“Os gandeiros queren efectos inmediatos do acordo lácteo, pero iso é complicado”

O director de Producciones Agrarias y Mercados do Ministerio, Fernando Miranda, defende en Santiago as melloras que asegura que aportará o acordo no medio prazo

“Os gandeiros queren efectos inmediatos do acordo lácteo, pero iso é complicado”

Xornada de Agaca en Santiago, na que interviu Fernando Miranda.

O acordo lácteo, asinado en setembro por industrias, distribución e parte do sector gandeiro, non se traduciu aínda nunha significativa mellora dos prezos no campo. Os gandeiros demandan recuperacións inmediatas do prezo do leite, unha cuestión que o director de Producciones Agrarias y Mercados do Ministerio de Agricultura, Fernando Miranda, sinala que chegará no medio prazo. “Xa se produciron melloras, pero os efectos principais do acordo notaranse a medio prazo, cando os compromisos ós que chegaron industria e distribución se plasmen na práctica”, indicou Miranda onte en Santiago, onde estivo para participar nunha xornada da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca).

“A falta dun efecto a curto prazo suplímolo con axudas directas. Os gandeiros galegos recibirán 120 millóns” (Fernando Miranda)

O director de Mercados do Ministerio avanzou algunhas consecuencias positivas do acordo e sinalou as próximas melloras que se poden agardar. “En primeiro lugar, están desaparecendo dos supermercados as ofertas a prezos baixos, a banalización do leite. En segundo lugar, a distribución mantén aberta unha mesa de negociación con industrias e gandeiros e está modificando as modalidades de compra. As cadeas de supermercados van mercar o leite en contratos a longo prazo para que, a súa vez, a industria poida mercarlle ese leite a longo prazo ó gandeiro. Iso vai repercutir na suba de prezos ó longo de toda a cadea”, pronostica Miranda.

“Se algún axente non cumpre, sairá con nome e apelidos e pagará as consecuencias do mercado” (Fernando Miranda)

Sobre as reticencias que hai no campo en canto ó acordo lácteo, Miranda pediu paciencia. “Moita xente quere efectos inmediatos do acordo, pero iso é complicado, co cal, non quita para que xa se comece a notar o acordo nas liquidacións do leite, pero os efectos principais comezaranse a notar no medio prazo, cando os compromisos que asumiron distribución e industria tomen carta de natureza” -valora.- “A falta dun efecto importante a curto prazo suplímolo desde a Administración con axudas directas. Nas próximas 6-8 semanas, as explotacións galegas van recibir máis de 120 millóns de euros en anticipos da PAC e nas axudas de liquidez”.

Cadea de valor
En canto ó decreto que permitirá coñecer os prezos ós que lle merca a distribución o leite á industria, Miranda pronostica que estará operativo no primeiro trimestre do 2016: “Está en proceso de trámite e no primeiro trimestre, aproximadamente, estará en vigor. Por tanto, imos saber mes a mes toda a cadea de valor do leite, o prezo no lineal, o prezo ó que merca a distribución o leite e o prezo ó gandeiro. Se alguén non cumpre o acordo, sairá con nome e apelidos e, por tanto, poderá xulgar o sector e a sociedade por que ese axente non cumpriu o compromiso suscrito e terá que pagar as consecuencias do mercado”.

“Remataron os prezos de derribo, pero moitos gandeiros aínda non notaron melloras. Precisamos máis avances” (Higinio Mougán)

Valoracións de Agaca
Sobre o impacto do acordo lácteo no campo tamén se pronunciou o xerente de Agaca, Higinio Mougán: “O acordo frenou a caída dos prezos do leite, pero necesitamos tamén recuperar rendas das explotacións. Coa normativa que está en elaboración e coa sistemática de traballo que hai en marcha, agardamos que nun futuro haxa unha recuperación máis rápida, pero a situación actual agora mesmo non é satisfactoria”, valorou Mougán.

Como efecto máis inmediato do acordo, o xerente de Agaca apuntou que desapareceron do agro os prezos máis baixos. “Rematáronse os prezos de derribo, pero iso non é suficiente. Hai moitos gandeiros no estrato medio de prezos que non notaron melloras. Necesitamos que se avance máis. Cremos que vai haber unha recuperación de prezos en novembro e probablemente en decembro, pero ten que consolidarse”.

No acto de Agaca, no que tamén participou a directora xeral de Gandaría da Xunta, Belén do Campo, Higinio Mougán demandou apoios autonómicos para procesos de integración das cooperativas galegas, así como maiores investimentos para consolidar os procesos de industrialización no cooperativismo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información