As mobilizacións iniciadas pola Plataforma en Defensa do Sector Lácteo terán protestas en paralelo en Lugo organizadas pola asociación Agro Muralla, creada polos produtores que lideraron as protestas lucenses en setembro, segundo publica hoxe o xornal El Progreso. A mobilización celebrarase o xoves 10 e en principio cóntase con que os tractores volvan á Ronda por un so día.
Entre tanto, a Plataforma en Defensa do Sector Lácteo ten previsto un acto na capital lucense mañá mércores a partir das 12 horas no centro comercial As Termas. O grupo de Lugo, que desde un principio se declarou á marxe dos sindicatos agrarios, optou por organizar o seu propio acto de protesta en lugar de sumarse á convocatoria da Plataforma.
O obxectivo de fondo é o mesmo, visibilizar a falta de avances no prezo do leite no campo dous meses despois de asinado o acordo de Madrid.