O balance do sector lácteo no 2016 presenta claroscuros. Unións Agrarias expuxo hoxe a súa visión sobre o último ano, no que cuestiona os baixos prezos do leite e os escasos avances derivados do acordo lácteo de Madrid. Como principal nota positiva, a organización sitúa o pacto ó que se chegou coas cadeas de supermercados en decembro do 2015, logo dun mes de tractoradas.
Aqueles acordos recollían o compromiso dos grupos da distribución de pagarlles ás industrias 2 céntimos máis polo leite de marca branca, coa idea de que eses cartos lle foran trasladados ós gandeiros. Durante o último ano, ese pacto levou a que as cadeas de supermercados lle pagasen as súas industrias proveedoras arredor de 8,5 millóns de euros a maiores, dos que 6,5 millóns repercutiron no sector produtor, segundo Unións.
Reny Picot, Celta, Capsa e Feiraco
Empresas como Reny Picot, unha das que máis volume move en marca branca, xa lle trasladaron a súa parte ós gandeiros, con mención específica na factura do concepto e das cantidades que representan eses pagos a maiores. Celta tamén está a abonar eses suplementos, así como Capsa, se ben esta última industria representa unha escasa parte do total, segundo as estimacións de Unións Agrarias.
No caso da cooperativa gandeira Feiraco, outra das industrias beneficiadas polo acordo, os ingresos a maiores superan o millón de euros. Outra cuestión é se eses cartos se lle trasladan ás explotacións socias proveedoras, un aspecto que desde Unións, preguntada ó respecto, entenden que é un tema interno da cooperativa.
Lactalis
O acordo coas cadeas de distribución está a funcionar en xeral de xeito positivo, segundo destacou hoxe en rolda de prensa Óscar Pose, secretario de Servizos de Unións Agrarias. A única ovella negra é Puleva-Lactalis. Unións acusa a Lactalis de reter arredor de 2 millóns de euros que tería cobrado a maiores da distribución, pero que non lle trasladou as súas explotacións proveedoras.
A toma de declaracións pola demanda contra Lactalis espérase para as próximas semanas
“Lactalis pagoulle ás granxas unha parte nos primeiros meses do 2016, pero despois deixou de pagar”, explica Óscar Pose. En vista desa situación, Unións iniciou unha campaña de boicot contra Puleva-Lactalis e presentou meses atrás unha demanda no xulgado de Vilalba. Espérase que a toma de declaracións no xulgado comece nas próximas semanas.
Os acordos ós que chegaron directamente os gandeiros cos supermercados é a parte máis positiva do ano, segundo a valoración de Unións. Aqueles pactos pecháranse tras semanas de mobilizacións nas que participaran tanto Unións como o Sindicato Labrego e, en menor medida, a Fruga, todas estas organizacións, xunto con gandeiros a título individual, baixo o paraugas da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo.
Acordo lácteo, prezos e xestión da PAC, materias pendentes
A parte negativa do 2016 sitúaa Unións Agrarias nos baixos prezos do leite no campo e nun acordo lácteo que non cumpriu coas expectativas.”Cada vez hai máis desequilibrio entre as partes. Vemos que as cadeas de distribución e as industrias pechan os balances con beneficios, en tanto os gandeiros estamos en números vermellos”, cuestiona Óscar Pose.
“O decreto de cesión de prezos púxose en marcha, pero polo de agora non vemos resultados” (Óscar Pose)
A organización agraria entende que medidas que figuraban no acordo, como o decreto de cesión de prezos, que permite que a Administración coñeza os prezos que a distribución lle paga á industria, non están a ter consecuencias prácticas. “O decreto púxose en marcha, pero non coñecemos nin un só dato nin temos constancia de que a Administración teña utilizado os datos dos que dispón para actuar en consecuencia”, cuestiona Pose.
Orixe do leite
A identificación da orixe do leite no supermercado ou un maior control da Administración sobre os primeiros compradores, de cara a evitar os problemas de impagos a explotacións, son outras cuestións que Unións entende que hai que abordar no 2017.
“Volvémolo dicir. Se en Asturias e Cantabria sementan o millo que queren e cobran o pago verde, esperamos que en Galicia tamén poida ser así”
A organización agarda tamén que os prezos do leite no campo remonten con carácter inmediato, pois considera que non é comprensible que as subas que experimentaron os últimos meses os produtos lácteos industriais (manteiga, leite en po) non teñan traslado no agro por parte de grandes industrias do sector.
Pago verde
A última ‘petición de Reis’ de Unións corresponde á PAC 2017, que se espera que se convoque nas próximas semanas. “Volvémolo dicir. Se en comunidades como Asturias ou Cantabria non hai problema para que os gandeiros sementen o millo que queiran e cobren ó mesmo tempo o pago verde (greening), en Galicia haberá que buscar o xeito para evitar os problemas de anos anteriores”, critica Pose.
Unións tamén cuestiona o gran número de plans de mellora que quedaron sen aprobar, no entorno de 1.500 expedientes, así como os retrasos que houbo o pasado ano no pago das axudas da PAC: “Temos unha Administración inoperativa que non é capaz nin de solucionar as cousas do día a día, pero que se adica día si e día tamén a dicir que esta é a lexislatura do rural”, conclúe.