Os Grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia reciben 722 proxectos para optar ás axudas Leader

A convocatoria 2023-2024 conta cun orzamento de 15,3 millóns de euros. Destas iniciativas, máis do 57 % corresponden a proxectos produtivos e por riba do 42 % a non produtivos

Na última convocatoria de axudas da medida Leader a Xunta recibiu un total de 722 solicitudes para levar a cabo proxectos distribuídos nos 24 territorios pertencentes aos outros tantos grupos de desenvolvemento rural (GDR) da comunidade.

Destas iniciativas, máis do 57 % corresponden a proxectos produtivos e por riba do 42 % a non produtivos. Estes datos foron avaliados esta semana na mesa de coordinación dos GDR, que estivo presidida pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e que se celebrou no pazo de Quián, en Sergude (Boqueixón).

Este balance faise tras rematar, o pasado día 31 de xaneiro, o prazo de solicitudes para concorrer a esta convocatoria para as anualidades de 2023 e 2024 -período de transición establecido pola Unión Europea para a xestión do Leader-, que conta cun orzamento de 15,3 millóns de euros. Este presuposto está cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Posibles beneficiarios

A estas axudas podían optar persoas físicas na súa condición de empresas (autónomos), entidades públicas locais e entidades de natureza privada a través dos 24 GDR do territorio galego, para desenvolver proxectos que dinamicen as súas contornas. As iniciativas clasifícanse como de carácter produtivo ou non produtivo, en función da natureza xurídica da persoa que os promova e de se a súa finalidade é lucrativa ou non lucrativa.

A concesión das axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva a través de cada GDR e as persoas beneficiarias de proxectos produtivos poderán acadar unha subvención de ata o 50 % do orzamento aceptado. No caso dos proxectos non produtivos, esta porcentaxe pode chegar ata o 90 %.

A medida Leader ten como obxectivo mellorar as condicións do rural creando e mantendo emprego e dotando de servizos á poboacións destas zonas. Unha iniciativa que pretende favorecer a ocupación sustentable do territorio, prestando atención especial aos colectivos máis desfavorecidos como as mulleres, as persoas con discapacidade, as persoas maiores e os mozos e mozas.

Na mesa tamén se debateu cos 24 GDR o calendario para a aprobación das novas Estratexias de Desenvolvemento Local dos grupos para o próximo período 2023-2027 de cara á súa aprobación en agosto deste ano. Para este traballo os grupos contan cun orzamento de 840.000 euros, que triplicou o que tiveron no período anterior para a elaboración das estratexias actuais.

Período 2014-2020

O Leader busca impulsar o desenvolvemento rural a través dunha estratexia plenamente participativa e baseada nun enfoque “de abaixo a arriba”, de forma que se garanta a participación activa dos principais axentes locais nestas políticas, mediante o labor dos GDR. No período de execución 2014-2020, esta medida supuxo a mobilización de máis de 169 millóns de euros e unha axuda pública no rural galego de 71,5 millóns de euros, coa creación de preto de 1.000 postos de traballo directos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información