Os gandeiros acordan en Santiago folga de entregas de leite e bloqueo á distribución

A asemblea de produtores decidiu este mediodía tirar o leite das explotacións, así como accións de boicot sobre os leiteiros e bloquear as industrias. O debate continúa. Buscarase o consenso coa tractorada de Lugo

Os gandeiros acordan en Santiago folga de entregas de leite e bloqueo á distribución

Asemblea deste mediodía en Compostela.

A asemblea de gandeiros concentrados en Santiago desde o pasado luns acordou este mediodía que proseguirán as accións de protesta cunha folga de entregas de leite e cun bloqueo selectivo a centros loxísticos das cadeas de distribución. Os produtores buscarán o consenso coa tractorada de Lugo, xa que entenden que calquera acción debe ser unitaria para ter éxito. A última hora da mañá, o debate continuaba entre os representantes por concellos presentes na asemblea para decidir o plan e horario das accións a emprender.

Tras o varapau que supuxo onte a reunión do sector lácteo en Madrid, da que as organizacións agrarias saíron sen un compromiso de recuperación inmediata dos prezos, hai bastante consenso entre os produtores sobre o seguinte paso a dar, a folga de entregas de leite. Os gandeiros son conscientes de que tirar o leite das explotacións –coas perdas que iso implica- é un paso duro, pero na asemblea a penas houbo debate sobre se emprender a folga de entregas ou non.

O debate centrouse en como acometer esa folga de entregas, se bloqueando ás 15 principais industrias do país con tractores ou procedendo a accións de boicot sobre os leiteiros que recollen o leite polas explotacións . Unha terceira vía, proposta por gandeiros de Ferrolterra, centrábase en efectuar bloqueos sobre centros loxísticos da distribución, como o realizado esta semana no Dia de Santiago. Un dos seguintes, segundo a asemblea, podería ser o de Vegalsa – Eroski en Oroso.

Finalmente, os produtores acordaron unir as tres propostas. Haberá folga de entregas, con accións de boicot sobre os leiteiros, como a apertura das súas cisternas para tirarlles o leite, e tamén haberá bloqueos ás industrias e á distribución.

Os produtores buscarán o consenso cos gandeiros de Lugo e están pendentes tamén de que saian os representantes da Plataforma do Sector Lácteo que acudiron hoxe a unha reunión na Xunta co presidente da Xunta e a conselleira do Medio Rural. Haberá nova asemblea en Santiago ás 6 da tarde.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información