Os gandeiros españois perden un céntimo en cada litro de leite que producen

Os custos medios das explotacións lácteas en España sitúanse en 36,26 céntimos e os ingresos en 35,21, segundo o avance dun estudo de custos de produción que manexa o Ministerio de Agricultura. O informe atópase en proceso de revisión

Ganaderia Xuiz sala de muxido leiteO prezo do leite en orixe debería subir case un céntimo en litro para cumprir co establecido na Ley de la Cadena Alimentaria, dado que o prezo medio que cobran a día de hoxe os produtores lácteos españois non cobre os seus custos reais de produción. É a principal conclusión que se desprende dun estudo elaborado pola consultora Prodescon S.A. para o Ministerio de Agricultura. O estudo, que foi entregado no mes de decembro, está nas últimas semanas en proceso de revisión, con aportacións das distintas partes implicadas, e espérase que se remate en breve.

Este informe, encargado polo Observatorio da Cadea Alimentaria, fixa en 36,26 céntimos o custo total de produción do litro de leite en España e en 35,21 céntimos os ingresos medios das ganderías, resultado de sumar ao prezo do leite (32,35 céntimos) outros ingresos das explotacións, como os relativos á venda de tenreiros, xovencas de recría ou vacas de desvelle.

Ganderías e industrias perden cartos no leite, segundo o avance do estudo, en tanto as cadeas de distribución manteñen un beneficio mínimo

Segundo a análise de ingresos e gastos en cada fase da cadea (produción, transformación e comercialización), ganderías e industrias estarían a perder cartos. En concreto, as granxas 0,95 céntimos en cada litro de leite producido e as industrias 0,84 céntimos, en tanto as cadeas de distribución terían un beneficio de 0,05 céntimos.

Con datos de 46 ganderías das principais zonas produtoras de leite de España, este estudo actualiza os datos sobre custos de produción, dado que as últimas cifras oficiais existentes datan do ano 2017.

Contratos no campo

En plena época de negociación dos contratos lácteos entre gandeiros e industrias (que están a poñer sobre a mesa nalgúns casos ofertas que conxelan e mesmo reducen os prezos dos contratos asinados a pasada primavera), os produtores dispoñen deste xeito dun dato obxectivo para esixir o cumprimento da lexislación no relativo á cláusula que obriga a que os prezos pagados en orixe cubran os seus custos de produción.

O sector produtor sempre defendeu que o prezo débese revalorizar en cadea desde o campo até o punto de venda final, a fin de que todos os elos da cadea cubran custos e non de forma inversa, de arriba a abaixo, desde o lineal de venda ao gandeiro. 

O Proxecto de Lei polo que se modifica a Lei 12/2013, do 2 de agosto, de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria atópase nestes momento no seu trámite parlamentario no Congreso, unha vez foi aprobado por parte do Consello de Ministros na súa reunión do pasado 3 de novembro de 2020, pero a modificación relativa aos custos de produción está xa en vigor desde febreiro do 2020.

Un estudo baseado nunha mostraxe de 46 ganderías

O obxectivo final do estudo encargado polo Ministerio era “identificar e configurar a cadea de valor correspondente á liña de produto leite de vaca líquida, envasada e de longa duración”, tal como se establece na Ley de la Cadena Agroalimentaria, para dar cumprimento deste xeito á modificación relativa aos custos de produción introducida na Lei o pasado mes de febreiro de 2020 vía Real Decreto (Real Decreto-lei 5/2020, do 25 de febreiro, polo que se adoptan determinadas medidas urxentes en materia de agricultura e alimentación), que impón a obrigatoriedade da inclusión do custo de produción como factor para o establecemento dos prezos nos contratos agrarios.

O estudo, ao que tivo acceso Campo Galego e que non se fixo público ata o momento de forma oficial, por tratarse dun informe preliminar aberto a aportacións, foi encargado hai un ano polo Ministerio, que o recibiu no mes de decembro pasado para a súa avaliación por parte dos integrantes do Observatorio da Cadea Alimentaria, no que están representados, do mesmo xeito que ocorre na Comisión de Seguimento do Acordo Lácteo, ademais da Administración, sindicatos agrarios, cooperativas, industrias e cadeas de distribución.

