Ante o comunicado da Consellería do Medio Rural publicado na prensa o pasado xoves 6 de novembro (achegamos o enlace deste comunicado publicado en La Voz de Galicia e en Campo Galego: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/coruna/abegondo/2025/11/06/medio-rural-rechaza-comentar-criticassobre-ciam-abegondo-reafirma-compromiso-centros-investigacion/00031762447038199759389.htm e https://www.campogalego.es/respuesta-de-la-conselleria-de-medio-rural-las-criticas-por-la-situacion-del-personal-del-ciam/), tras a saída de sete investigadores do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), o persoal investigador e técnico quere puntualizar varios aspectos que consideran necesarios para ofrecer unha visión máis completa e axustada á realidade actual do centro e remiten as seguintes aclaracións:
Sobre o investimento previsto para a finalización do Banco de Xermoplasma do CIAM no ano 2026
Queremos aclarar que o Banco de Xermoplasma foi inaugurado en xaneiro de 2024 (https://www.xunta.gal/es/notas-de-prensa/-/nova/87238/xunta-finaliza-construccion-del-nuevo-banco-xermoplasma-del-centro-investigaciones), antes das eleccións autonómicas, a pesar de estar sen rematar. Dende entón, o edificio continúa baleiro, sen servizo de datos, con goteiras, cámaras que non serven para o seu cometido e con laboratorios e parte da nave aínda sen construír. Lonxe de estar operativo, o banco atópase cada vez máis deteriorado. Sería desexable que a Consellería organizase unha visita pública ás instalacións, aberta aos medios de comunicación, para mostrar con transparencia a situación actual do Banco de Xermoplasma.
Sobre a suposta inversión para a creación dun laboratorio de bioseguridade nivel 3 no CIAM
Na convocatoria da liña FID 2025 da Axencia Galega de Innovación solicitouse financiamento para a creación dun novo laboratorio de seguridade biolóxica de nivel 3. No seguinte enlace atópase toda a información sobre o resultado das consultas preliminares: https://www.contratosdegalicia.gal/cpm?C=3. Na páxina 48 do Informe de Conclusións indícase que o custo de execución deste laboratorio ascende a 5,2 millóns de euros, cun prazo de execución previsto de dous anos. Cómpre salientar que esta convocatoria aínda non foi resolta, polo que a Consellería non pode afirmar nun comunicado que o próximo ano se vaia materializar dita inversión.
Respecto a esta candidatura queremos salientar os seguintes aspectos:
-
Esta candidatura foi presentada sen coñecemento previo do conxunto do persoal investigador do CIAM, polo que non existiu posibilidade de valorar outras propostas nin de establecer prioridades baseadas nas necesidades reais do centro. Non se trata, en ningún caso, dun rexeitamento a novos investimentos no CIAM, senón da defensa dun enfoque máis coherente coa natureza e vocación deste centro. O CIAM destaca pola súa singularidade, sustentada na súa finca experimental e no seu rabaño, que constitúen un recurso único e diferenciador en toda a península ibérica para a investigación en pastos e forraxes, a conservación de recursos xenéticos vexetais e a produción de carne e leite. Por este motivo, resulta máis razoable e responsable orientar os investimentos cara ao reforzo e modernización destas infraestruturas e medios de traballo, priorizando aquelas liñas que realmente definen e dan valor ao centro.
-
Galicia xa conta con instalacións deste tipo, como o LASAPAGA (Lugo), que dispón dun módulo de bioseguridade nivel 3 e é referente en sanidade animal a nivel estatal. En toda España existen menos de dez laboratorios deste nivel dedicados á investigación veterinaria, e hai comunidades autónomas que non dispoñen de ningún.
Neste contexto, investir varios millóns de euros nunha infraestrutura duplicada non parece nin razoable nin eficiente. -
A memoria do proxecto non recolle nin contempla o orzamento necesario para o seu funcionamento, tanto en gastos de persoal especializado como en custos de operación e mantemento, que son especialmente elevados neste tipo de instalacións.
En definitiva, trátase dunha infraestrutura de custo moi elevado e utilidade limitada a un número moi reducido de investigadores, difícil de xustificar en termos de eficiencia e beneficio colectivo. O seu mantemento implicaría un gasto moi superior á capacidade orzamentaria actual do CIAM, nun momento no que se nos advirte de forma recorrente da falta de recursos para cubrir necesidades básicas de funcionamento.
Sobre a afirmación de que o 79 % do investimento da AGACAL se destina ao CIAM
Cando a Consellería afirma que a maior parte do investimento da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL) se realiza no CIAM, cómpre aclarar a que investimento se refiren exactamente. Como Axencia pública, a AGACAL ten a obriga de contar cun contrato de xestión plurianual que estableza os obxectivos, indicadores e recursos asignados a cada centro.
O último contrato coñecido abrangue o período 2021-2024 e leva once meses caducado. O novo contrato de xestión, correspondente ao período actual, non existe nin foi presentado, polo que calquera porcentaxe sobre execución orzamentaria carece de base real e non é máis ca unha estimación sen respaldo documental.
Sobre a marcha “voluntaria” do persoal investigador do CIAM
Dende a Consellería preséntase como algo habitual da administración o cambio de destino do persoal funcionario, mais cómpre entender que as prazas adscritas a centros de investigación teñen unha singularidade que as diferencia doutros postos. A actividade investigadora require continuidade na carreira profesional, experiencia acumulada e grupos de traballo estables ao longo dos anos, condicións imprescindibles para garantir resultados e manter liñas de investigación consolidadas. Trátase, precisamente, dun problema que viña a solucionar o
Decreto 12/2024, do 11 de xaneiro, polo que se regula a organización, promoción e carreira profesional do persoal de investigación de carácter laboral nos organismos de investigación da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, que no caso do AGACAL continúa sen aplicarse.
As recentes marchas non poden interpretarse como simples traslados voluntarios. Trátase de profesionais que desenvolveron boa parte da súa carreira no CIAM e que decidiron marchar ante a falta de apoio, planificación e investimento que o centro leva sufrindo nos últimos anos. A súa saída é unha perda importante de talento e de coñecemento xerado no propio centro, consecuencia directa dunha xestión deficiente e dun abandono prolongado.
Galego








Control OJD