Os gandeiros inician as accións sobre Lactalis cunha concentración este venres na súa planta de Vilalba

A Plataforma en Defensa do Sector Lácteo emprenderá unha ronda de contactos coas cadeas de distribución para pedirlles que retiren os produtos da marca. Comeza tamén a campaña de información ó consumidor

Os gandeiros inician as accións sobre Lactalis cunha concentración este venres na súa planta de Vilalba

Imaxe do bloqueo a unha das plantas de Lactalis en setembro. / Arquivo.

As negociacións dos gandeiros coas industrias para lograr unha suba de prezos do leite arrancaron por un dos ósos máis difíciles de roer, Lactalis. A industria francesa, líder en volume procesado en Europa, en España e tamén á cabeza en Galicia, trasladoulle ós produtores a súa negativa a unha suba dos prezos antes de abril. A Plataforma en Defensa do Sector Lácteo de Galicia, que aglutina ós gandeiros, ten previsto iniciar esta semana conversas con outras industrias, pero de xeito paralelo emprenderá xa protestas e accións de boicot sobre Lactalis. Para este venres programouse unha concentración ante a planta da marca gala en Vilalba.

A estratexia dos produtores coas industrias é similar á utilizada en decembro, cando os bloqueos ás cadeas de distribución. Naquela batalla, os gandeiros aprenderon a importancia de concentrar forzas e obxectivos. O bloqueo sobre Carrefour prolongouse dúas semanas, pero logo do acordo coa cadea francesa, o resto de grupos da distribución caeu en horas sen necesidade de gran presión.

Se en decembro, a loita centrouse en Carrefour, as próximas semanas pintan bastos para Lactalis. Á concentración prevista este venres ante a súa planta de Vilalba, hai que sumar a campaña de boicot que iniciarán ós gandeiros contra os produtos da industria francesa. Está prevista unha ronda de contactos da Plataforma con todas as cadeas de supermercados para pedir a retirada dos produtos da empresa gala dos lineais. Iniciarase ademais unha campaña de información ós consumidores e en redes sociais xa se están a difundir gráficos explicativos das principais marcas utilizadas por Lactalis, como Lauki, Puleva ou President.

Subas da distribución á industria
A Plataforma entende que a industria gala está a facer unha “apropiación indebida” de cartos que debían ir parar ás granxas. En decembro, os gandeiros lograron compromisos coas principais cadeas da gran distribución para iniciar unha suba do leite en cadea. Primeiro, nos pagos do supermercado ás industrias. Segundo, nos pagos da industria ó gandeiro. A primeira parte cumpriuse. As industrias cobran desde decembro 2 céntimos máis polo leite de marca branca, pero a segunda parte non, pois o gandeiro continúa a cobrar o mesmo.

Só Leche Celta subiu medio céntimo nos pagos as súas granxas. Lactalis, que se beneficiou das subas aplicadas por Carrefour e Alcampo, trasladoulle ós produtores que antes de abril non está disposta a facer ningunha suba. O conflicto está servido.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información