A modificación da Ley para ter en conta os custos de produción adoptouna o Ministerio a principios de 2020 tralas protestas de agricultores e gandeiros en distintas partes de España polos baixos prezos en orixe

Para a elaboración do informe tómase “unha mostra suficientemente representativa”, configurada por 46 explotacións gandeiras situadas en Galicia, Asturias, Cantabria, Navarra, País Vasco, Castela e León, Andalucía, Cataluña e Murcia; 6 industrias lácteas fabricantes (ningunha delas situada en Galicia), que representarían o 60% da fabricación total nacional (o 50% no caso concreto do leite líquido); e un cento de empresas de distribución, polo que “os resultados obtidos permiten configurar unha Cadea de Valor suficientemente representativa da actividade”, asegura o estudo.

Prezos en supermercado e industria

Ao analizar os lineais dos supermercados e tendas de alimentación, no caso do leite líquido UHT o prezo medio de venda ao público (PVP) sitúase en 75,1 céntimos por litro (media dos tres tipos de leite máis habituais: enteiro, semidesnatado e desnatado), dos que 6,83 céntimos son ingresos para Facenda en forma de IVE e os restantes 68,27 céntimos o percibido polo comercio minorista. O prezo pagado ó fabricante é de 53,95 céntimos, en tanto o prezo do leite en orixe abonado ao gandeiro é 32,35 céntimos, segundo os datos do estudo, presentado en decembro pasado.

Por tanto, en canto á conformación do prezo final ao longo da cadea de valor, a cociente PVP/prezo en orixe sería de 2,32, é dicir, o consumidor pagaría 75,1 céntimos polo litro de leite que o gandeiro vende a 32,35 céntimos, cunha revalorización de máis do 100%. A secuencia de incremento de valor sería a seguinte:

  • Prezo pagado ao gandeiro: 32,35
  • Prezo pagado ao fabricante: 53,95
  •  Prezo do comerciante polo miúdo antes do IVE: 68,27
  •  Prezo que paga o consumidor polo produto final: 75,1

Uso do leite como produto reclamo nos supermercados?

O informe analiza de forma separada os ingresos e gastos do resto de elos da cadea, ademais do de Produción, é dicir, a rama de Transformación Industrial e a de Distribución, e conclúe que “as marxes que se obteñen en cada unha delas son moi reducidas, polo que calquera pequena variación das circunstancias nas que se xeran os correspondentes ingresos ou custos pode ter unha significativa repercusión na modificación ou alteración das devanditas marxes finais”.

En máis do 90% das tendas e supermercados, as vendas de leite representan menos do 2% dos ingresos totais

Unha das queixas recorrentes dos gandeiros é o uso do leite como produto reclamo nos supermercados e grandes superficies. É habitual tamén que as industrias fabricantes descarguen parte das súas responsabilidades na suposta presión á baixa que exercen os supermercados na conformación dos prezos finais. Trátase dunha presión que, ao entender das industrias, acaba trasladándose a toda a cadea e afectando negativamente, en último termo, aos produtores.

O que queda claro no informe é a escasa importancia do leite nas contas dos supermercados, pois en máis do 90% dos casos, as vendas de leite representan menos do 2% dos ingresos totais da tenda, polo que non se trataría dun produto fundamental para a rendibilidade da mesma.

Estudo-de-custos-de-producion-cadea-de-valor-leite-decembro-2020

A alimentación do gando supón o 55% dos custos de produción das granxas

Ganaderia Xuiz racion vacas producion2Da análise en detalle dos ingresos e gastos das 46 explotacións estudadas despréndese que o maior custo de produción correspóndese coa alimentación do gando, que leva 20 dos 36 céntimos que custa producir un litro de leite en España. Ademais, tres de cada catro euros gastados en alimentación son destinados a comprar insumos fóra das explotacións e só un se corresponde con forraxes propias, o que denota un baixo nivel de autosuficiencia.

