Os gandeiros ameazan con estender os bloqueos a DIA ao resto de España

Nas próximas horas agardan ter unha reunión en Santiago cos representantes de Alcampo. Sobre a reunión da conselleira con Agromuralla consideran que “é ridículo reunirse para sacar a foto e dicirnos que temos razón, a administración ten que dar solucións”

Os gandeiros ameazan con estender os bloqueos a DIA ao resto de España

Bloqueo da Central Loxística de DIA en Santiago

Os gandeiros da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego advirten de que se DIA non abre unha mesa de diálogo estenderán ao resto de España o bloqueo que iniciaron esta madrugada ao Centro Loxístico de DIA para Galicia, situado en Santiago.

Así o anunciou esta mañá en declaracións aos medios Óscar Pose, representante de Unións Agrarias na Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego. “Se non lles é suficiente o bloqueo do centro loxístico de Galicia, imos estender as protestas contra DIA ao resto de España, non só na distribución, senón tamén en cada unha das áreas comerciais que teñan ao longo de todo o Estado”, advertiu.

De momento non hai ningunha liña de diálogo aberta con DIA. Os gandeiros acusan a esta distribuidora de incumprir o acordo lácteo que asinou o pasado 23 de setembro. “DIA está incumprindo todos os puntos: non identifica a orixe do leite, banaliza o leite e non incrementou o prezo á industria, ao seguinte chanzo da cadea”, explicou Óscar Pose.

Neste sentido, lembrou que “nós non estamos aquí por gusto, non queremos facerlle dano a ningunha distribuidora, senón que estamos aquí para garantir a supervivencia das nosas explotacións e o pan para as nosas familias”.

A este respecto, Pose anunciou que manterán o bloqueo durante todo o Nadal. “Saímos das nosas casas cun obxectivo claro -subliñou-: ou hai unha recuperación inmediata do prezo do leite ou teremos que pechar boa parte das explotacións”.

Negociacións con Alcampo e reunión da conselleira con Agromuralla

Sobre as negociacións con Alcampo, Óscar Pose amosou a súa confianza en que “podamos pechar un acordo nas próximas horas”. Así, está previsto que representantes da multinacional francesa cheguen ao longo do día a Santiago para manter unha reunión cos representantes da Plataforma. O obxectivo é acadar un acordo similar ao asinado con Carrefour, algo que, segundo indican fontes da Plataforma, estaría disposto a asumir Alcampo.

En canto á reunión prevista para esta tarde en Santiago entre a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, e representantes de Agromuralla, o colectivo de gandeiros de Lugo, Óscar Pose asegurou que “na Plataforma dende o primeiro momento dixémoslle á Administración que non estabamos dispostos a ter unha reunión para sacarnos a foto e que nos dean a razón”. “As administracións están para poñer enriba da mesa solucións e se non ofrecen solucións non estamos dispostos a sentarnos con eles”, concluíu.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información