Os fabricantes de pensos reclaman subidas no prezo do leite ou da carne para que os gandeiros poidan soportar o encarecemento dos cereais

Os fabricantes de pensos reclaman subidas no prezo do leite ou da carne para que os gandeiros poidan soportar o encarecemento dos cereais

Imaxe de descarga de cereais nun porto galego

A Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (Agafac) informa de qie “ante a subida xeneralizada de todos os custos de produción, os fabricantes de pensos garanten os prezos máis competitivos posibles e trasladamos o noso apoio incondicional aos gandeiros fronte á escalada de prezos na cadea”.

“Estamos ante unha tormenta perfecta, non só pola subida das materias primas coas que elaboramos os pensos para os nosos animais, senón tamén dos bens intermedios e subministracións esenciais como o gasóleo, a enerxía ou os plásticos”, explica o director de Agafac, Bruno Beade, quen lembra que “a evolución dos mercados non a pode controlar o sector dos fabricantes de pensos”.

Neste sentido, o director da Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos lembra que desde o verán de 2020 o prezo das principais materias primas coas que se elaboran os concentrados en Galicia non parou de subir nos portos (principal vía de entrada dos nosos insumos), bolsas e lonxas agroalimentarias, á vez que lembra que entre os factores da subida destacan, entre outros, a entrada dos fondos de investimento nas bolsas alimentarias, unha revisión á baixa das existencias mundiais e unha menor produción en países como Estados Unidos, Brasil ou Romanía, e o incremento da demanda e da compra de materias primas por parte de China.

“Estamos a experimentar incrementos de máis de 90 euros/Tonelada no caso do millo (un 50% de subida nun ano), 74 euros/Tonelada no trigo (un 40% de incremento) e a soia 46.5% un incremento de case 100 euros/Tonelada (un 30% de subida)”, apunta Beade.

“Este tres materias primas (prioritarias en formulacións) marcan a tendencia do resto e é preocupante a subida e tendencia doutros produtos importantes como a cebada, a colza, o xirasol ou a manteiga, esta última, un 66% máis cara que hai un ano”, engade o director de Agafac.

Máxima transparencia e apoio aos gandeiros

En todo caso, desde a asociación lembran que “en Galicia o sector da fabricación de pensos compostos para animais é estable, un sector maduro cun importante exceso de oferta en relación á demanda, feito este último que garante a máxima transparencia e eficiencia na translación dos custos de produción aos produtos finais, se fose o caso”.

Ante esta situación de escalada dos custos de produción no sector agrogandeiro, desde AGAFAC manifestan que “somos moi conscientes da dificultade que teñen os gandeiros para repercutir o incremento dos seus custos e dos baixos prezos que adoitan recibir polos seus produtos, cunha escasa marxe de beneficio sobre o custo total de produción e é por iso que desde Agafac apoiamos e reivindicamos dignificar unha retribución xusta para os gandeiros, de forma que en cumprimento das lóxicas regras do mercado e da Lei da Cadea Alimentaria póidanse trasladar os aumentos de custos das producións gandeiras ao seguinte elo da cadea alimentaria de valor”.

Una idea sobre “Os fabricantes de pensos reclaman subidas no prezo do leite ou da carne para que os gandeiros poidan soportar o encarecemento dos cereais

  1. José López Vázquez

    Os fabricantes tamen poden reducir o seu marxen de beneficio, vamos digo eu

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información