Os fertilizantes abarátanse de cara á campaña de sementeira do millo

O mercado internacional estabilízase con prezos á baixa. O amoníaco sitúase a 350 dólares en porto en Exipto e a urea a 400 en Alxeria, menos da metade das cotizacións alcanzadas en 2022. Os nitroxenados fabricados en Europa manteñen prezos aínda elevados, malia a baixada do gas natural, co NAC 27 a 350 euros

ABONADORA_01

En plena campaña de abonado de praderías de ensilaxe en Galicia e a un mes de empezar sementeira do millo, os dous momentos agrícolas que concentran o groso dos abonos químicos utilizados na comunidade, os produtores respiran aliviados ante un posible abaratamento dos custos de fertilización.

Tras dous anos de escalada de prezos, acentuada sobre todo trala guerra de Ucraína, os primeiros meses de 2023 trouxeron un descenso importante na cotización dos fertilizantes a nivel internacional, con baixadas de máis dun 50% a respecto dos máximos históricos alcanzados no outono pasado.

O amoníaco dispoñible para carga en porto en Exipto cotiza a 350 dólares a tonelada, cando fai só medio ano superaba os 1.000 dólares. A urea, que chegara aos 900 dólares, sitúase nestes momentos en Alxeria, Emiratos Árabes e outros países do Golfo Pérsico a 400 dólares.

Os prezos dos fertilizantes tocaron teito no último trimestre de 2022 e foron baixando desde comezos deste ano

A estes prezos habería que engadir despois o seguro, o frete, a descarga e o transporte, pero representan valores sensiblemente máis baixos que na campaña de primavera de 2022, cando se situaban na contorna dos 600 dólares.

Esperar ou comprar?

Desde as empresas almacenistas e distribuidoras asentadas en Galicia fálase aínda de volatilidade, malia que se recoñece que os prezos moderáronse con respecto á segunda metade de 2022.

No sector espérase certa estabilización de prezos a partir de agora

Nunha situación de baixada de prezos, a lóxica indicaría esperar e apurar os prazos á hora de comprar, aínda que esta decisión non garante un aforro económico aos produtores. No último mes os prezos fóronse estabilizando e aínda que no sector espérase que esa tendencia continúe a partir de agora, ven difícil un descenso nos prezos actuais.

“Os fabricantes producen cantidades máis axustadas debido aos custos de produción e por medo a que haxa un descenso de consumo como sucedeu o ano pasado, polo que o stock de produto é menor que en anos anteriores”, argumentan.

O abonado de pradeiras, máis caro que o do millo

A campaña de abonado de primavera en Galicia iníciase coa ensilaxe de herba. O NAC 27, un dos produtos máis utilizados en praderías de raigrás, cotiza nestes momentos a 350 euros a tonelada en Alemaña, unha das referencias utilizadas a nivel de prezos no mercado internacional.

“O nitrato está un pouco máis alto, porque é un produto máis concentrado na UE, xa que fóra non é tan habitual a súa utilización, e aquí pesa o prezo do gas”, explica Juan Pardo, presidente da Asociación Comercial Española de Fertilizantes (ACEFER), que reúne ás principais empresas distribuidoras.

A urea é a que marca os prezos dos abonos nitroxenados no mundo

“O amoníaco e a urea volveron a niveis de 2019, previos á covid 19 e á guerra de Ucraína, e o resto de produtos pouco a pouco van acabar converxendo neses prezos. Estamos nunha baixada lenta, volvendo a un certo equilibrio que había daquela”, prognostica.

Diferenzas entre distribuidores en función do momento de compra

Pero ese axuste á baixa tardará aínda un tempo en chegar ao agricultor. “Estamos nesa baixada lenta e en determinados momentos pode haber diferenzas de prezo importantes entre empresas nunha mesma zona, porque depende da situación de compra do almacenista e do momento en que esa compra fose realizada”, recoñece.

