Os fabricantes de pensos en Galicia alertan do peche de granxas ante a subida das materias primas, a luz e o gas

Os fabricantes de pensos en Galicia alertan do peche de granxas ante a subida das materias primas, a luz e o gas

A Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos para Animais ( Agafac) advirte de que a subida xeneralizada dos custos de produción, das materias primas e dos bens intermedios e subministracións esenciais como a luz, o gas ou os plásticos empeza a ser insostible para o sector ata tal punto que algunhas explotacións gandeiras xa pecharon e outras se verán abocadas a facelo se a tendencia alcista continúa.

Ante unha situación sen precedentes, Agafac manifesta unha vez máis o seu apoio incondicional aos gandeiros fronte a unha escalada que parece non ter fin. “Se os produtores de carne, leite e ovos non ven unha mellora no prezo das súas producións, en pouco tempo parte da industria verase abocada ao peche”, lamenta o director de Agafac, Bruno Beade, quen afirma que o único camiño para sobrevivir “será trasladar o incremento dos custos ao seguinte elo da cadea alimentaria”.

“Somos conscientes da dificultade dos gandeiros para repercutir o incremento dos seus custos e dos baixos prezos que adoitan recibir polos seus produtos cunha escasa marxe de beneficio sobre o custo total da produción”, explica o director da Asociación Galega de Fabricantes de Pensos Compostos, que reivindica unha retribución xusta de tal maneira que se poidan trasladar os aumentos de custos das explotacións gandeiras ao seguinte elo da cadea alimentaria de valor en cumprimento das lóxicas regras do mercado e da Lei da Cadea Alimentaria.

O millo e o trigo, un 55 e 60% máis caros

Unha conxuntura internacional e nacional moi adversa -cos prezos da luz tamén desbocados- asfixia ao sector desde hai meses e as subidas de cereais e oleaginosas provocaron un encarecemento dos pensos compostos que se utilizan para a alimentación animal.

Así, desde agosto de 2020 o prezo das principais materias primas coas que se elaboran os concentrados en Galicia non deixou de aumentar. A entrada dos fondos de investimento nas bolsas alimentarias, unha revisión á baixa das existencias mundiais, unha menor produción en Estados Unidos, Brasil ou Romanía, e o incremento da demanda e da compra de materias primas por parte de China son as principais causas da subida dos prezos das materias primas, unha situación imposible de controlar desde o sector.

Deste xeito, a cadea agroalimentaria soporta incrementos de 100 euros/tonelada no caso do millo (máis do 55% de subida no último ano), 114 euros/tonelada no trigo (un 60% de subida) e de case 100 euros/tonelada na soia (case un 30% máis).

A fariña de soia, esencial nos compostos para pitos e vacas leiteiras -e que hai que importar na súa totalidade- está a pagarse a máis de 400 euros por tonelada cando hai un ano roldaba os 320 euros. Estas tres materias primas, millo, trigo e soia, marcan a tendencia do resto, polo que a situación é, se cabe, aínda máis preocupante, e a evolución de prezos doutros produtos importantes como a cebada -que se duplicaron no último ano- a colza, o xirasol ou a manteiga -un 95% máis cara que en 2020- non dá opción ao optimismo xa que, aínda que a produción mundial de cereais pode pechar este ano con cifras récord, as previsións falan dun incremento da demanda dun 2%, polo que a presión sobre os prezos continuará

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información