A ameaza dunha posible supertasa deixouse sentir de forma clara na cabana das explotacións gandeiras da provincia de Lugo, dado que na primeira parte do ano as granxas lucenses contaban cun rabaño que superaba en 4.000 exemplares ao censo do ano anterior, pero a finais de 2014 ese diferencial rebaixouse a só 1.000 exemplares.
O director executivo de Africor Lugo, Ramiro Fouz, explicou que a venda nese período de tempo dunhas 3.000 vacas en produción tamén tivo as súas consecuencias no mercado dos animais de “desvelle”, cunha “saturación dos matadoiros” e coa correspondente caída de prezos.
Nos últimos meses de 2014 os gandeiros reduciron a súa produción láctea
A produción láctea das explotacións da provincia de Lugo, en concreto de todas aquelas que están sometidas ao programa de Control Leiteiro, viuse incrementada nun 7% durante o pasado ano, aínda que a ameaza dunha supertasa fixo que os gandeiros reducisen de forma drástica o volume de litros producido na segunda metade de 2014.
De acordo cos datos rexistrados nas granxas sometidas ao programa de Control Leiteiro, o incremento de produción das explotacións lucenses durante o primeiro semestre do ano situábase en torno aos 200.000 litros por mes, unha tendencia que se reduciu de forma notable a partir de xullo, cando saltaron as alarmas en relación cunha posible supertasa.
De feito, a final de 2014, concretamente no mes de decembro, o diferencial de produción en relación co ano anterior rebaixouse de forma considerable, de modo que se situou nuns 50.000 litros.