Nerea López López é unha moza de Reboredo (Sarria) que ven de rematar dous meses de prácticas nunha gandería de vacún de leite en Irlanda, unha potencia láctea a nivel mundial, cunha produción de arredor de 8 millóns de toneladas de leite en base a pastoreo nunha illa cunha extensión duns 70.000 kilómetros cadrados.
As prácticas que realizou Nerea en Irlanda, dentro do programa europeo Erasmus +, encádranse dentro do programa de estudos do Ciclo Superior de Gandería e Asistencia en Sanidade Animal (GASA) que está a cursar no Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa, de Coristanco (A Coruña).
No seu caso a gandería de vacún de leite venlle de tradición familiar: “Os meus pais e o meu tío teñen unha explotación, Gandería Silva, na parroquia de Reboredo, en Sarria, con 235 vacas en muxido, en sistema de estabulación, e de cara ao futuro, tanto a min como ao meu irmán, gustarianos incorporarnos e continuar coa granxa”, explica.
Porén, a experiencia en Irlanda levouna a coñecer un sistema de manexo totalmente distinto: “Estiven dous meses de prácticas nunha granxa no sur de Irlanda, no condado de Mallow, pertencente á familia de Tony O´Regan, que conta con 273 vacas en muxido que se alimentan case exclusivamente en base ao pasto das 152 hectáreas que rodean a granxa”.
O traballo de Nerea dende o 28 de xaneiro ao 29 de marzo consistiu principalmente en atender a recría. “Os partos concéntranos nos meses de febreiro e marzo e a miña labor foi básicamente dar alimentación, auga e atender a cama de palla dos becerros”, conta.
O rabaño nesta explotación está composto por uns 400 animais, entre vacas adultas, becerros e arredor de 100 xovencas para a recria, das que venden algo máis de 50 ao ano. Outra diferencia importante con respecto á Galicia é a raza das vacas: “No caso desta granxa máis da metade das vacas en produción son Jersey, arredor dun 30% Normanda e despois tamén teñen cruces e algo de Angus”, explica.
“As vacas teñen unha produción de 23,5 litros de leite, con 2 kilos de penso, e unhas calidades do 4,58% de graxa e do 3,48% de proteína”
A alimentación das vacas en produción é basicamente pasto -a especie dominante nas pradeiras é o raigrás inglés- , que se complementa, con 2 kilos de penso, correctores minerais e algo de silo de herba. “Con esta ración logran unha produción media de 23,5 litros de leite ao día cunhas calidades do 4,58% de graxa e do 3,48% de proteína. O leite véndenllo a Dairy Gold, a maior cooperativa de Irlanda, cun prezo medio que chegou a estar en 0,58 euros o litros nos primeiros meses do ano, pero que últimamente baixoulles a 0,54 euros”, relata a estudante galega.
En canto á reprodución, nesta gandería nas vacas de raza Normanda solen inseminalas con cruces cárnicos de raza Charolais, polo seu mellor prezo -páganllos a unha media de 180 euros con mes e medio de vida- mentres que nas Jersey optan máis por inseminalas con Angus e nas xovencas e vacas de mellor xenética de raza Jersey meten seme sexado de raza Jersey.
Polo que respecta á man de obra e á organización do traballo, a granxa é atendida a media xornada -polas mañás traballa nun banco- por Neal O´Regan, o fillo de Tony, o propietario; e logo contan con dous traballadores fixos -un polonés e un ugandés. Para a época de partos reforzan a plantilla botando man de estudantes en prácticas, 3 nesta campaña (Nerea e dous estudantes de Irlanda). Os horarios de muxido son ás 6:30 horas da mañá e ás 3:30 horas da tarde.
En xeral, a impresión que se leva Nerea desta experiencia é positiva: “Os propietarios teñen moi bo nivel de vida porque a gandería de leite aquí é moi rendible. En xeral a xente está contenta, tamén os traballadores, porque ás seis da tarde o traballo está feito e vas para a túa casa. É un sistema moi distinto ao de Galicia e a impresión que levo é moi boa”, conclúe.