Aínda que nun mercado á baixa, como é neste momento o dos fertilizantes, as empresas almacenistas tratan de comprar un volume de produto o máis axustado posible ás súas previsións de vendas, sen reter grandes stocks para tratar de minimizar os riscos ante posibles perdas, desde ACEFER insisten en que “hai dispoñibilidade nas fábricas e produto dispoñible para importar desde calquera orixe, polo que non existiría ningún problema de subministración”.

Caída do consumo en 2022

O 2022 foi un mal ano para a produción e venda de fertilizantes. De acordo con as estimacións da Asociación Nacional de Fabricantes de Fertilizantes (ANFFE), o consumo de fertilizantes en España tería descendido no ano 2022 por enriba do 25% con respecto ao ano anterior.

“Esta baixada podería terse debido a un conxunto de factores, tales como unhas menores sementeiras, a aplicación da nova PAC, a seca e a escaseza de auga nos encoros, a limitación ao uso de fertilizantes imposta por algunha lexislación ambiental, etc.”, describe Paloma Pérez, secretaria xeral de ANFFE.

Debido á seca a produtividade baixa e, polo tanto, o agricultor gasta o menos posible en fertilizante

O descenso do 25% en 2022 sumaríase ao que xa se experimentou en 2021, de en torno ao 4% con respecto ás cifras habituais de consumo de fertilizantes en España, as cales adoitan roldar os 5 millóns de toneladas de produto fabricado ao ano.

“Desde finais de 2021, todo 2022 e o que vai de 2023 o consumo e fertilizantes caeu notablemente. Levo no mundo de abonos 30 anos, e nunca se produciu esta situación. En 2008 produciuse tamén un baixón pola subida brutal do prezo dos fertilizantes aquel ano, e pola seca o consumo podía baixar puntualmente nun ano un 5%, pero nada comparable coa situación actual”, afirma Juan Pardo, que eleva ata o 30% as estimacións de perda de mercado en 2022.

Recuperación da demanda en 2023

A campaña de sementeira de outono nas principais rexións agrícolas españolas, coincidindo cos picos máximos de prezos alcanzados, trouxo consigo unha estratexia conservadora de abonado, pero a baixada de prezos actual podería axudar a reactivar o consumo.

De feito, desde a asociación que reúne ás principais empresas fabricantes espérase unha recuperación da demanda nos próximos meses para compensar o déficit de nutrintes achegados ao solo ata o de agora.

Espérase que nas aplicacións de coberteira se corrixa a escaseza de nutrintes achegados na sementeira do outono

“En liñas xerais, o agricultor está a axustar aínda máis as doses dos fertilizantes ás necesidades das plantas, para reducir as perdas de nutrintes. No outono de 2022, nalgúns casos atrasouse a aplicación de fertilizantes, á espera da chegada das choivas e da evolución dos prezos, chegando mesmo a que en certos casos a aplicación fose mínima ou mesmo nula”, recoñece Paloma.

“Con todo, para estes próximos meses de primavera espérase que, para garantir unha adecuada produción agrícola, se apliquen os fertilizantes necesarios, especialmente nos casos nos que en tempadas anteriores reducíronse as doses de aplicación, o que provocou que nestes chans haxa escaseza de nutrintes”, afirma.

Maior capacidade económica nas explotacións lácteas

As ganderías lácteas son en Galicia o principal consumidor de fertilizantes. O ano pasado, con prezos aínda baixos do leite e custos de produción elevados, as explotacións reduciron o uso de abonos químicos, sobre todo para o abonado de praderías, tirando do xurro dispoñible nas propias granxas. “A xente apura todo o que pode estercos e xurros; houbo un empuxe o ano pasado nos abonos orgánicos en detrimento de os nitroxenados clarísimo”, recoñece Juan.

