Lactalis, primeiro aviso

Douscentos produtores concentráronse ante a planta da industria en Vilalba para iniciar a campaña de boicot contra a industria francesa. Piden que a empresa pague o que debe

O núcleo forte de gandeiros que se mobilizou en decembro contra as cadeas de distribución volveu hoxe a encabezar a protesta programada ante Lactalis, en Vilalba (Lugo). Arredor de 200 produtores concentráronse ante a planta da industria gala para arrancar unha campaña de boicot contra a industria. Para a próxima semana, están previstos actos para informar ós consumidores ante os supermercados e a Plataforma en Defensa do Sector Lácteo, convocante da mobilización de hoxe, tamén contactará coas cadeas de distribución para emprazalas a retirar temporalmente os produtos de Lactalis dos supermercados (marcas Lauki, President e Ram, entre outras).

A raíz do conflicto con Lactalis atópase na negativa da industria gala a concretarlle ós gandeiros cando e como lle trasladará os cartos que desde decembro lle pagan a maiores as cadeas Carrefour, Alcampo e Dia polo leite de marca branca. Os supermercados aumentaron os pagos a Lactalis e a outras industrias, como Celta, co único obxectivo de que lle fixeran entrega deses cartos ós gandeiros. Celta xa lle abonou en xaneiro ás granxas 0,5 céntimos maís por litro. Lactalis non. Os gandeiros piden que “se nos pague o que se nos debe”.

“Sempre vimos ás industrias como aliadas, pero as que non queiran, terannos enfronte” (Óscar Pose)

Lactalis, pola súa banda, sostén que vai pagar eses cartos, pero non ofrece maiores garantías nin concreta datas nin cantidades, unha actitude que os gandeiros consideran pouco seria e “un roubo encuberto”. “Sempre dixemos que as industrias e os gandeiros temos que ser aliados. Elas necesitan o noso leite e nós necesitamos que nos paguen o leite a un prezo digno. Se Lactalis non quere estar do noso lado, teranos enfrente” -advirte Óscar Pose, representante de Unións Agrarias na Plataforma.- “Torres máis altas caíron”, conclúe en alusión ás grandes cadeas da distribución, vencidas polos produtores nas protestas de decembro.

Ante a planta de Vilalba, os gandeiros prenderon esta mañá unha gran fogueira cunha morea de neumáticos que apilaron en torno a alpacas. O lume escenificou o inicio do cerco á industria. Non será un conflicto como os de decembro ante a distribución, cando os gandeiros optaron polo bloqueo directo dos centros comerciais. Esta vez non está previsto, alomenos nun principio, o bloqueo das plantas de Lactalis, pois quérese evitar que as granxas teñan que tirar o leite nuns intres de grave crise, pero si que se prevén accións directas contra a industria nos próximos días e unha campaña de boicot na que se buscará a colaboración dos consumidores.

“O comportamento de Lactalis demostra que o seu compromiso co acordo lácteo é unha falsidade” (Isabel Vilalba)

As organizacións agrarias agardan tamén a intervención a Administración. “Lactalis asinou en setembro o acordo lácteo en Madrid no Ministerio, pero estamos a ver que o seu compromiso foi unha falsidade, pois agora négase a algo tan sinxelo como a trasladar os cartos que lle paga a maiores a distribución para as granxas, que é un dos puntos do acordo asinado en Madrid”, lembra a secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba.

Papel das Administracións
Os produtores demandan que a Administración interveña para poñer freo a ese incumprimento. O responsable de gandería da Federación Rural Galega, Elías Somoza, demanda a creación en Galicia dunha mesa de seguemento do acordo lácteo. “Lactalis está a cometer unha serie de abusos e vemos que a Administración está a mirar para outro lado” -cuestiona Somoza.- “É hora de que a conselleira do Medio Rural pase das boas palabras ós feitos e tome cartas no asunto”, reclama.

“É hora de que a Administración deixe de mirar para outro lado e pase das palabras ós feitos” (Elías Somoza, Fruga)

Por parte do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba sinala que ante un Ministerio en funcións en Madrid, é aínda máis “urxente” que a Consellería do Medio Rural asuma o liderado do sector en Galicia. Os produtores son conscientes de que o conflicto con Lactalis é só unha escaramuza nun contexto xeralizado de excedentes e baixos prezos, pero tampouco están dispostos a pasar por alto o ninguneo que perciben por parte da multinacional francesa. “Que Lactalis pague o que debe é un parche” -recoñece Óscar Pose- “Máis adiante haberá que falar de volumes, de recuperación de prezos e doutras moitas cuestións”, sinala.

A loita contra Lactalis, máis que unha solución final, busca logros simbólicos. Os gandeiros tratan de sentarse en pé de igualdade coas industrias e abrir unha fase na que ambas partes, produtores e industrias, negocien de igual a igual e afronten os problemas do sector en conxunto, non facéndose a guerra uns ós outros. “O problema vai moito máis alá do conflicto con Lactalis. Temos estes días o problema da cooperativa Codegui, que perde a recollida de Celta, e temos que sentarnos todas as partes, coa mediación da Administración, para abordar cuestións como o leite que entra de fóra en España ou a xestión de excedentes”, valora Isabel Vilalba.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información