Os gandeiros da muralla valoran a forma xurídica da organización a crear

Representantes de 38 concellos de Lugo e da Coruña continúan a traballar no proxecto. Os produtores están a manter reunións con entidades públicas e privadas, así como asembleas cos profesionais do sector

Os gandeiros da muralla valoran a forma xurídica da organización a crear

Odón Castro e Manuel Rodríguez, no centro, cos outros seis profesionais de agro que compareceron hoxe en rolda de prensa.

O grupo de gandeiros que coordinou a tractorada da muralla de Lugo entre o 3 e o 12 de setembro continúa a traballar no deseño dunha organización que lle dea continuidade a aquel movemento. Os produtores, que xa no primeiro día da tractorada se desmarcaran dos sindicatos agrarios tradicionais, aspiran a constituir unha entidade que lles permita facer oír a súa voz e estar representados nos foros nos que se deciden as políticas do sector. Polo de agora, o grupo coordinador da muralla está a valorar que forma xurídica darlle ó proxecto.

Os pasos para impulsar a nova organización estanse a fraguar seguindo o modelo de traballo iniciado na tractorada. O grupo de representantes gandeiros por concellos que coordinou a protesta segue a reunirse para debatir e decidir sobre o proxecto. Os produtores, con presenza en 38 concellos, principalmente de Lugo pero tamén da Coruña, están a organizar asembleas informativas en distintos concellos para tratar de recabar o apoio dos gandeiros. Tamén mantiveron nas últimas semanas reunións con entidades públicas e privadas, aínda que “sen chegar a acordos con ningunha”, según explicaron hoxe nunha rolda de prensa que celebraron en Lugo.

“Roberto López foi a voz das decisións da maioría, pero el nin tiña voto na reunión de representantes” (Manuel Rodríguez)

Na rolda de prensa compareceron oito dos gandeiros que participan na reunión de representantes. O obxectivo da convocatoria era aclarar malentendidos e despexar dúbidas. Falaron no acto principalmente Manuel Rodríguez e Odón Castro, en tanto Roberto López, que fixera de voceiro dos mobilizados na muralla, preferiu quedar nun segundo plano.

Portavocía
O grupo aspira a consolidar polo de agora unha portavocía colectiva e quixo deixar claro que “Roberto non é o líder”. “Roberto foi só a voz das decisións da maioría, tomadas polos representantes dos concellos tras reunirse cos seus veciños” – explicou Manuel Rodríguez poñéndolle voz a un escrito consensuado por todos os representantes que traballan no proxecto.- “El nunca impuxo ningunha decisión e de feito non tiña voto nas reunións de portavoces dos concellos”.

Por este motivo, os gandeiros din non entender por que Roberto López está a concentrar “todo tipo de críticas” e palabras maiores, ata situacións que afectan a súa vida persoal e familiar.

“Imos crear unha organización feita por e para gandeiros, sen cores ideolóxicas” (Odón Castro)

Os produtores que compareceron hoxe na rolda de prensa trataron de aclarar no posible o proceso no que están embarcados, aínda que por agora, só dúas semanas despois de deixar a muralla, nin eles mesmos poden dar pistas firmes de en que se plasmará o proxecto no que traballan. “Queremos continuar pelexando polo noso e estamos abertos a quen se queira unir porque seguimos pensando que a unión fai a forza” -expuxo Odón Castro na rolda de prensa.- “Imos crear unha organización feita por e para gandeiros, sen cores ideolóxicas e que só vai representar as cores da terra e dos animais cos que traballamos”.

Principios
Os gandeiros declaran catro principios básicos para a nova organización: independencia, transparencia, participación e espíritu pacífico. Preguntados por se poderían constituirse en organización de produtores que negociase coas empresas a venda do leite dos seus asociados, o grupo indicou que era unha posibilidade máis sobre a mesa. “O ideal quizais sería iso, pero nacemos onte”, valorou Roberto López.

“O ideal quizais sería crear unha organización de produtores, pero aínda nacemos onte” (Roberto López)

Tampouco se pechan a conversas con outros colectivos do sector, “que compartan as nosas ideas e sen ningún tipo de cor”, se ben, a idea de crear unha organización propia e autónoma semella consolidada.

Asembleas
En canto ás asembleas informativas que están mantendo por concellos, os gandeiros sinalan que están convocándoas polo “boca a boca” e polo whatsapp. Recoñecen que é posible que a información non chegue a todos os produtores, pero tamén aseguran que haberá múltiples xuntanzas e ocasións para que todos os gandeiros interesados poidan sumarse ó proxecto.

Sobre o acordo de Madrid e posibles mobilizacións futuras, o grupo da muralla en valoralo como un acordo de “boas intencións”. “A partir de outubro saberemos se as boas intencións son boas ou non”, concluiu Roberto López.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información