A xente apura todo o que pode estercos e xurros en detrimento dos nitroxenados

Aínda que as explotacións lácteas dispoñen neste momento de maior liquidez tras varios meses de prezos altos de venda do leite, a sinatura de contratos á baixa para os próximos meses podería retraer novamente o gasto das ganderías en fertilizantes para a actual campaña.

“Os prezos do leite inflúen, pero as explotacións lácteas saben que para ter forraxe teñen que abonar. O ano pasado en vacún de leite notouse menos o descenso, que foi máis acusado nas ganderías de carne”, explican as empresas de fertilizantes asentadas en Galicia.

En Galicia espérase novamente un uso máis limitado de abonos químicos por parte das ganderías de vacún de carne

A revalorización do prezo de venda da carne foi inferior ao do leite, o que podería influír novamente na decisión de abonado das ganderías de vacas nodriza, que aplican fertilizantes nitroxenados nesta época para apurar o rebrote e crecemento da pradeira para facer bólas de silo coas que suplementar a alimentación do gando no inverno.

Limitacións derivadas da nova normativa

Outro elemento que podería pesar en detrimento do uso de fertilizantes é a entrada en vigor da nova PAC e de normativas como o Real Decreto de Nutrición Sostible de Chans Agrícolas.

Na nova campaña e sucesivas (ata 2027) da Política Agrícola Común iguálase a esixencia de utilizar abonos exclusivamente orgánicos, xa establecidos en agricultura ecolóxica, para aquelas ganderías que aínda estando en produción convencional queiran cobrar a axuda agroambiental vinculada a fomento e xestión de pastos.

Para poder cobrar a nova axuda agroambiental de fomento de pastos esíxese unha fertilización exclusivamente orgánica

Un dos requisitos para poder percibir esta axuda, de 110€/ha en prados temporais permanentes e 80€ en pastos arbustivos e arborados, é manter durante os 5 anos de compromiso unha fertilización exclusivamente orgánica das praderías, ademais de non aplicar herbicidas.

No caso das ganderías lácteas, a entrada en vigor do Caderno Dixital de explotación a partir do mes de setembro e do Real Decreto de Nutrición de Chans Agrícolas a partir do 1 de xaneiro de 2024 condicionará a utilización de abonos químicos á realización de Plans de Abonado e análises de chans.

A baixada do prezo do gas natural permite retomar a produción en España

“Trala guerra de Ucraína produciuse un incremento abrupto dos prezos do gas, da electricidade e dalgunhas materias primas que afectou moi negativamente ás empresas fabricantes de fertilizantes e en especial ás fabricantes de fertilizantes nitroxenados, dada a súa gran dependencia do gas natural, ao ser a súa principal materia prima”, explican en ANFFE.

Este incremento dos custos “fixo inviable poder seguir mantendo a actividade produtiva” e ocasionou o peche dalgunhas plantas de produción en Europa, chegando a alcanzar o 70% da capacidade europea. “Esta parada temporal reduciu a oferta de fertilizantes na UE, ocasionando un desequilibrio entre a oferta e a demanda”, recoñece Paloma López.

Con todo, tralo verán de 2022 o prezo do gas comezou a descender progresivamente, o que permitiu que algunhas plantas puidesen volver reabrir e retomar a súa actividade, “aínda que hai algunhas que aínda continúan paradas”, aclaran.

Fertiberia recuperou a actividade na súa planta de Palos de la Frontera

Unha das fábricas que puido retomar a súa actividade é a que Fertiberia ten en Palos de la Frontera (Huelva). Na actualidade está a fabricar amoníaco, que se transporta en barco ata Avilés, onde a compañía produce nitrato.

“A situación xerada trala guerra de Ucraína obrigou ás empresas fabricantes a realizar axustes nos seus sistemas produtivos e na súa política de compras co obxectivo de evitar paradas nas súas plantas e asegurar o abastecemento aos agricultores”, xustifican desde ANFFE.

