A Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (Agafac) advirte de que a prolongación do conflito bélico en Irán “terá consecuencias relevantes para o sector da alimentación animal, ao incrementar os custos de produción asociados á fabricación de pensos e afectar ao conxunto da cadea agroalimentaria”.
O actual contexto de inestabilidade en Oriente Medio está a xerar incerteza nos mercados internacionais de materias primas e enerxía, así como nos principais roteiros comerciais globais. “Esta situación, de manterse no tempo, -advirten dende AGAFAC- repercutirá de forma directa na dispoñibilidade e o custo de determinados insumos necesarios para a elaboración de alimentos compostos destinados á alimentación animal”.
Desde Agafac lémbrase que a industria de fabricación de pensos depende en gran medida de materias primas agrícolas que se comercializan en mercados internacionais. Por iso, lembran que “calquera alteración prolongada nos fluxos comerciais, nos custos enerxéticos ou no transporte marítimo traducirase nun incremento dos custos de produción para o sector”.
Posible encarecemento de materias primas e custos enerxéticos
A fabricación de alimentos compostos require o uso de materias primas como cereais, oleaxinosas e proteínas vexetais que, en moitos casos, proceden de distintos mercados internacionais. A evolución dos conflitos xeopolíticos en zonas estratéxicas adoita provocar tensións nos prezos destes produtos, así como dificultades loxísticas que afecten ao normal funcionamento do comercio global.
Así mesmo, o incremento do prezo da enerxía — habitual en escenarios de inestabilidade na rexión — repercute en diversas fases do proceso produtivo, desde o transporte de materias primas e pensos, ata a actividade das plantas de fabricación, especialmente no proceso de granulación que require un consumo elevado de enerxía.
Neste contexto, a asociación subliña que “o encarecemento destes factores traducirase nun aumento progresivo dos custos de produción dos alimentos compostos se a situación prolóngase no tempo”.
A estas consecuencias de subida de custos, AGAFAC asegura que “hai que engadirlle o risco existente de desabastecemento de certas materias primas imprescindibles para a produción de pensos por problemas de subministración de combustible aos barcos, principal medio de transporte entre países orixinarios de materias primas e os países consumidores das mesmas”.
Impacto na cadea agroalimentaria
Agafac lembra que os pensos representan un dos principais custos na produción gandeira. Por este motivo, calquera incremento significativo no prezo da alimentación animal pode acabar trasladándose ao conxunto da cadea agroalimentaria.
“De manterse as actuais tensións xeopolíticas e enerxéticas, o encarecemento dos pensos podería repercutir no custo de produción da gandería e, en consecuencia, no prezo final de determinados produtos alimentarios de orixe animal como carne, leite ou ovos”, subliñan.
Neste sentido, a asociación destaca que o sector vén realizando nos últimos anos un importante esforzo para mellorar a súa eficiencia e absorber parte das fluctuacións do mercado. Con todo, advirte de que “a persistencia de factores externos adversos podería limitar a capacidade de absorción de novos incrementos de custos”.
Seguimento da situación internacional
Ante este escenario, a Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos considera necesario seguir con atención a evolución do conflito e os seus posibles efectos sobre os mercados internacionais de materias primas, enerxía e transporte.
A entidade subliña igualmente “a importancia de preservar a estabilidade das cadeas de subministración e o normal funcionamento do comercio internacional, factores esenciais para garantir o abastecemento e a competitividade do sector agroalimentario”.
Agafac reafirma, así mesmo, “o compromiso das empresas do sector en Galicia coa subministración estable de alimentos para a gandería e co mantemento dunha cadea agroalimentaria eficiente, segura e orientada a garantir o abastecemento de alimentos á poboación”.
Por último, desde Agafac tamén instan ás Administracións competentes a que “poñan en marcha canto antes plans e medidas que poidan axudar a paliar estas subidas de custos na cadea agroalimentaria”.
Galego









Control OJD