Tres de cada catro euros gastados en alimentar ao gando son destinados a comprar insumos fóra das explotacións e só un correspóndese con forraxes propias

A alimentación das vacas, tenreiras e xovencas non só representa o maior gasto nas gandarías, senón tamén tendo en conta a totalidade da cadea láctea. O seguinte sería o de custos de persoal, sumados de gandarías, industrias e distribución (15,22 céntimos por litro de leite); e o terceiro o custo de envases e embalaxes (10,29 céntimos), seguido dos gastos de transporte e loxística de toda a cadea (7,07 céntimos).

En conxunto, de cada euro gastado polo consumidor en comprar leite no supermercado, máis dunha cuarta parte (26,76%) acabarao recibindo un provedor de alimentación animal das granxas, en tanto que unha quinta parte (20,27%) destinarase a pago de salarios do persoal que traballa en toda a cadea (gandeiros, empregados das explotacións, traballadores das plantas e fábricas pertencentes ás industrias, transportistas e persoal das tendas e supermercados).

Os gastos veterinarios supoñen o 10% dos custos de produción de cada litro de leite, incluíndo reprodución e tratamentos

Facenda recibe, en concepto de IVE, 6,83 céntimos de cada litro de leite comercializado, en tanto que 3,65 céntimos destínanse a sanidade e reprodución dos animais das granxas. Deste gasto, equivalente ao 10% dos custos totais das explotacións, un terzo dedícase a xenética e recría e o resto a gastos veterinarios, onde máis da metade destes custos van para pagar distintos medicamentos e tratamentos de enfermidades.

Sen ter en conta as subidas de penso e fertilizantes deste ano
O estudo de custos representa unha “fotografía fixa” do sector produtor de leite no momento de toma de datos, a finais do 2020, polo que non ten en conta, por exemplo, a importante suba do prezo dos pensos aplicada pola maioría das empresas fabricantes a principios deste ano, así como o incremento de custos que se están producindo tamén nas últimas semanas en fertilizantes químicos ou plásticos de ensilaxe.

Segundo se desprende da información incluída no informe, as axudas da PAC estarían sostendo nestes momentos a viabilidade das explotacións

A diferenza do Estudo de Custos e Rendas das Explotacións Agrarias (ECREA) correspondente ao ano 2017, este informe presentado en decembro non inclúe datos desagregados para as distintas comunidades autónomas, entre as que existen diferenzas notables tanto no prezo medio percibido polos gandeiros pola venda do leite como en materia de custos de produción.

Así, o estudo fixa o prezo medio de venda do litro de leite en 32,35 céntimos, equivalente ao valor medio anual pagado en 2020 aos gandeiros españois por industrias, cooperativas ou outros primeiros compradores, sen ter en conta variacións por zonas ou comunidades (Galicia, sendo a maior produtora de leite de España, atópase entre as peor pagadas, segundo os informes FEGA, con ata 3 céntimos de diferenza en litro a respecto de comunidades veciñas como Asturias).

O estudo de custos de 2017 incluía datos desagregados por comunidades autónomas. No caso de Galicia establecía os gastos en 38,98 céntimos por litro de leite e os ingresos medios en 35,65 céntimos

A diferenza do 2017, non se teñen en conta tampouco outros ingresos das explotacións, como serían os derivados dos pagos da PAC ou outras subvencións. No que se refire ao capítulo de gastos, non se teñen en conta tampouco posibles diferenzas e variacións en función da superficie agraria dispoñible ou a produtividade da terra na xeración de forraxes coas que alimentar ao gando, o que podería xerar distorsións nos datos entre comunidades.

Esta é a estrutura de custos nunha granxa media que presenta o estudo:

Estudo-de-custos-de-producion-cadea-de-valor-leite-decembro-2020 explotacions

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información