“Os ingresos non dan para pagar as facturas, tiramos de créditos, aforros ou de non investir”

Oito testemuños de granxas galegas que se manifestaron ante Larsa ou Lactalis en demanda dunha suba de prezos do leite. O aumento dos custos de produción está a afogalas e fai perigar a súa continuidade

protesta gandeiros Larsa Outeiro de Rei (16-11-21)3As protestas dos produtores de leite galegos céntranse neste momento en dúas industrias, a multinacional francesa Lactalis e a cooperativa asturiana CAPSA, propietaria de Larsa. Acúsanas de negárense a trasladar ás ganderías a revalorización que están a ter os produtos lácteos nos supermercados e nos mercados internacionais, unha suba de prezos cos que, din, as empresas estarían facendo caixa a costa das explotacións.

Falamos con gandeiros que se manifestaron este martes en Outeiro de Rei e o xoves pasado en Vilalba para coñecer situacións reais de asfixia no campo e para que nos conten en primeira persoa cal é a perspectiva de futuro das súas granxas.

“Estamos tirando de créditos para poder subsistir” (José Manuel Pintor, O Pino)

“Entrego a Larsa e agora mesmo a situación está moi mal porque estamos vendendo por debaixo dos custos de produción. Eu agora mesmo teño un estudo elaborado pola Universidade de Santiago sobre a miña explotación que indica que o que a min me custa producir un litro de leite é 35 céntimos.

Somos unha explotación familiar na que estamos eu, a muller e os dous fillos, incorporados a filla o ano pasado e o fillo hai dous anos. Temos feito un investimento desde hai seis anos a hoxe de 800.000 euros, polo que non é só sacar un soldo mínimo, hai que facer fronte ao crédito e a amortización da nave e a maquinaria e agora mesmo o que pagamos nas facturas a final de mes non o facturamos no leite, estamos perdendo cartos.

A nosa explotación ten relevo e un investimento feito de 800.000 euros pero con iso non chega, temos que ter rendibilidade para poder continuar

No último ano pecharon en Galicia 380 explotacións e a Administración di que pechan porque non teñen relevo xeracional. Eu teño relevo, pero con iso non chega, temos que ter rendibilidade. E agora mesmo estamos tirando unhas ganderías de créditos e outras de aforros para poder subsistir. Agora van adiantar o pago da PAC pero eu como gandeiro preferiría que nos sacasen as subvencións e nos pagasen o que producimos polo que realmente vale”.

larsa ap

“Isto é unha ruína” (Miguel Miranda, A Pontenova)

“Se non nos melloran algo as condicións que temos isto é unha ruína. Os gastos todos (cereais, electricidade, gasóleo, fertilizantes) soben e o prezo do leite é o mesmo que hai 30 anos. Eu entrego a Lactalis e temos o prezo base en 29 céntimos. Con iso non se dan cuberto custos, así isto non ten moito futuro”.

“Estamos traballando a perdas” (José Luis Anido)

“Estamos traballando a perdas desde fai tempo pero agora agravouse até estarmos nunha situación insostible. Eu teño unha explotación moi pequena, na que muxo 45 vacas e para facer fronte aos mesmos recibos ca antes estou poñendo cada mes 1.000 ou 1.100 euros máis”.

“Non sei ata cando aguantaremos” (Lidia Gómez, Cospeito)

“Temos unhas 100 vacas en muxido e neste momento a situación pola que estamos pasando é moi dura debido á suba que se está producindo día a día nos custos de produción. E vemos que as industrias non moven ficha. Nós temos que seguir producindo, porque o noso é un produto moi perecedoiro que como moito en dous días temos que darlle saída, e as vacas teñen que seguir comendo, pero non sei ata cando aguantaremos”.

protesta gandeiros Lactalis Vilalba (11-11-21)4

“Estannos pagando o leite a 32 céntimos pero cos prezos actuais dos insumnos necesitaríamos cobralo a 40” (José Manuel Castro, Lugo)

“A situación é insostible, porque nos subiu todo, desde as materias primas ao gasóleo ou a luz. Hoxe o litro de leite estanos custando moito máis producilo que fai un ano e non nos queda marxe ningunha, ao contrario, estamos perdendo cartos. No noso caso estannos pagando o leite a 32 céntimos e, cos prezos que temos dos insumos, necesitaríamos cobralo a 40 céntimos”.

“A explotación mantense a base de traballar e non investir” (Xesús Seoane, Boimorto)

“Estou cobrando a 31 céntimos de prezo base, máis as calidades á parte. Con ese prezo difícilmente se poden cubrir os custos de produción. Mantense a explotación a duras penas, vaise tirando a base de traballar, de esforzarse e de non investir. Os pensos xa subiron este ano un 25% e de cara ao ano que vén fálase, por exemplo, de que os abonos nitroxenados van subir un 100%. Se isto non se soluciona difícilmente imos poder resistir moito máis tempo así”.

protesta gandeiros Lactalis Vilalba (11-11-21)2“Cada día que pasa estamos perdendo máis diñeiro” (Cristóbal Touriño, Muxía)

“Temos arredor de 220 vacas en muxidura e entregamos a Lactalis. Cada día que pasa estamos perdendo máis diñeiro. O sector é totalmente inviable desta maneira, non ten futuro ningún. As explotacións van mermando ano a ano e o vindeiro ano van ser moitas máis as que pechen”.

“Se acaban cos gandeiros, detrás irá moita outra xente que vive de nós” (Manuel Pose, Vimianzo)

“Vendo o leite a Lactalis e estamos nunha situación de ruína total. O leite está como fai 50 anos. Estanmo pagando a 32 céntimos e sen embargo a min cústame producilo entre 37 e 38 céntimos, polo que necesitaría entre 5 e 6 céntimos só para cubrir custos. Así é imposible aguantar, estamos ao límite de todo. Eu vexo no meu pobo que os camións que pasan por alí viven directamente a conta dos gandeiros, porque son o camión do leite, o do penso, o da palla, etc. Se acaban con nós, detrás irá moita outra xente”.

Larsa, segunda parada da mobilización ante as industrias lácteas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información