Os incendios forestais achéganse ás zonas urbanizadas en España e California

Un estudo pioneiro do Campus Terra analiza a relación entre os lumes e as áreas edificadas

Publicidade
Os incendios forestais achéganse ás zonas urbanizadas en España e California

Imaxe de arquivo dun incendio en Meira (Moaña), preto das vivendas.

O grupo de investigación Proxectos e Planificación (PROEPLA) do Campus Terra da USC analizou a evolución da distancia entre os puntos de orixe dos incendios e as edificacións en España e California entre o 2007 e o 2015.

O estudo, publicado na revista Forest e titulado ‘Analysis of Trends in the Distance of Wildfires from Built-Up Areas in Spain and California (USA): 2007–2015’, abarca a análise de máis de 100.000 lumes. Os resultados amosan unha tendencia a que nalgunhas áreas, os incendios comezan máis preto das zonas urbanizadas.

En España, no 10,5% da superficie estudada, detectouse un achegamento significativo dos focos de lume ás casas. En California, esta tendencia afecta ao 4% do territorio. Os resultados demostran que os incendios de orixe humana presentan un patrón de agregación espacial, mentres que os de causas naturais son máis aleatorios.

O estudo tamén revela que en España, o 83% dos incendios durante o verán son provocados por persoas, mentres que o 12% son de orixe descoñecida. Neste último grupo, detectouse un incremento significativo da proximidade ás vivendas, especialmente no norte de Asturias. Pola súa parte, os raios orixinan un 4% dos lumes, con especial incidencia na zona dos Pirineos.

En California, os incendios humanos representan o 36% no verán, mentres que os de orixe descoñecida superan o 50%, tamén con achegamento ás áreas edificadas. Os raios provocan o 12% dos lumes no estado norteamericano.

Investigación pioneira

Manuel Marey Pérez, Óscar López Álvarez e Luis Franco Vázquez, autores da investigación, explican que esta “é única no sentido de que compara as tendencias de incendios en dúas rexións xeograficamente distantes con similitudes e diferenzas na súa relación co lume”.

Ademais, indican que “ata onde sabemos, este tipo de análise non ten precedentes científicos”. Os estudos anteriores enfocáronse en patróns amplos, tanto a nivel global como continental ou subcontinental, sen afondar na evolución da relación entre as áreas afectadas polos lumes e as zonas edificadas.

A análise dos resultados mostrou que non houbo rexións onde os incendios se afastaran significativamente dos edificios. Isto apoia parcialmente a idea de que os incendios están invadindo as zonas edificadas, “o que salienta a necesidade de que nos preparemos para vivir co lume”, segundo os investigadores.

Engaden que a súa contribución permite identificar “patróns de comportamento máis detallados que expliquen a relación entre o lume e a infraestrutura humana”, un aspecto non suficientemente estudado en rexións como España e California.

No caso dos incendios forestais en España causados por motivos humanos, observouse que tendían a ocorrer máis preto das edificacións en áreas pouco afectadas polo lume. Nestas zonas teñen orixes relacionadas coa neglixencia, “que poden dar lugar a un certo carácter aleatorio, á vez que manteñen un certo patrón espacial”.

Factores sociodemográficos e ambientais

As características sociodemográficas poderían influír no comportamento dos incendios. “É de destacar que as celas nas que os incendios tiveron un achegamento significativo aos edificios foron relativamente raras, pero situáronse en áreas onde ocorreron máis incendios”, sinalan os investigadores sobre California.

Os incendios naturais concéntranse no norte, nos condados de Humboldt a Modoc, zonas menos afectadas habitualmente. Estes lumes seguen patróns máis aleatorios, pero factores como a presenza de bosques mixtos de coníferas, combinados con condicións ambientais axeitadas, facilitan a súa propagación.

Análise dos incendios en Galicia

En Galicia, onde se concentra a metade dos incendios de España, detectouse que os lumes forestais de orixe natural mantiveron unha distribución estable no tempo, cunha alta incidencia durante o verán e na zona oriental da comunidade.

Os incendios provocados polo ser humano mostraron patróns agregados, cunha forte interacción entre brotes e lumes. A súa distribución variou tanto ao longo dos anos como dentro deles, con maior incidencia nas áreas do sur e do oeste.

Estes incendios presentan un risco elevado a principios da primavera e a finais do verán. Pola súa banda, os lumes causados por neglixencia teñen unha agregación a curta distancia e a súa distribución espacial tamén mostrou variacións temporais.

Este traballo abre a porta a liñas de investigación que analicen os lumes en relación ó seu punto de orixe, tendo en conta tamén outros factores como variables ambientais e conducta do lume.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información