“Os gandeiros temos que ir coa cabeza alta, somos os que alimentamos á humanidade”

Pepe de Cimadevila é un gandeiro de Montederramo que leva toda unha vida loitando polo rural. A súa gandería de raza autóctona Vianesa é un referente en Galicia, apostando pola venda directa e pola produción a baixos custos. Defende a necesidade de que os gandeiros de razas autóctonas se asocien para avanzar na comercialización

“Os gandeiros temos que ir coa cabeza alta, somos os que alimentamos á humanidade”

Pepé de Cimadevila coas súas vacas de raza Vianesa.

Xosé Blanco Blanco, “Pepe de Cimadevila”, é un gandeiro de Montederramo (Ourense) que como el di “ao igual que as miñas vacas, camiño coa cabeza alta porque loito e traballo no que me gusta”. Facémoslle a entrevista en medio dunha paisaxe bucólica de prados e carballeiras, libre de incendios e que produce riqueza grazas a gandeiros coma el.

A súa estratexia ao longo destes anos foi apostar pola extensificación para producir a baixos custos e por unha raza rústica e autóctona, como é a Vianesa, que ofrece unha carne diferenciada e logra unha media de 18 partos. A terceira pata da súa gandería, Cimadevila SC, foi apostar con éxito pola venda directa a particulares, algo que defende que se podería facer en conxunto entre varios gandeiros con razas autóctonas galegas.

¿Cóntamos como é a túa gandería?
Teño unha gandería de raza Vianesa autóctona e estou en ecolóxico. O meu rabaño ten uns 200 animais, dos que 87 son nais, 7 touros e o resto xovencas e becerros. Pastorean unhas 145 hectáreas tanto en pradeiras como en pasto arbustivo no monte. A base da alimentación é o pasto e únicamente nos meses de inverno ou nos veráns moi secos suplementamos con herba seca e silo de herba. Nin as vacas nin os becerros reciben ningún penso ou cereal.

Vista agora a túa gandería parece envexable, tanto pola base territorial como polo rabaño que tes. ¿Pero como foron os comezos?
Collín o relevo na explotación gandeira dos meus pais sendo mozo, e daquela o rabaño era de rubias e de cruces. Casei e eu e a miña muller comezamos cun rabaño de 8 vacas e fomos aumentando ata chegar a 21. Pero no ano 1998 tivemos en Montederramo un problema moi importante de brucelose. De feito, neste concello chegáronse a sacrificar 1.500 animais, e no noso caso, das 21 vacas que tiñamos sacrificáronos 12 e quedamos só con 9.

Foi un golpe moi duro e tivemos que empezar case de novo. Decidín a finais do 1998 volver a recuperar o rabaño pero con razas autóctonas. Empezamos comprando 4 vacas de raza Caldelá, e despois con outra sociedade que tiña con gandeiros da zona, comprei 14 vacas de raza Vianesa, máis que nada porque dicían que eran máis asequibles, que ao final non foi así. E deses animais fun recriando ata lograr o rabaño que teño hoxe.

¿Que vantaxes lle viches a esta raza Vianesa?
Gustábame meter a autóctona porque a Rubia, aínda que é unha vaca moi rendible, precisa doutra atención, sobre todo nos partos, e non aguanta tan ben estar todo o ano á intemperie a 1200 metros de altitude como estamos. Para conseguir daquela as vacas de Vianesa igual percorrín 5.000 quilómetros para mercar os 14 animais.

“Estas vacas chegan a unha media de 18 partos”

É unha vaca que non dá ningún problema de parto e é moi resistente. En canto á lonxevidade, a media de partos é de 18 e e chegan aos 20 anos de idade, aínda que tiven unha que merquei con 18 anos e que estivo parindo ata os 30 e morreu con 32 anos.

