Os gandeiros dan unha semana a industria e distribución para que cumpran o acordo lácteo

Demandan unha reunión coa conselleira de Medio Rural e aseguran que as axudas non son a solución á crise do sector lácteo

Os gandeiros dan unha semana a industria e distribución para que cumpran o acordo lácteo

A Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego decidiu nunha reunión celebrada este venres en Santiago, darse un prazo dunha semana para decidir medidas concretas de presión para que a Administración axilice o cumprimento do acordo lácteo. En concreto, esixen que a industria deixe de presentar contratos á baixa e comece a presentar contratos adecuados ao estudo da cadea de valor da INLAC e para que a distribución traslade o incremento de prezos ao consumidor á industria e para que esta mellore os prezos aos gandeiros.

Tamén matizan que “as axudas non solucionan nada a situación do sector e as subvencións son exclusivamente para adquirir medios de traballo e no fondo acaban en mans dos provedores de maquinaria e equipamento, normalmente estranxeiros e ao gandeiro queda tan só o seu traballo e un crédito no banco”.

Desde a Plataforma queren deixar claro que “os gandeiros non somos uns perceptores de axudas, como parece que algún sectores pretenden deixar ver, manipulando a realidade interesadamente e o modelo baseado nas subvencións son pan para hoxe e fame para mañá”. “O que defendemos -subliñan- é un marco que permita unhas relacións estables no tempo, garantido por unha Administración comprometida”.

A plataforma demanda unha reunión urxente coa conselleira do Medio Rural

Por outra banda, a Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo Galego mostra o seu “desacordo unánime contra a actitude da conselleira de Medio Rural, por non recibilos, especialmente cando recibe a colectivos menos representativos no sector lácteo”. Por iso, solicitan unha entrevista urxente, “que de non efectuarse, -advirten-, levarán a cabo accións para que esa entrevista teña lugar”. Poñen como data de referencia o 23 de novembro, cando se cumpren 2 meses da firma do acordo de Madrid.

Na citada reunión, trasladaranlle as súas preocupacións. En concreto:

Non existe unha comisión de seguimento e xa solicitaramos unha en Galicia.

Non se acaba de publicar o decreto de cesión de prezos da industria á distribución nin o novo modelo de contrato.

A subida dos prezos ao consumidor nos lineais non repercute en beneficio ao gandeiro.

A industria segue presentando contratos á baixa.

Non é certo que os prezos se estean recuperando.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información