Raúl Muñiz é director técnico da Indicación Xeográfica Protexida Cordero de Estremadura (Corderex), a principal marca de calidade do cordeiro en España.
O pasado mes de marzo participou na asemblea da Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (OVICA) para orientalos na implantación da marca de garantía colectiva para o cordeiro e cabrito galegos “Pastores de Galicia” que a Xunta de Galicia aprobou o pasado mes de decembro.
Destaca a importancia de organizar e coordinar ao sector produtor e industrial, poñer en valor o cordeiro galego destacando o seu sistema de produción natural e respectuoso co medio ambiente e investir en estratexias de distribución e de comunicación para chegar ao consumidor.
Como xurdiu a Indicación Xeográfica Protexida Cordero de Estremadura?
Corderex xurdiu da necesidade de protexer o cordeiro de Estremadura e a raza Merina. Partiu da iniciativa de gandeiros e industriais no ano 1997 pero non foi ata o ano 2010 cando tivo o recoñecemento por parte da Unión Europea.
Os comezos tiveron as súas dificultades e o maior crecemento chegou cando empezou a ser coñecida e recoñecida a nosa marca pola distribución e polos clientes.
Neste momento Corderex canta con 510 explotacións e unhas 385.000 ovellas inscritas. Contamos tamén con 6 cebadeiros, 4 matadoiros e 5 entidades comercializadoras. No ano 2015 sacrificáronse algo máis de 80.000 cordeiros amparados por nosa IGP e certificáronse unhas 70.000 canles.
A maior parte dos nosos gandeiros e matadoiros participan en cooperativas e tentan facer as cousas cada vez de forma máis profesional e pensando no mercado.
Como se reparte o mercado de Corderex?
Case un 50% da carne de cordeiro que certifica Corderex vai para exportación fóra da nosa Comunidade porque en Estremadura somos poucos e producimos moitos cordeiros. O noso principal mercado, a parte do local, é Madrid e tamén estamos a apostar con forza polo mercado internacional: Francia e Italia, fundamentalmente.
“O máis importante en poñer en valor o sistema de crianza natural dos cordeiros en base a pastos e leite materna”
Cal é a vosa estratexia para diferenciarvos doutras carnes de cordeiro máis baratas como as que se importan de Australia ou Francia?
Partimos de realizar unha análise do sector, de como estamos, e ver as nosas vantaxes e debilidades. Como fortalezas, o cordeiro de Estremadura é diferente, é un cordeiro tenro, suave, con pouca graxa, sacrifícase con pouca idade, cunha alimentación especial e criado nas nosas dehesas. Son diferenzas que na carne de cordeiro son palpables e témolas que poñer en valor. Sobre todo, vendemos cordeiros de tamaño máis pequeno e de carne de sabor menos forte que o foráneo.
Por outra banda, Corderex ten unhas vantaxes intanxibles de produción local e sustentable, en extensivo, que conserva o ecosistema da dehesa e fixa poboación no medio rural.
Entre as ameazas, nesta última PAC non vemos axudas claras e concisas para os nosos produtores.
Con que características saen os cordeiros de Corderex ao mercado?
Sacrificamos cun máximo de 3 meses ou 100 días de vida e pesos menores de 16 quilos de canle para os machos e dun máximo de 14 quilos para as femias.
En canto ás características da carne, buscamos un cordeiro pequeno, tipo recental, con pouca graxa e de tipo branco, non graxas amarelas máis saturadas. En definitiva, que o sabor sexa suave e a textura tenra. A raza debe ser Merina, criada na dehesa e con entre 40 e 50 días tomando o leite da nai.
Cales son os prezos medios que vén percibindo o gandeiro en Corderex?
Os prezos medios para o gandeiro van ligados ao prezo medio da Lonxa de Estremadura, é dicir, entre 6 e 7 euros por quilo para cordeiros en vivo de de 23 a 28 quilos. Trátase dun mercado bastante fluctuante, segundo os meses.
“Os gandeiros galegos teñen un gran mercado local ao que poder abastecer de cordeiro”
Que posibilidades ves á produción de cordeiros en Galicia?
A gran vantaxe é que o consumidor galego está moi sensibilizado coas marcas de calidade como as IGP ou Denominacións de Orixe de Galicia. Ademais, os gandeiros galegos teñen un gran mercado sen abastecer na súa propia comunidade, de forma que se son capaces de situarse no mercado galego van ter vendida gran parte da súa produción e a un prezo cun diferencial importante.
Precisamente, a Xunta acaba de aprobar márcaa Pastores de Galicia aínda que sen estar asociada a unha raza de ovella autóctona como Corderex..
A que máis marca a diferenza nas calidades da carne é o sistema de produción, por encima da raza. En Estremadura non imos buscando a pureza racial, e se eliximos a Merina é porque é a que alaga as nosas dehesas como raza para a produción de carne.
En Corderex o que tentamos poñer en valor é precisamente o sistema produtivo baseado no pastoreo en extensivo nas dehesas e na crianza dos cordeiros coas nais. Ben é certo que aos cordeiros dámoslles un pequeno cebado antes do sacrificio para que a carne teña as mellores características para o consumidor. O sistema produtivo de cada zona é o que marca a diferenza da carne de cordeiro e iso é o que se debería poñer en valor en Galicia.
Corderex tamén ofrecedes un manexo integral de sanidade animal así como servizos de esquilado…
A sanidade animal é ofrecida máis ben polas cooperativas aos gandeiros, que lles cobren aos produtores a maioría das súas necesidades nese terreo, con servizos veterinarios especializados en ovino.
En canto ao esquilado, manéxase tamén desde as cooperativas de segundo grao ofrécese este servizo de maneira conxunta e coordinada e cuns custos e servizos moi vantaxosos para o gandeiro.
“Vexo moita desinformación nas campañas animalistas contra o consumo de carne de cordeiro”
O consumo de carne en España, incluída a de cordeiro, está en caída, sobre todo entre as novas xeracións. Así, desde 2011 o consumo en España caeu un 17,8% segundo panel de consumo do MAGRAMA. ¿Que medidas se deberían tomar para impulsar o consumo de carne de cordeiro?
Estamos a facer unha campaña de publicidade a través da Interprofesional de Ovino e Caprino para polo menos frear esa tendencia de descenso do consumo de carne de cordeiro, poñendo en valor as súas propiedades saudables e os seus beneficios para o medio ambiente e para o medio rural.
En canto a Corderex, estamos tamén tentando informar ante as campañas, sobre todo a través de internet, contra o consumo de carne. Eles venden a ignorancia e o descoñecemento da xente. E nós informamos da realidade: sen un sector ovino en Estremadura non existiría a dehesa e os seus valores mediambientais, habería moito máis risco de incendios forestais e despoboaríase moito máis o medio rural. Ademais, a carne que producimos é en con moi baixa pegada de carbono, en base a pastos e a unha alimentación natural.
Reparto mensual dos sacrificios en Corderex:
Conformación de prezos do cordeiro: