“Os gandeiros de Central Lechera Asturiana agora cobramos máis, pero investimos moito diñeiro na nosa industria láctea”

Entrevista a Alberto Álvarez Rodríguez, gandeiro e novo presidente de Central Lechera Asturiana SAT, a sociedade que agrupa a unhas 1.100 gandarías asturianas, propietarias de CAPSA, a maior cooperativa láctea de España, con marcas como “Central Lechera Asturiana”, “Larsa”, “ATO” ou a quesería “Flor de Burgos”

“Os gandeiros de Central Lechera Asturiana agora cobramos máis, pero investimos moito diñeiro na nosa industria láctea”

Alberto Álvarez Rodríguez, gandeiro e novo presidente de Central Lechera Asturiana SAT

O pasado día dous de xullo a asemblea de Central Lechera Asturiana-SAT elixiu ao gandeiro Alberto Álvarez Rodríguez como novo presidente para os próximos 6 anos. A súa elección foi practicamente por unanimidade -90 votos a favor de 92 compromisarios asistentes- para pilotar unha sociedade formada por unhas 1.100 gandarías de vacún de leite de Asturias que son propietarios de Corporación Alimentaria Peñasanta (CAPSA), a maior cooperativa láctea española, propiedade de marcas de leite como “Central Lechera Asturiana”, “Larsa”, “ATO” ou a queixería recentemente adquirida “Flor de Burgos”.

Falamos con este enxeñeiro de montes de formación e gandeiro de profesión sobre o presente e o futuro desta SAT cuxos orixes se remontan ao ano 1967, cando un grupo de gandeiros asturianos uníronse para comercializar e darlle valor ao leite. Hoxe logran os mellores prezos en orixe de España para as súas explotacións socias, pero non sempre foi así…

-Acabas de ser elixido fai escasas dúas semanas novo presidente de Central Lechera Asturiana SAT, Como asumes esta responsabilidade?
Asumo este mandato cunha gran responsabilidade, polo gran compromiso que representa tanto para os socios como para o conxunto da sociedade. E como non, con moita ilusión e ganas de traballar.

-Como é a Central Lechera Asturiana SAT que recibes: número de gandarías socias, distribución xeográfica, facturación..?
A SAT é unha sociedade con máis de 50 anos de historia. Actualmente temos unha estrutura societaria de socios activos e que xa non manteñen a actividade agrogandeira pero que seguen vinculadas á SAT que suma un total duns 7000 socios.

En canto a volumes de facturación estamos nun modelo de integración vertical no que está integrada Corporación Alimentaria Peñasanta Sociedad Anónima (CAPSA), que é o noso motor industrial e comercial e que sen dúbida contribúe á posta en valor da nosa marca “Central Lechera Asturiana”. En conxunto, en SAT Central Lechera Asturiana alcanzamos un volume de facturación no ano 2019 da orde de 720 millóns de euros.

“Ao redor da metade do leite que procesa CAPSA procede de gandarías socias de Central Lechera Asturiana”

Por outra banda, o grupo CAPSA procesa anualmente uns 900 millóns de litros de leite, procedente tanto de gandarías socias de Central Lechera Asturiana SAT, como doutras granxas non socias que abastecen do leite que nós non podemos producir.

-Compatibilizas a presidencia con outras responsabilidades como conselleiro do Consello de Administración de CAPSA, o brazo industrial de Central Lechera Asturiana, e coa túa propia gandaría, La Soledad SC, en Santullano de Tineo Como é a túa explotación?
Son socio da gandaría familiar desde o ano 1998, despois de finalizar os estudos de Enxeñaría de Montes no Campus de Lugo. Trátase dunha granxa familiar, cunha produción duns 600.000 litros ao ano, e na que colabora tanto a miña muller como a miña nai e que está situada nuns dos municipios con máis produción de leite de Asturias como é o de Tineo.

-Cales son os retos asumes para a túa presidencia durante os próximos 6 anos?
O obxectivo segue sendo dar rendibilidade e estabilidade ao socio gandeiro. Para iso seguiremos pondo en valor a nosa orixe, a nosa cultura e valores para dar futuro ao gandeiro, fortalecer a SAT e mellorar a calidade de vida dos socios no posible.

-CAPSA é hoxe en día a principal industria láctea de capital español e de base cooperativa. Canto do leite que procesa procede das gandarías socias de Central Lechera Asturiana?
Da orde da metade do leite que procesa CAPSA é de socios de Central Lechera Asturiana SAT.

-Como está a situación dos prezos para os gandeiros de Central Lechera Asturiana e como se prevén para este ano?
Este ano prevemos certa estabilidade de prezos, a pesar da situación de crise sanitaria e económica que se vive.

Dentro de Central Lechera Asturiana temos unha diferenciación positiva de prezos respecto doutras gandarías, motivado polo modelo de integración vertical que temos. A nosa participación na actividade comercial e industrial ten importantes resultados que se trasladan en última instancia aos socios que compomos a SAT.

“As gandarías de Central Lechera temos un prezo sobre un 10% superior á media española”

En canto ao prezo en concreto que perciben os nosos gandeiros socios, estamos entre un 8 e un 10% por riba do prezo medio do leite en España, segundo os datos publicados polo FEGA.

