O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación adianta a partir de hoxe, mércores 16 de outubro, e até o 30 de novembro, 2.600 millóns de euros aos organismos pagadores das 14 comunidades autónomas que solicitaron fondos para realizar o pago dos anticipos aos beneficiarios das axudas directas da Política Agraria Común (PAC) correspondentes ás solicitudes de axuda presentadas en 2024. Deste total, apenas 45 millóns corresponden a produtores de Galicia.
O pago do anticipo é unha opción voluntaria para os organismos pagadores, de forma que corresponde ás autoridades competentes das comunidades autónomas a decisión de anticipar ou non o pago, así como do momento de realizalo e as liñas de axuda a abonar entre as previstas na normativa nacional. Hai que ter en conta que se deben realizar controis previos para garantir o uso adecuado dos fondos da Unión Europea.
A Comisión Europea ten autorizado o pago de até o 70 % do importe de axudas directas en forma de anticipo, co fin de dotar de maior liquidez aos agricultores e gandeiros da Unión no comezo da campaña agrícola e axudarlles a facer fronte ao impacto dos actuais conflitos en Ucraína e en Oriente Próximo e das condicións climáticas adversas en distintas zonas.
O prazo ordinario de pagos das axudas directas comezará o 1 de decembro, data a partir da cal as distintas comunidades autónomas poderán abonar até o 90 % do importe. O pago do 100 % das axudas autorizarase a partir do 1 de maio de 2025, unha vez calculados os importes unitarios definitivos. Este prazo ordinario finalizará o 30 de xuño, aínda que se poderán realizar pagos residuais até o 15 de outubro, data na que finaliza o exercicio do Fondo Europeo Europea Agrícola de Garantía Agraria (FEAGA) e na que se abonaron os 4.882 millóns de euros en concepto de axudas directas ao sector.
As comunidades autónomas que participan no sistema de prefinanciación dos fondos da PAC, coordinado polo Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), comunicaron as súas estimacións de pago anticipado por unha cantidade lixeiramente superior aos 2.600 millóns de euros, e prevén que na segunda quincena de outubro poderanse pagar ao redor de 1.800 millóns de euros.
ESTIMACIÓN DE PAGOS ANTICIPADOS DA PAC 2024 POR COMUNIDADES AUTÓNOMAS:
ANDALUCÍA: 770,8
ARAGÓN: 227,8
PRINCIPADO DE ASTURIAS: 39,9
BALEARES: 10,5
CANTABRIA: 12,8
CASTELA-A MANCHA: 456,8
CASTELA E LEÓN: 661,6
ESTREMADURA: 216,1
GALICIA: 45,0
MADRID: 20,1
MURCIA: 19,6
NAVARRA: 61,9
A Rioxa: 20,2
C.VALENCIANA: 38,0
TOTAL: 2.601,1 millóns de euros
O FEGA publica na súa páxina web os datos dos fondos que cada comunidade autónoma solicita semanalmente para facer estes pagos, que se poden consultar na sección “Datos Abertos: Prefinanciación- Prefinanciación fondos FEAGA na súa páxina web. O organismo publica igualmente os pagos finalmente realizados semanalmente na sección “Pagos semanais FEAGA 2023-2027”.
Intervencións de pagos directos que poden anticiparse:
As intervencións de axudas directas polas que se poden abonar anticipos en 2024 son as seguintes:
-Axuda Básica á Renda para a Sustentabilidade e os seus pagos complementarios (pago redistributivo e pago a mozos).
-Ecorreximes.
-Axudas Asociadas (fóra das axudas asociadas de engorde de tenreiros e o pago específico ao algodón, que se poderán abonar a partir do 1 de decembro)