual cunha moi elevada DQO (Demanda Química de Osíxeno) que ao verterse nun río poden chegar a esgotar o osíxeno disolto na auga (dependendo da natureza da canle receptora). Este, é o principal efecto contaminante entre outros, como poidan ser a cor, pH, etc

Cre que hai conciencia no sector do perigo que supoñen para o medioambiente estas verteduras?
Hoxe en día hai información suficiente dispoñible para poder rapidamente tomar conciencia do problema. Con todo, entendo que pode haber reticencias a realizar investimentos non produtivos, na medida en que o problema, moitas veces en forma de susto administrativo, non se produciu.

Como se avalía ou estima a carga contaminante dunha adega?
Se o que se desexa é coñecer a carga de contaminación total é necesario, para unha correcta avaliación, coñecer os procesos produtivos que se desenvolven ao longo do ano, os consumos de auga nos mesmos e as súas cargas contaminantes medias (a través da realización de analíticas de caracterización da auga residual). A nivel estimativo hai procedementos máis simples, pero loxicamente máis inexactos.

É suficientemente clara e estrita a lexislación española respecto diso ou considera que serían necesarios realizar algúns cambios lexislativos?
A lexislación tal e como se aplica na maioría de rexións é suficientemente clara respecto diso. Con todo, nalgúns casos, as circunstancias no punto de vertedura das augas residuais poden dar lugar a condicionantes particulares. Por exemplo, e falando de vertedura a río, os condicionantes particulares pódense dar en zonas ambientalmente sensibles, zonas de baño, vertido a encoros, zonas de protección de captacións de abastecemento, etc. No caso de vertedura a unha rede de saneamento público os condicionantes solen ser máis estándares.

“O problema é cando as adegas consideran que o tratramento dos vertidos non xera valor”

Que solucións se propoñen para reducir as verteduras contaminantes nas adegas e que medida reducen a contaminación?
As tecnoloxías que se impuxeron no sector son aquelas baseadas no tratamento biolóxico da auga residual, e entre estas, as tecnoloxías baseadas no que xenericamente se coñece como “lodos activados”. Tecnoloxías deste tipo como a coñecida como MBR (Membrane Bio-Reactor) poden chegar a eficiencias de máis do 99% de maneira estable. Este rendemento do 99% é en moitos casos necesario para cumprir cos requisitos ambientais da vertedura, o que indica a elevada fiabilidade da que ten que dispoñer o proceso elixido.

Serían tamén aplicables para adegas de pequeno tamaño, as máis frecuentes en Galicia?
Os procesos son escalables, e por tanto pódense aplicar a adegas de pequeno tamaño sen maiores problemas.

Realmente é caro para unha adega suprimir as súas verteduras contaminantes?
O problema vén da consideración de moitas empresas de que o tratamento da auga residual é algo alleo ao seu proceso produtivo e que por tanto non xera valor.

Cales serían as adegas e os países de referencia na supresión deste tipo de contaminación?
A nivel tecnolóxico a problemática atópase debidamente estudada e existe literatura e solucións no mercado español que dan garantía suficiente de cumprimento para cada situación. Quizais a situación máis particular e diferencial para Galicia sexa o tamaño reducido das adegas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información