“Os lobos non entenden de medidas de prevención”

Unha granxa de Cotobade intenta recuperar a unha das súas mastíns, gravemente ferida tras un ataque dos lobos o seu rebaño. A Asociación por la Conservación del Mastín Tradicional pide maiores apoios para as ganderías

“Os lobos non entenden de medidas de prevención”

Feridas sufridas por unha das mastinas da gandería.

Unha gandería de Viascón (Cotobade, Pontevedra) sufriu un ataque de lobos que deixou a unha das súas mastíns con feridas graves. A granxa, adicada maioritariamente ó gando vacún, perdeu no incidente cinco cabras, das que a gandería non atopou nin os restos. Tras este incidente, que se produciu a pasada semana, a Asociación por la Conservación del Mastín Español Tradicional demanda maiores apoios para as granxas e pon de manifesto as dificultades que teñen os produtores para previr os ataques do lobo.

Deixámosvos a continuación un artigo de opinión sobre o ataque escrito pola Asociación por la Conservación del Mastín Tradicional (Acmet)

Agora é cando hai que estar

Mercedes Alonso, gandeira en Viascón (Cotobade, Pontevedra), unha vida, unha forma de vida que nos beneficia a todos, unha explotación gandeira familiar. Mercedes coa súa actividade favorece a biodiversidade e loita e pelexa día a día por manter a súa gandaría, apostando pola coexistencia cos depredadores, facendo caso ás administracións e apostando polas medidas preventivas.

Mercedes interesouse por Acmet (Asociación por la Conservación del Mastín Español Tradicional), asociouse e adquiriu mastíns como ferramenta para o seu traballo, como uns animais máis do seu rabaño ao cal defenden coa súa vida, animais aos que coida, aos que mantén, é un gasto que no fondo repórtalle un servizo.

“Fálase do lobo e está ben, fálase de protexer a fauna e está ben, pero alguén pode escoitar a Mercedes?”

Pero os lobos non entenden de medidas e probaron sorte co seu rabaño. O ataque deixou a unha cadela mastina malferida, que non podía ter a protección dunha carlanca -colar de pinchos-, pois a lexislación prohíbello. Facía xa un ano que non tiña ataques, aínda que os tivo anteriormente.
Ela colabora no mantemento da paisaxe agraria tradicional, evitando lumes, limpando o monte.

Fálase moito do lobo e está ben, protéxese a fauna e está ben, a flora, a paisaxe… pero alguén pode escoitar a Mercedes?. Agora é cando os que se enchen a boca coa coexistencia, os que animan ao gandeiro a obter cans protectores do rabaño, cans mastíns, deben estar aí e explicarlle a Mercedes porque non regulan dunha vez a tenencia destes cans dunha forma lóxica, considerándoos animais de traballo e non de compañía.

Agora é cando a administración debería custear a recuperación do que o lobo danou, tanto o que se refire ao rabaño como aos mastíns que forman parte del, porque todos somos administración e a todos aféctanos este ataque.

Somos todos os que queremos que Mercedes siga coa súa actividade e se isto ten un custo, entre todos debemos facer fronte ao mesmo.

Señoras da Consellería de Medio Ambiente, poñan en valor a gandaría, tanto polo que esencialmente significa como por ser un motor do rural, polo beneficio que a súa práctica ten para toda a sociedade. Poñan en valor ao Mastín de traballo, protéxano, considéreno como un ben de interese cultural, sempre o foi, déixenos traballar e apoien aos gandeiros que os usan como medida preventiva, só así terán sentido as súas políticas e non serán soamente intereses que non responden o beneficio do medio natural, senón a outros que nada teñen que ver con este.

Asociación por la Conservación del Mastín Español Tradicional

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información