Os impagos de primeiros compradores a 200 gandeiros continúan enquistados

Medio Rural asegura no Parlamento que mediou entre as partes afectadas na busca de solucións. En Galicia hai 23 operadores intermediarios na compra-venda de leite, dos que arredor de media ducia arrastran débedas cos produtores

Os impagos de primeiros compradores a 200 gandeiros continúan enquistados

Os impagos afectan a arredor de 200 explotacións.

Os problemas de débedas que están a xerar no agro primeiros compradores de leite como Lácteos Ortegal chegaron ó Parlamento, onde compareceu a directora xeral de Gandaría, Belén do Campo, a petición do grupo socialista. Do Campo sinalou que a Consellería está a mediar entre os primeiros compradores e as cooperativas e gandeiros afectados polas débedas. Os impagos, segundo as valoracións do sector, afectan a arredor de 200 explotacións galegas, que nalgúns casos levan meses e ata un ano sen cobrar o leite.

Os casos de impagos céntranse en arredor de media ducia de primeiros compradores, do total de 23 operadores intermediarios sen industria que hai autorizados na comunidade. Os coñecidos como primeiros compradores ou ‘tratantes do leite’ mércanlle a produción ás explotacións para venderlla a súa vez ás industrias.

A crise que experimentou o sector nos últimos dous anos repercutiu non só sobre as granxas, senón tamén sobre os operadores intermediarios, que a miúdo se viron con dificultades para colocar o leite. Os problemas céntranse agora nun reducido grupo de compradores que arrastra débedas coas explotacións.

A Consellería do Medio Rural, segundo detallou onte Belén do Campo, chegou a manter reunións a tres bandas con primeiros compradores, cooperativas e gandeiros, e con entidades financieiras, na busca de solucións ós casos concretos de impagos. Do Campo precisou tamén que non lles consta ningunha denuncia polas débedas e que, en calquera caso, a competencia de resolver calquera posible denuncia corresponderíalle ó xulgado mercantil.

Durante o mes de decembro, os primeiros compradores sen industria moveron en Galicia un total de 37,9 millóns de litros de leite, segundo os datos da Consellería. Esa cifra supón arredor do 17% da produción láctea na comunidade.

Normativa
Desde que comezou a crise do leite, na primavera do 2015, as organizacións agrarias demandan que os primeiros compradores estean obrigados a depositar un aval para facerlle fronte a posibles impagos. Tamén se pide que as industrias lácteas teñan unha responsabilidade subsidiria cos primeiros compradores cos que traballan de xeito habitual.

O Ministerio de Agricultura presentou hai un ano un borrador de decreto para regular a estes operadores, pero nada máis se soubo polo de agora do proxecto. Medio Rural, segundo revelaron recentemente as organizacións agrarias, baralla lanzar o seu propio decreto para o caso de que o Ministerio non publique o seu.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información