Pero a Vianesa ten fama de, ao igual que as outras autóctonas, ser unha raza brava…
Calquera raza das autóctonas é mansa, porque se non fora así os nosos avós e pais non as terían para traballar con elas todos os días, pois eran vacas que se utilizan para todo: para leite, carne e tamén para tirar dos carros. Quen lle chama animais bravos a esta raza é porque el non é manso, non hai animais bravos senón donos bravos.

Pero cando se quixo producir cantidade, a mediados do século XX, viñeron outras razas que a desprazaron e só quedaron algunhas nas casas en zonas de montaña, que foi a partir das cales nos anos 80 comezou a Xunta de Galicia a facer os programas de recuperación.

 “Os gandeiros de razas autóctonas deberíamos asociarnos para comercializar en conxunto”

Hoxe estamos nun momento en que as axudas baixaron e, para garantir a continuidade da raza, quizás os gandeiros deberíamos dar o salto de asociarnos para comercializar nós esta carne diferenciada.

¿Serían rendibles estas vacas sen as axudas?
Agora mesmo os gandeiros con vacas autóctonas (Vianesa, Caldelá, Limiá, Frieiresa e Cachena) recibimos unha subvención de 170 euros por animal, pero non coñezo a ningún gandeiro que se quede con esta raza pola axuda. Hai que ter en conta que para que estes becerros cheguen a acadar o peso dun tenreiro dunha Rubia ou dunha Limousin habería que gastar moito diñeiro en cebo.

Ademais, a labor destas vacas rozando o monte e evitando lumes forestais é enorme. Un obreiro que traballe en extinción de incendios cobra un salario duns 1.100 euros, e as miñas vacas son capaces de manter limpas e libres do lume máis de 150 hectáreas con esa axuda de 170 euros.

As axudas hoxe non compensan a baixada de prezos que sufre o gandeiro. Hai que lembrar que nos anos 80 vendíanse os becerros a 1000 pesetas o quilo e hoxe véndense a 4,50 euros. Se se inclúe o que subiu a vida a carne dun becerro de razas autóctonas debería ir polo menos a 15 euros, e a ese prezo ningún gandeiro precisaría axudas.

A solución que puxen en marcha dende o ano 1998 foi a venda directa a un tipo de consumidor que valora esta carne natural e ecolóxica. Penso que os gandeiros con razas autóctonas de Galicia deberíamos organizarnos para vender directamente os nosos becerros, quizás realizando un cebo en conxunto, e vender directamente ao consumidor un produto diferenciado.

¿Como funciona o teu sistema de venda directa da carne?
Veño vendendo ao ano entre 30 e 40 becerros, porque as becerras déixoas todas para recría, xa que teñen unha alta demanda.

Empecei vendendo no ano 1998 canais enteiras, despois pasei a medias canais e agora tamén vendo cuartos. Todo a particulares, practicamente todos de Galicia e agora tamén a algún de Cáceres e de Alacante. Hoxe disme que queres un cuarto de canal, que poden ser 20 ou 17 quilos, e eu déixoo preparado para que o cociñes ou conxeles. Para iso teño un acordo cun carniceiro de Ourense que o despeza e envasa ao baleiro.

Os becerros envíanse ao matadoiro segundo o gusto cliente: hainos que os queren con 7 meses e outros que os prefiren con ano e medio de idade, cunha carne máis feita. O peso destes animais é raro que suba dos 120 kilos, aínda que algún ten chegado aos 170.

“A venda directa ao consumidor é a forma de sacar rendibilidade”

O prezo son 10 euros quilo, pero se se leva sen cortar e sen envasar ao baleiro son 8 euros o quilo. O punto de recollida é na carnicería de Ourense, Cárnicas O Xurés , pero tamén se pode enviar por transporte. Tamén empecei estes días a vender a miña carne nesa carnicería.

E aquí mesmo en Montederramo pódese comer en Casa Elvira ou Casa Jorge. Raro é o cliente que proba esta carne e que non repite, de feito teño xente que ma ven mercando dende 1998.

