Os gandeiros esixen medidas inmediatas para a crise do leite

Rexeitamento unánime das organizacións agrarias galegas á falta de medidas urxentes do Ministerio para o sector lácteo galego. Mañá está prevista unha reunión convocada pola conselleira de Medio Rural. Preto de 100 alcaldes apoian a Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego que mantén a convocatoria de manifestación para o 17 de xullo en Santiago de Compostela.

Os gandeiros esixen medidas inmediatas para a crise do leite

Rolda de prensa das organizacións agrarias

As organizacións agrarias galegas fixeron hoxe en Santiago de Compostela unha valoración das medidas que presentou este martes en Madrid a ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina, para paliar a crise de prezos do leite que sofren os gandeiros. Todos coincidiron en que o paquete que presentou o Goberno non resolve os problemas inmediatos de prezos por debaixo dos custos de produción e que en Madrid non se está a percibir a gravidade dunha crise que afecta especificamente a Galicia.

“En Madrid non ven a gravidade do problema porque só afecta a Galicia”

Así, o secretario xeral de ASAJA-Galicia, Francisco Bello, lembrou que “a situación dos gandeiros é limite”. Recoñeceu que “as medidas presentadas pola ministra valorámolas de forma positiva, pero poranse en marcha tarde, cara setembro ou outubro, cando moitas das explotacións gandeiras xa estean arruinadas”.

Igualmente, chamou a atención de que os prezos por debaixo dos custos de produción e a falta de recollida do leite por parte da industria, “é un problema que afecta especificamente a Galicia, non ao resto de España, e iso fai que en Madrid o goberno non o vexa coa mesma cercanía”.

“Non solucionan os problemas urxentes das explotacións lácteas de Galicia”

Na mesma liña, Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias, afirmou que “as medidas presentadas polo Goberno Central non valen para as cada vez máis explotacións ás que a industria lles está recollendo o leite a entre 18 e 20 céntimos ou sen prezo”.

“Son medidas necesarias pero que non aportan solucións aos gandeiros de Rodeiro aos que Leite Río lles deixa de recoller o leite, ao de Santa Comba ao que llo recollen pero sen prezo ou aos que levan dende marzo sen cobrar dos primeiros compradores”, denunciou.

Neste sentido botou en falta “implicación política directa do presidente da Xunta” e reclamou que se poñan en marcha as medidas inmediatas que propón a Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego: intervención pública para retirar leite do mercado, vixilancia e sanción contra os “contratos lixo” no sector lácteo e garantías reais de recollida do leite a prezos que cubran os custos de produción, entre outras.

“Algunha das medidas é incluso unha burla”

Máis contundente na súa valoración foi a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Isabel Vilalba quen asegurou que “as medidas que propuxo a ministra son unha burla, pois non teñen carácter inmediato e algunha, como os créditos brancos, mesmo pode ter carácter negativo”.

“A día de hoxe non hai solucións e mantense a manifestación do día 17”

Ademais, Isabel Vilalba chamou a atención sobre “o risco de que se deslocalice a produción de leite desde as explotacións familiares galegas cara granxas industriais doutras zonas do Estado e máis próximas aos grandes centros de consumo”.

“Non hai nada de garantir a recollida do leite a prezos dignos para os gandeiros, de cubrir os custos de produción ou de retirar os excedentes do mercado, polo que o día 17 estaremos na rúa esixindo solucións”, subliñou.

“Medidas nada efectivas para resolver esta crise”

Pola súa parte, dende a Organización de Productores de Leche (OPL), o seu presidente, Manuel Iglesias, coincide en que as medidas presentadas polo Ministerio “non son nada efectivas para este momento de crise”. “A medio e longo prazo poden ser beneficiosas pero non solucionan esta crise que estamos a padecer os gandeiros galegos”, asegura.

“A conselleira convocou ás organizacións agrarias a unha reunión para este venres”

A conselleira do Medio Rural convocou ás organizacións agrarias a unha reunión mañá a mediodía en Santiago para debater e presentar medidas contra a crise das ganderías de leite de Galicia.

Preto de 100 alcaldes uníronse á Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego

Por outra parte, Roberto García, de Unións Agrarias, informou de que a día de hoxe “un total de 92 alcaldes manifestaron o seu apoio á Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego”. “Son rexedores de distintas cores políticas, e que representan máis do 80% dos alcaldes das comarcas gandeiras de Galicia”, subliñou.

Ao igual que o resto de organizacións agrarias, o representante de UUAA asegurou que “a día de hoxe non hai solucións para os problemas urxentes das explotacións de leite de Galicia”, polo que a Plataforma mantén a convocatoria de manifestación para o día 17 en Santiago. “Ten que ser unha manifestación masiva para que os gobernos galego e español sexan conscientes da gravidade da situación do sector lácteo galego”, concluíu.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información