As indemnizacións de Agroseguro aos agricultores e gandeiros asegurados en Galicia polos sinistros producidos durante o ano 2021 elévanse por riba dos 25 millóns de euros, case un 3% máis que o ano anterior.
En total, as indemnizacións abonadas aos agricultores e gandeiros de Lugo alcanzaron os 11 millóns de euros. A continuación, sitúase A Coruña (9,0 millóns), Pontevedra (3,1) e Ourense (1,9 millóns).
Máis do 90% das indemnizacións xa foron abonadas aos asegurados galegos, até sumar máis de 22,8 millóns. No total nacional, as indemnizacións sitúanse por riba dos 722 millóns de euros.
Por liña de seguro, destacan as indemnizacións abonadas aos gandeiros galegos asegurados nas diferentes liñas de vacún, que pecharon a pasada campaña con 12,2 millóns de euros. Ademais, a liña de seguro que cobre os gastos derivados da retirada e destrución de animais mortos alcanzou outros 12,1 millóns.
No caso dos seguros agrícolas, os danos rexistrados superan os 700.000 euros, na súa maior parte destinados a compensar os danos sufridos polo viñedo galego (570.000 euros, case un 40% máis que o ano 2020), aínda que tamén se produciron sinistros en producións aseguradas de cultivos forraxeiros (millo), hortalizas, herbáceos extensivos, oliveiral ou planta viva. Os viticultores asegurados en Lugo recibiron 273.000 euros en indemnizacións, principalmente por danos por xeada. No caso de Ourense, os danos por xeada tamén foron os máis frecuentes, e elevaron as indemnizacións por riba dos 215.000 euros. O resto repártese entre produtores asegurados de uva de viño na Coruña e Pontevedra.