Penso que a venda directa ao consumidor, sempre que se teña un acordo cun carniceiro ou fagas ti o despece e o envasado ao baleiro, é a forma de sacarlle rendibilidade.

¿En que se diferencia esta carne de raza Vianesa?
É unha carne de sabor único: máis forte e cun sabor máis potente, pero tamén máis nutritiva. O único que comen os becerros é o leite que maman da nai, o pasto, e en inverno e en verán herba seca e silo de herba.

Non levan cebo de ningún tipo, polo que é unha carne que non ten a capa de graxa exterior, pero sen embargo si que é xugosa porque ten graxa infiltrada.

Rabaño de Pepe de Cimadevila

Reclamas unha diferenciación para as canais destas razas autóctonas. ¿En que consiste?
Actualmente as razas autóctonas galegas están protexidas e certificadas polo selo Vacuno 100% Raza Autóctona do Ministerio de Agricultura, e tamén forman parte da IXP Ternera Gallega. Pero nesta última sería necesaria unha diferenciación.

En concreto, a clasificación por canais europea non se axusta a estes animais, xa que son becerros que case non dan clasificación por estreitos e pola conformación, porque non collen graxa exterior ao non ter cebo. Se houbera esa diferenciación sería bo para todos, porque as formas desta carne non son nada parecidas ás da Rubia Galega ou ás da Limousin, e varía moito a textura e as calidades.

E que lle pedirías á Administración para os gandeiros que estades en zonas de montaña como esta do Macizo Central ourensán?
En Montederramo e no Macizo Central temos unha das mellores carne do mundo, porque os pastos son de montaña, en pradeiras 100% naturais. As condicións de produción tamén son máis difíciles, pola orografía e pola altidude.

É certo que hai 15 anos gran parte destas praderías estaban a ermo o e hoxe está todo limpo, grazas a que se recuperou a actividade gandeira. Pero ao igual que fan a maioría dos países europeos, penso que nas axudas da PAC deberíase apoiar máis ás zonas de montaña, porque non pode ser que cobremos a mesma axuda os gandeiros que producimos a 1.200 metros de altitude que os que están en zonas chairas.

“A clasificación por canais actual non se axusta a estes animais”

En canto ás axudas de incorporación, considero que sería necesario un acompañamento, non só unha axuda puntual. Non pode ser que a un mozo ou moza a Consellería lle dea 20.000 euros ou 30.000 euros por incorporarse, pero véñenlle dous anos de dificultades seguidos e moitas veces non son capaces de saír adiante.

E por outro lado, paréceme que fai falta asesoramento gandeiro e levar a cabo concentración e unificación das parcelas, o que non quere dicir que haxa que cortar carballos nin tirar abaixo muros. Eu fixen a concentración parcelaria a conta do meu peto, a base de mercar e cambiar parcelas. A gran maioría das axudas que percibín como gandeiro foron para ampliar a base territorial e unir en fincas máis grandes e cercanas. É a única forma de ser competitivo.

Que é o que máis che gusta deste oficio de gandeiro?
Sempre me gustou loitar polo rural e o traballo que fago, senón sería difícil que saíse adiante. As miñas vacas andan coa cabeza alta porque, como o amo, aguantaron moitas adversidades e fan o que lles gusta.

“Destinei case todas as axudas a ampliar base territorial, é a forma de ser competitivo”

A de gandeiro ou a de agricultor é unha profesión moi digna, e penso que está mal vista, pero non pola xente, senón porque nós non lle soubemos explicar á sociedade que come grazas ao noso traballo, ao noso esforzo. Pero para iso primeiro é necesario que nós sexamos conscientes do valor do que facemos.

Por último, gustaríame agradecer o traballo de Boaga e do Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia situado no Pazo de Fontefiz, que están traballando moi ben e axudando a todos os gandeiros que apostan polas razas autóctonas en perigo de extinción, unha situación na que tamén estamos os gandeiros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información