Tralo éxito da marcha deste martes polas rúas de Lugo, a asociación convocante, Gandeiros Galegos da Suprema, mantén “con carácter indefinido” as protestas diante dos edificios da Xunta de Galicia e a Subdelegación do Goberno, as administracións ás que piden que actúen para acabar coa actual situación de venda a perdas que, segundo denuncian, se está a producir no sector do vacún de carne.
“Quedou patente que o sector quere cambios e que a xente está unida e animada a seguir coa reivindicación”, asegura Santiago Rego, presidente da asociación de produtores de Suprema.
Os tractores abandonaron a Ronda da Muralla onte ás 8 da tarde para evitar “prexuizos innecesarios” á poboación, pero os gandeiros seguirán concentrados até que a Consellería do Medio Rural e o Ministerio de Agricultura atendan as reivindicacións dos produtores.
Decidimos abrir o tráfico para non causar prexuizos innecesarios á poboación, queremos ter do noso lado aos consumidores que compran a nosa carne
“Mantemos de xeito testemuñal algúns tractores aparcados diante da Xunta, que permanecerán o tempo que esteamos tamén nós. Quen ten que mover ficha é a Administración e de momento non recibimos contestación ningunha”, asegura Santiago Rego.
Reparto de información aos consumidores
Os gandeiros farán turnos para manter unha presenza permanente diante das dúas Administracións e están aproveitando para repartir dípticos informativos aos cidadáns para explicarlles o valor diferencial da carne amparada pola IXP Ternera Gallega Suprema e a labor medioambiental e de fixación de poboación que a gandería realiza no rural.
Estamos informando á xente da labor que fan as ganderías tradicionais e da diferenciación da carne de Suprema
“A acollida está sendo moi boa. A xente sabe o que lle subiu a carne no supermercado ou na carnicería, pero non canto nos pagan aos gandeiros por producila e descoñecen que moitas veces lles están vendendo a carne de cebadoiro ao mesmo prezo que a producida en extensivo”, explicaban esta mañá algúns dos gandeiros concentrados. “Nós non pedimos que se suba máis ao consumidor, senón que o reparto dentro dos elos da cadea sexa máis xusto”, din.
“Queremos que se trate por igual a todos os gandeiros, non pode haber discriminación por ter a explotación nun concello ou noutro”
Unha das reivindicacións da Asociación Gandeiros Galegos da Suprema ten que ver co reparto de fondos da nova PAC, na que se sinten prexudicados. “Non podemos seguir sufrindo discriminación. O pago por vaca nodriza é de 85 euros, fronte a case o dobre para os nosos compañeiros os produtores de leite. Non queremos que lles baixen a eles, pero a nosa axuda está conxelada desde o ano 2014, non se actualizou nin o IPC”, denuncia Santiago Rego.
Outra das queixas de cara ao novo período 2023-2027 da Política Agraria Común ten que ver co factor de degresividade introducido pola Xunta nas axudas agroambientais, cun recorte de fondos a partir das 50 hectáreas de superficie e que “castiga” ás explotacións profesionais.
Asimesmo, non están dacordo cos criterios introducidos para o reparto do complemento por ataques do lobo. “Non ten lóxica que unha gandería que está nun concello cobre este complemento e outra que está no do lado non, porque o lobo non entende de marcos e hai un estudo da propia Xunta que di que o lobo está presente no 94% do territorio galego”, xustifican.
Non pode haber diferenzas entre gandeiros por estar na montaña ou no interior, todos producimos carne de calidade e todas as zonas teñen os seus pros e os seus contras
Outro elemento que introduce diferenzas entre ganderías é o feito de que esta axuda non sexa compatible coa produción ecolóxica, o que provoca discriminacións en ganderías dentro do propio concello.
“Nós queremos que se trate por igual a todos os gandeiros de carne de Galicia, porque todos producimos carne de calidade e estar nunha zona ou noutra ten os seus prexuizos e os seus inconvintes, os seus pros e os seus contras”, argumentan desde a Asociación.