-Nos últimos anos CAPSA-Central Lechera Asturiana converteuse na segunda industria láctea en volume de recollida en Galicia, onde tamén son propietarios de LARSA, e moi preto de LACTALIS. Porén, os gandeiros galegos cobran un prezo de varios céntimos por baixo da media dos de Asturias e non se lles permite ser tamén socios da SAT. Como valora esta situación? Contemplan algunha opción de incorporalos como socios?
A SAT é un modelo exemplar de integración vertical e é certo que agora mesmo temos unha diferenciación positiva de prezos do leite para os socios. Non obstante, hai que ter en conta que durante moitos anos, mesmo en Asturias, as diferenzas de prezos para os socios de Central Lechera era negativa e cobrabamos menos polo leite que outras granxas.

Os socios fixemos nestes anos un importante esforzo de capitalización da nosa sociedade e, afortunadamente, as políticas seguidas a nivel industrial e social por parte de CAPSA fortaleceron a nosa sociedade, de forma que agora estamos a recoller os froitos do esforzo dos nosos predecesores.

É certo que temos menos gandeiros activos, do mesmo xeito que en todo o mundo, pero neste 2020 imos recoller máis leite dos nosos gandeiros socios en comparación a todos os anos anteriores, e alcanzar as 450.000 toneladas.

En canto á incorporación de novas gandarías socias doutras comunidades nas que opera CAPSA como Galicia, no ano 2010 abriuse unha xanela de crecemento de socios e unha vez satisfixeron os obxectivos pechouse. Isto non quere dicir que non se abra de novo de cara ao futuro.

Neste momento das 1100 gandarías activas que agrupa Central Lechera Asturiana SAT, soamente 13 están en Galicia e 1 en Cantabria, o resto todas en Asturias.

-Central Lechera Asturiana SAT é un dos poucos exemplos en España de éxito dos gandeiros á hora de asociarse para comercializar e darlle valor ao seu leite. Cales cres que foron as claves deste éxito do asociacionismo gandeiro asturiano?
A orixe de Central Lechera Asturiana SAT foi nunhas circunstancias de crise absoluta de prezos do leite e iso permitiu aos socios gandeiros centrar máis os obxectivos. Co paso dos anos, houbo unha aposta clara pola innovación, a calidade e a diferenciación, tanto en packaging do leite líquido como no resto de produtos. Este esforzo de capitalización de CAPSA por parte dos socios de Central Lechera Asturiana SAT permitiu que hoxe sexamos un modelo de éxito.

 “Durante anos os gandeiros de Central Lechera cobramos menos que o resto, pero grazas ao noso esforzo de capitalización e a un liderado e obxectivos claros hoxe estamos na parte alta”

Tamén axudou a existencia dun liderado claro e uns obxectivos comúns para todos os socios, o que contribuíu a fortalecer Central Lechera Asturiana. Houbo neste proceso moitos momentos amargos e ao final conseguiuse saír diso fixando uns obxectivos comúns.

O valor inicial achegado polos gandeiros socios no ano 1968 foron 10.000 pesetas, pero ao longo de todos estes anos e a día de hoxe seguimos facendo un esforzo de capitalización da sociedade. Así, parte do prezo que percibimos sigue destinándose para capitalizar a nosa sociedade. En concreto, unha porcentaxe da produción de leite que entregamos vai destinada a darlle músculo financeiro á SAT

-Na Península Ibérica as dúas principais industrias lácteas de capital autóctona son propiedade dos gandeiros: CAPSA e LACTOGAL. Como é a cooperación entre ambas para competir coas grandes multinacionais presentes en España e Portugal?
A nosa relación con LACTOGAL é excelente. Con todo, por parte de Central Lechera Asturiana non temos en mente unha cooperación comercial con LACTOGAL, quizais de cara ao futuro poida haber intentos de cooperación, pero non a día de hoxe.

“Non temos en mente ningún proxecto de colaboración con LACTOGAL”

– Nos últimos meses realizastes investimentos para incrementar a capacidade industrial das plantas de Outeiro de Rei e Vilagarcía. Que plans tedes en Galicia? Prevedes seguir aumentando a recollida na comunidade?
Galicia é unha comunidade con gandarías moi profesionalizadas, de forma que mantén o liderado como o primeiro produtor de leite en España. Seguiremos apostando e investindo nas nosas fábricas de Outeiro de Rei e de Vilagarcia e apostando pola marca Larsa.

A nosa actividade en Galicia xa vén de lonxe, pois antes de que adquirísemos LARSA tivemos unha colaboración moi intensa con Leyma, onde fomos propietarios do 49%, e tamén dunha queixería na comarca de Ferrol.

– Como é a relación coas dúas cooperativas lácteas galegas: Clun e Aira? Que consello lles darías desde unha cooperativa, como é a vosa, que leva moitos máis anos transformando e comercializando o leite dos seus socios?
Todos debemos redobrar o noso compromiso de apostar polo sector e por que haxa relevo xeracional nas gandarías. Para iso, debemos esforzarnos en dignificar a vida dos nosos socios e mellorar a súa rendibilidade. Non me atrevería a darlles un consello, pero si insistiría en que é moi importante a aposta dos socios pola capitalización dos proxectos industriais das cooperativas.

-Como ves o futuro das gandarías e da industria láctea en España dentro de 6 anos?
Creo que cada vez será un sector máis valorado pola sociedade. Hai varios acontecementos que así o indican, como a estratexia “Da Granxa á Mesa”, presentada pola Comisión Europea e a crise sanitaria, onde se puxo de relevo que a produción de alimentos, e a de lácteos en particular, é estratéxica para o futuro dun país nun escenario de incerteza como o que vivimos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información