Os invisibles do rural

A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) e a obra social La Caixa impulsan unha serie de programas para atender as necesidades específicas de colectivos que adoitan pasar desapercibidos no agro, como mulleres, persoas maiores, nenos e mozos

Os invisibles do rural

Higinio Mougán e José Montes (Agaca), á esquerda, e Marc Benhamou e Laura Lema (Caixabank), na presentación do programa de accións.

Os problemas de fondo do rural, como a crise do agro ou o progresivo despoboamento, deixan nun segundo plano outras cuestións. As necesidades específicas de colectivos como as mulleres ou as persoas maiores adoitan así quedar invisibilizadas, unha situación que motivou á Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) a deseñar unha serie de intervencións. O obxectivo do programa, no que colabora a obra social de La Caixa, é atender problemas que presentan colectivos específicos, como mulleres, mozos, persoas maiores e nenos.

O papel que xoga a muller no agro é o caso máis notorio. As estatísticas déixano claro. Un 49% das persoas socias das cooperativas agrarias son mulleres, pero a súa representación nos consellos reitores baixa ó 12% e na presidencia de cooperativas ó 3%. Agaca está a desenvolver unha serie de accións nas distintas cooperativas socias para tratar de promover un cambio cultural sobre o papel público das mulleres.

Un 49% das persoas socias de cooperativas son mulleres, pero só representan un 12% dos consellos reitores e un 3% das presidencias

“Nas cooperativas temos unha porcentaxe importante de socias titulares, pero moitas veces é o marido o que vai ás asembleas, cando en realidade é a muller a titular e a que leva a xestión da explotación”, explica o director xerente de Agaca, Higinio Mougán.

O programa adicado á muller, que leva por título ‘Atrévete contigo mesma’, consiste na realización de charlas coas mulleres. As sesións buscan concienciar ás socias das súas capacidades, de cara a promover unha maior autoestima e un empoderamento. Trátase ademais de crear un grupo informal de mulleres nas cooperativas, a fin de promover o apoio mútuo e o traballo en conxunto.

Outra pata do traballo radica nas propias cooperativas e, en ocasións, tamén na parte masculina das explotacións. “Non é fácil cambiar tendencias nas agrupacións. Hai entidades que están moi concienciadas con esta cuestión, pero outras, cando lles planteamos realizar este programa, pensan que non imos en serio”, valora Higinio. “Ás veces, só temos que avanzar en pequenas cuestións, como poñer as asembleas a unha hora que permita conciliar a vida familiar”, sinala.

Persoas maiores

A atención a persoas maiores e dependentes é outra das liñas de traballo promovidas conxuntamente por Agaca e pola obra social de La Caixa. As accións neste campo oriéntanse á celebración de xornadas con coidadoras/es de persoas maiores, a fin de explicar de xeito práctico técnicas de coidado e de mobilización de persoas dependentes. Tamén se ofrecen claves para lograr un envellecemento activo.

As profesionais que desenvolven o programa, especialistas na atención a persoas maiores e con dependencia, atopáronse nas cooperativas con que había reticencias entre as persoas socias para asistir a estas charlas, unha cuestión que sorprendeu. “No rural hai un tabú sobre a existencia de persoas maiores e que poden enfermar. Dá a impresión que se quere tapar que pode haber un problema na casa ou que se pensa que se se vai a esas charlas, os demais van pensar que un non sabe coidar ben os seus maiores”, sopesa Higinio.

Outra cuestión que se detecta nas charlas dirixidas ó coidado das persoas maiores é que a gran maioría das asistentes son mulleres. Os homes, salvo excepcións contadas, brillan pola súa ausencia.

Incorporación de persoas mozas

Este ano, como novidade das accións deseñadas por Agaca, vaise realizar un programa dirixido á xente nova. “Queremos animar ós mozos a ter actividade no rural. Hai que prestixiar e darlle dignidade ó traballo no rural”, defende Higinio Mougán.

Almorzo con beizos brancos
O programa de intervencións de Agaca complétase cunha iniciativa dirixida ós máis pequenos, a de ‘Almorzo con beizos brancos’, que consiste na realización de charlas nas escolas para promover un almorzo saudable. Explícanse as opcións que hai para almorzos sans e naturais e, ó remate, ofréceselle un almorzo ós cativos a base de leite enteiro, cacao puro adozado con mel, unha rebanda de pan galego con aceite e unha peza de froita.

No marco deste programa, detectouse que hai unha pequena parte de rapaces que van á escola sen almorzar, unha cuestión que se atribúe ós horarios de traballo dos pais, que fan que se descoide este aspecto.

De cara ó 2017, Agaca programou preto de 40 charlas orientadas ós distintos colectivos cos que traballa. As accións presentáronse onte, nun acto no que participaron o presidente de Agaca, José Montes, o director xerente da Asociación, Higinio Mougán, o director territorial de Caixabank, Marc Benhamou e a responsable do negocio agrario da entidade, Laura Lema. Caixabank aporta un total de 40.000 euros á iniciativa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información