Coñecemos de man do presidente da Asociación de Produtores de Leite de Portugal (Aprolep), Jorge Oliveira, a situación actual do sector lácteo luso así como as súas reclamacións a curto prazo para mellorar o prezo do leite en orixe ou outros retos que se lle presentan ós produtores lácteos. Tamén abordamos a posible colaboración entre os gandeiros lusos e os galegos.
-Como naceu APROLEP e con que obxectivos?
-A Aprolep naceu en 2010 co obxectivo de loitar de forma consistente e organizada pola valorización da actividade dos produtores de leite e para alcanzar un prezo xusto para o leite portugués. A asociación defende os produtores de leite de todo o territorio nacional, independentemente da súa localización, dimensión económica e entidade compradora, xunto de entidades nacionais e comunitarias, pero a súa acción está sobre todo enfocada en Portugal continental.
-Con cantos socios contan a día de hoxe?
-Temos varios centos de asociados.
-Como son as ganderías que se integran nesta asociación?
-Temos asociados de todas as dimensións, desde o pequeno produtor con 40 vacas até empresas con máis de 1.000 vacas en muxido.
-Cal é o modelo de gandería de leite polo que máis se está apostando en Portugal?
-A raza dominante é a Holstein frisoa,criada en granxa a base de silo de millo e silo de herba. Só na rexión das Azores e situacións puntuais no continente é que hai condicións para o pastoreo.
“Dende hai 10 anos estamos con prezos moi baixos, sempre por debaixo da media comunitaria e nalgúns meses tivemos o peor prezo de Europa”
-Como valorades a situación actual do sector leiteiro en Portugal?
-Vemos con moita preocupación o futuro, porque dende hai 10 anos estamos con prezos moi baixos, sempre por debaixo da media comunitaria e nalgúns meses tivemos o peor prezo de Europa. Estamos tamén preocupados coa perspectiva de redución das axudas da política agrícola común ata 2027.
-Co remate do 2020 volvestes reclamar unha suba do prezo do leite, cal é o prezo medio actual en Portugal e que prezos pedides?
-Tivemos en novembro (últimos datos dispoñibles) un prezo medio de 31,45 euros por 100 quilos de leite no continente e 28,84 euros nas Azores, o que dá un prezo medio nacional de 30,57 euros. Cremos que sería preciso chegar a 40 céntimos por quilo para ter un prezo xusto, capaz de pagar os custos de produción, remunerar o traballo do produtor de leite e da súa familia e facer os investimentos necesarios para o futuro do sector. Nunha primeira fase, sería importante acadar rapidamente os 35 céntimos por quilo e despois subir de forma gradual.
-Que creedes que está a provocar que haxa este prezo á baixa para os gandeiros?
-Ter prezos baixos do leite xa é unha tradición en Portugal, tanto para o produtor como para o consumidor. O prezo normal das marcas brancas de leite UHT, nos supermercados, está entre os 45 e os 55 céntimos e hai promocións por debaixo dos 40 céntimos. Isto é responsabilidade da industria e da distribución, dos supermercados.
“Lactogal garante a recollida e o pago regular do leite, pero non conseguiu valorizar o leite da forma que precisamos”
–Como inflúe para os gandeiros que a primeira industria láctea do país sexa a cooperativa Lactogal?
-Lactogal garante a recollida e o pago regular do leite, pero non conseguiu valorizar o leite da forma que precisamos. Esperamos que no futuro poida cambiar, valorizando máis o leite e facendo máis queixo e iogures, pois hai unha enorme importación, temos un déficit de 300 millóns de euros entre exportacións e importacións. Por outro lado, hai outras cooperativas nas Azores que teñen excedentes de leite e colocan o leite á venda aquí no continente a 40 céntimos. Ten que haber unha maior condena e unión no sector para que todo o sector leiteiro faga forza para subir os prezos.
-Como funciona a interprofesional láctea do país?
-A interprofesional láctea apenas proporciona o laboratorio de análises, que funciona moi ben, pero agardamos que no futuro esta interprofesional impulse unha maior unión do sector leiteiro.
-En Galicia estase a fomentar a creación de organizacións de produtores de leite como unha ferramenta para que os gandeiros teñan unha maior capacidade de negociación fronte á industria, está a axudarvos a vós a asociación para ter máis forza para negociar?
-Aquí as cooperativas socias de Lactogal pediran o rexistro como OP e o prezo de Lactogal funciona como referente para Portugal continental.
