Os gandeiros iniciarán a presión ás industrias tras pechar acordos con toda a gran distribución

Alcampo acepta tamén unha suba inmediata de 2 céntimos a Lactalis e Leche Celta. Os produtores mobilizados estes días ante as cadeas de supermercados retiran os tractores de Santiago e manterán unha nova asemblea o 5 de xaneiro, tras as festas

Os gandeiros iniciarán a presión ás industrias tras pechar acordos con toda a gran distribución

Asemblea dos gandeiros, esta tarde en Santiago.

Os produtores galegos gañáronlle o pulso ás cadeas de distribución. Alcampo, a única gran cadea coa que quedaba pendente o acordo, accedeu hoxe a unha suba inmediata de 2 céntimos nos pagos os seus proveedores de marca branca, Lactalis e Leche Celta. Os gandeiros que protagonizaron as protestas estas últimas dúas semanas acordaron hoxe en asemblea en Santiago ratificar o pacto con Alcampo. Os produtores planificaron xa ademais próximos obxectivos, que pasan pola negociación e presión sobre as industrias.

Cos acordos ós que se chegou estes días coa distribución, o 80% do leite de marca branca que se procesa en España experimentará unha revalorización a pé de campo, segundo as estimacións da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo. Quedan pendentes algunhas reunións, como con Mercadona, que xa subiu 2 céntimos en setembro pero que está a adquirir unha escasa cantidade de produto de orixe galega. Tamén se falará con outras pequenas distribuidoras, como Froiz, coas que se confía en chegar a un entendemento.

O 80% do leite de marca branca de España experimentará unha revalorización no campo, segundo a Plataforma

Os pactos coa distribución establecen que as cadeas subiranlle os pagos os seus proveedores no leite de decembro. Esa suba, segundo explican desde a Plataforma, xustificaráselle ó sector documentalmente, con indicación dos litros adquiridos e do prezo de compra. O reto que se lle presenta ós produtores agora é conseguir que as industrias trasladen eses aumentos ós pagos do leite de decembro, que se comezará a ingresar no campo a partir do 20 de xaneiro.

Negociacións coas industrias
Na asemblea dos gandeiros celebrada hoxe en Santiago, calou unha idea unánime. Non afloxar. “Gañamos o primeiro pulso e podemos gañar máis”, proclaman os produtores, que emprenderán conversas nos próximos días con todas as industrias, tanto coas que se benefician das subas do leite de marca branca, caso de Celta, Lactalis, Reny Picot ou Capsa, como coas que non, caso de Río. Feiraco xa lle confirmou á Plataforma que aplicará unha suba en xaneiro.

Entre os gandeiros calou unha idea unánime. Non afloxar. “Gañamos o primeiro pulso e podemos gañar máis”, din

Os gandeiros queren que se lles traslade integramente a suba nos pagos que van percibir as fábricas, pero tamén queren negociar subas a maiores, pois consideran que co leite adicado ás primeiras marcas, que se venden no supermercado por riba dos 75 céntimos, as industrias teñen marxe para mellorar o prezo que lle abonan ás granxas.

Entre os produtores da asemblea de Compostela había voces a favor de retomar as accións de xeito inmediato, pero dadas as dificultades de negociar coas industrias nestas datas, acordouse por maioría pospoñer a próxima asemblea ata o 5 de xaneiro. Entre tanto, os representantes dos produtores na Plataforma iniciarán conversas coas industrias. Para a próxima reunión buscouse un punto céntrico para as comarcas produtoras de leite. Decidiuse facer a asemblea en Ordes, na Casa da Cultura. Será o 5 de xaneiro a partir das 12 do mediodía.

A próxima reunión será o 5 de xaneiro na Casa de Cultura de Ordes ás 12 do mediodía

Futuro da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo
Outra cuestión que se abordará na reunión do 5 de xaneiro é a remodelación da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo. Daquela Plataforma iniciada por multitude de organizacións e polos alcaldes das comarcas gandeiras, pouco queda. Só dúas organizacións, Unións Agrarias e Sindicato Labrego Galego, participaron activamente e cun papel principal nas mobilizacións contra a distribución. O resto ou xa saiu da Plataforma, caso de Asaja, ou se desmarcou das protestas, caso da OPL, ou non apareceu.

Os gandeiros queren reformular a Plataforma, na que só Unións Agrarias e Sindicato Labrego se manteñen activas cun papel protagonista

En setembro, decidírase tamén que representantes dos gandeiros por comarcas tivesen un papel protagonista na Plataforma, aínda que iso a penas callou, polo que en xaneiro os gandeiros estudarán como reformular a Plataforma. Porque como dixeron varios produtores na asemblea de hoxe, “os sindicatos somos nós” e “a Plataforma somos nós”.

Malestar con Agromuralla
Sobre a concentración anunciada hoxe por Agromuralla ante o Carrefour de Lugo, entre os gandeiros da asemblea de Santiago palpábase un forte malestar. “Van en contra do sector polos seus intereses” ou “queren desfacer o que fixemos nós” eran opinións xeneralizadas entre os produtores.

Tras pechar os acordos coa distribución, os gandeiros transmiten un forte malestar polas protestas de Agromuralla ante o Carrefour

Nun principio, os gandeiros convocados en Lugo por Agromuralla seguían unha estratexia paralela á Plataforma, con concentracións ante Carrefour ou Gadis que sumaban ós bloqueos da Plataforma. Unha vez concluidas as negociacións coa distribución e pechados os acordos, o sector entende que a continuación das protestas de Lugo ante os supermercados, máis que sumar, divide.

En calquera caso, a asemblea desbotou propostas para facer declaracións públicas contra Agromuralla, pois enténdese que hai que buscar a unión do sector, non a desunión.

[Actualización]
Agromuralla acordou cancelar as protestas ante as cadeas da gran distribución en asemblea celebrada na mañá de hoxe tras a protesta ante o Carrefour. A asociación decidiu que si manterá os tractores na Ronda da Muralla ata que as industrias lles comuniquen ós gandeiros a suba do leite.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información