As empresas en Europa prefiren usar o amoníaco para fabricar nitrato no canto de fabricar urea

As empresas europeas prefiren centrarse na produción de nitrato e importar urea doutros destinos. Aínda que o prezo do gas baixou e sitúase “en niveis de equilibrio que permiten a produción en Europa”, segue máis alto que en EEUU e o norte de África, polo que as industrias asentadas na UE non son capaces de competir en prezos con fabricantes deses países.

Aumenta a importación

Durante os últimos anos, as importacións de fertilizantes en España foron experimentando un crecemento paulatino, chegando a superar os 4 millóns de toneladas de produto no ano 2020. Con todo, no ano 2022, debido ás circunstancias adversas no sector, produciuse un descenso dun 20% con respecto ao ano anterior.

En canto ás previsións para o ano 2023, estímase que as importacións volvan aumentar, tendendo a recuperar os niveis anteriores, en parte debido ás eliminacións de aranceis á importación de urea e amoníaco, que a Comisión Europea decidiu prorrogar polo de agora.

A metade dos fertilizantes consumidos en España procede do exterior

En 2020 o 13,9% dos abonos recibidos por España foron marroquís, o 10,7% procederon de Bélxica, o 8% de Portugal e o 3,7% de Rusia. Nestes momentos, produtos como o amoníaco ou a urea proceden maioritariamente de países do norte de África, como Exipto ou Alxeria. “Hai que garantir que haxa produtores nacionais para que non haxa risco de desabastecemento”, argumentan desde ANFFE.

Materias primas

O nivel de importación varía en función do produto e a materia prima da que se trate. Por exemplo, o 100% dos fosfatos son importados, porque aínda que en España hai fabricantes de superfosfatos, a pedra de fósforo procede do exterior.

No caso da potasa, existe produción local en España, pero un 30% do que se produce vai á exportación e compénsase cun volume semellante de produto importado.

Nos nitroxenados, a produción española cubre un 80% das necesidades. Desa produción, o 30% expórtase, polo que as necesidades totais de produto importado roldan o 50%.

En canto ao prezo destas materias primas, os prezos dos fosfatos e a potasa están a baixar con menos rapidez que o nitróxeno.

Reducir a dependencia exterior: obxectivo da UE

O pasado 16 de febreiro o Parlamento Europeo votaba a favor da proposta de resolución sobre a Comunicación da Comisión relativa á dispoñibilidade e asequibilidade dos fertilizantes.

Nesta resolución, os eurodeputados realizan un chamamento para elaborar unha estratexia a longo prazo para os fertilizantes, co fin de reducir a dependencia das súas importacións e garantir así unha autonomía estratéxica en Europa.

O Parlamento recoñece o importante papel que desempeñan os fertilizantes para garantir unha produción de alimentos suficiente e de calidade, así como para a produción de AdBlue para o sector do transporte e de CO2 para a industria da alimentación.

A metade das instalacións de produción de fertilizantes europeas reduciron as súas producións habituais no último ano

O índice de prezos dos fertilizantes en 2022 alcanzou cifras históricas, principalmente no caso dos produtos nitroxenados, cuxa fabricación depende do gas natural procedente na súa maior parte de Rusia en países como Alemaña ou Polonia; aínda que España, pola súa posición xeográfica, está menos exposta ao adquirir produtos do norte de África e gas licuado procedente de EEUU.

O último informe da Comisión Europea, de finais de 2022, revela que os prezos dos fertilizantes nitroxenados incrementáronse nun 150% entre setembro de 2021 e setembro de 2022. Aínda que nos últimos meses reduciuse o prezo os abonos nitroxenados e fosfatados desde os máximos alcanzados en abril de 2022 e, nalgúns casos, sitúanse por baixo dos que había fai un ano, aínda se atopan en niveis elevados, impulsando este insumo fundamental na agricultura a subida no prezo dos alimentos e a inflacción na zona euro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información