“Débese aumentar a produción de queixos e iogures para substituír as importacións”
-Cales son para vós as liñas nas que máis se debe centrar o sector leiteiro?
-O sector leiteiro debe concentrarse en producir apenas o leite que o mercado precisa para non causar excedentes, unha posición defendida xa pola European Milk Board a nivel europeo. Tamén se debera aumentar a produción de queixos e iogures para substituír as importacións e comunicar mellor á sociedade a forma como cultivamos a terra respectando o medio ambiente e coidando dos nosos animais seguindo as regras de benestar animal.
-Credes necesaria unha maior cooperación entre Galicia e Portugal, pola proximidade e a importancia do sector leiteiro para ambos? Como se podería formalizar esta cooperación?
-Si, e nós xa temos feito ese traballo na medida das nosas posibilidades. Xa organizamos visitas de estudo dos nosos asociados a ganderías en Galicia, ó Ciam en Mabegondo e xa convidamos a un investigador de Mabegondo, Cesar Resch, para falar no noso coloquio anual. Pensamos que pode ser por aí o camiño. Os produtores téñense que comunicar a nivel da Península Ibérica e a nivel europeo, por iso nos asociamos en 2019 ó European Milk Board (EMB). As industrias de Portugal, España e do resto da Europa tamén falan entre si e con maior facilidade do que nós os produtores.
“En Portugal durante anos, tamén nos dicían ós produtores que a culpa dos prezos baixos era do leite importado”
-A entrada de leite procedente de Portugal en España a prezos á baixa e sen identificar claramente a súa procedencia é un dos temas que teñen criticado moito dende o sector galego e español, pola competencia desleal que supón, que opinión tedes ó respecto destas prácticas?
-O prezo ó produtor en Portugal continental e na Galiza é moi semellante, é moi baixo, ese é o problema, pero nós os produtores cremos nas desculpas que nos dan, e a culpa é sempre dos outros. Hai camións circulando nos dous sentidos. Nós, os produtores, non vendemos leite ás industrias de España e non sabemos cal é o volume que vai de aquí para España, pero en todo Portugal producimos tanto leite como en Galicia e un terzo dese leite prodúcese nas Azores, polo tanto non debe ser un volume tan significativo, aínda máis cando se dicía que España era deficitaria en leite. Aquí, durante anos, tamén nos dicían ós produtores que a culpa dos prezos baixos era do leite importado, por iso esiximos o etiquetado coa orixe do leite. Iso non o resolve todo, pero axuda ó consumidor a escoller.
-Cales son as prioridades dos produtores de leite portugueses para a nova PAC?
-O noso obxectivo de futuro é ter un prezo xusto para non precisar das axudas da PAC, pero como iso non é posíbel a curto prazo temos que manter as axudas actuais e conseguir eco-réximes que compensen ó agricultor pola súa contribución na conservación do medio ambiente e na loita contra o cambio climático.
“A pesar de tódolos ataques dos activistas e do esquecemento dos políticos, a maioría das persoas valora o noso traballo, que lles permite ter comida na mesa”
-Como é a normativa sobre esparexido de xurros no país? En España acaba de aprobarse un novo decreto nesta cuestión que obriga a soterrar o xurro e que está a penalizar á gandería de vacún, ocorre tamén en Portugal?
-Aquí temos regras mais estritas nas zonas vulnerables de nitratos e temos obrigación de enterrar o xurro nas 4 horas posteriores ó seu espallamento. De momento non esperamos cambios.
-Que perspectivas de futuro vedes para o sector leiteiro en Portugal?
-Vemos o futuro con preocupación por manterse o prezo baixo, pola ameaza da redución das axudas da PAC, polo envellecemento do sector e polos ataques dos animalistas aproveitando a preocupación coas alteracións climáticas, pero tamén temos esperanza, porque coa pandemia vimos que a contaminación baixou e as vacas continuaron a producir, as persoas correron ós supermercados e levaron todo o leite que había, porque saben que o leite é un alimento saudable. No fondo, a pesar de tódolos ataques dos activistas e do esquecemento dos políticos, a maioría das persoas valora o noso traballo que lles permite ter comida na mesa. E nós sabemos que as persoas van continuar a precisar de comer, que somos gardiáns do medio ambiente e que teremos un papel tamén fundamental no combate contra o cambio climático.