Hai tempo que son coñecidos os efectos do estrés por calor nas vacas leiteiras, pero non había até o de agora unha cuantificación real dos efectos que isto provoca en explotacións galegas.
O grupo Metanimal (metabolismo e patoloxía animal) da Facultade de Veterinaria de Lugo leva dous anos analizando os seus efectos en catro granxas leiteiras da Terra Chá. As catro contan con robot de muxido, pola facilidade de acceso aos datos proporcionados e a súa precisión.
As 4 granxas son novas, teñen establos ben deseñados e con boa ventilación e salvo unha delas, as outras tres non contan con sistemas de ventiladores e aspersores para facer fronte ao estrés por calor.
“En Galicia dáse un estrés entre leve e moderado”
O cambio climático está afectando de maneira importante ao gando vacún de leite, segundo estudos realizados en países como Israel. Pero que en Galicia até o momento non se chegaran a realizar medicións, de aí a importancia deste primeiro estudo experimental.
“Aquí o único que había eran percepcións, de que as vacas comen menos e teñen máis problemas reprodutivos, pero en ningún momento se cuantificaron”, indica o profesor Rodrigo Muíño, integrante do equipo de investigación, que asegura que “en Galicia dáse un estrés entre leve e moderado”.
Preténdese analizar o estrés por calor dos animais e determinar o impacto económico sobre a produción de leite nas explotacións
No 2023 mediuse o ITH (un índice que se toma como referencia para establecer o grado de estrés por calor do gando) nestas 4 granxas, ubicadas na Ponte de Outeiro, no municipio de Castro de Rei, mediante un dispositivo que rexistra humidade ambiental e temperatura.
“Un ITH crítico daríase a partir de 75. Ata o mes de marzo tivemos ITH menor a 68, o que implica que non houbo estrés por calor. Pero a partir de xullo xa empezamos con picos que superaban o ITH 72, chegando mesmo a 82, que xa é un estrés moderado, con períodos máis continuados no mes de agosto”, detalla.
Cuantificación das perdas económicas
“No 2023, neste primeiro proxecto, estudamos os efectos do estrés por calor sobre a eficiencia reprodutiva, a produción e a composición de ácidos graxos do leite”, explica Rodrigo, profesor da área de Medicina e Ciruxía Animal da Facultade de Veterinaria.
Os resultados do estudo foron claros: a fertilidade pasou do 30% nos meses do inverno a un 27% no verán e os episodios de estrés por calor puntual que viven os animais nos meses cálidos provocan unha baixada da produción de 3 litros, tardando as vacas 2-3 días en recuperar a produción unha vez esas condicións climatolóxicas de alta temperatura e humidade desaparecen.
As vacas que sofren estrés por calor tardan de 2 a 3 días en recuperar a produción unha vez esas condicións climatolóxicas volven á normalidade
Para valorar o efecto sobre a eficiencia reprodutiva tomáronse mostras nunha única explotación, que moxe 200 vacas en 4 robots, para evitar a dispersión que podía supor usar datos de distintas granxas. “Mediuse a proxesterona, porque a menos proxesterona máis estróxenos e mellores celos e, polo tanto, máis taxa de preñez. No mes de agosto tivemos resultados por baixo do 21%, porque as vacas fixeron peores celos e empreñaron peor”, explica.
Este ano, a segunda fase do proxecto consiste en realizar unha análise económica, aínda por rematar, para cuantificar o que esas baixadas de produción e eses descensos nos índices reprodutivos supoñen para as explotacións.
Medición do estrés por calor mediante un microchip
Dentro deste proxecto estase a desenvolver tamén un dispositivo electrónico que permite monitorizar a temperatura corporal dos animais mediante a colocación dun microchip, empregando eses datos como sinal de alerta para detectar estrés por calor e tomar medidas (por exemplo conectar os ventiladores).
No proxecto participan, ademais da Facultade de Veterinaria, as empresas Innogando (desenvolvemento do dispositivo) e Consuvet (veterinarios especialistas en xestión técnico-económica das explotacións).
Hai unha variación entre a temperatura ambiental e a temperatura corporal, de maneira que se a temperatura do tenreiro é de 38 grados o microchip recollería 37 grados
“A idea inicial era desenvolver un dispositivo térmico intravaxinal para obter o rexistro da temperatura do animal durante as 24 horas do días para correlacionala coa temperatura ambiental para establecer unha temperatura interna alarma que nos indique que o animal está sufrindo estrés por calor. Xa existen dous dispositivos vaxinais no mercado, pero a longo prazo provocan vaxinitis. Se están máis de 21 días provócanse febres e malestar no animal e existe tamén a dificultade de anclaxe. Canto máis vella é a vaca maiores dificultades de anclaxe hai. Por iso, optouse pola colocación dun microchip na base da orella”, explica Rodrigo.
Entre 28 e 30 graos centígrados de temperatura ambiental na explotación e unha humidade de entre o 55 e o 60% correspóndense cun índice ITH 78, que se correlacionaría con 39 graos no microchip (que se corresponden con 40 graos de temperatura corporal da vaca).
Non temos un estrés permanente durante todo o día, pero en momentos puntuais supérase o ITH 78, sobre todo das 12 do mediodía ás 4 da tarde
“Este ano do 15 de xullo ao 15 de agosto superouse o ITH 78 practicamente todos os días nas explotacións que monitorizamos na Terra Chá. Non temos un estrés permanente pero si momentos puntuais durante o día, por exemplo, das 12 da mañá ás 4 da tarde supérase ese nivel”, detalla.
“Este verán foi un pouco atípico, foi moito peor o verán pasado, e seguramente noutras zonas do interior de Galicia (comarca de Chantada ou do Deza), a situación sería peor e estes problemas agudízanse”, aclara.
Dispoterm: monitorización temperá da recría lactante por medio da temperatura corporal
Os dous proxectos levados a cabo polo grupo Metanimal ao abeiro dos Proxectos Colaborativos e de Transferencia do Campus Terra para medir os efectos do estrés por calor no vacún de leite galego permitiron tamén desenvolver unha nova aplicación para os dispositivos de control da temperatura corporal dos animais.
Dispoterm permite tamén monitorizar a recría tanto en cebadeiros de carne como en granxas de leite, emitindo alertas cando a temperatura dos xatos e xatas chega a niveis críticos para poder anticipar así o tratamento de posibles enfermidades.
O sinal de alarma saltaría cunha temperatura corporal de 40 grados, que sería indicativa dun proceso infeccioso
O sinal de alarma prodúcese a partir de 40 grados. “Esa temperatura corporal do animal indica un proceso infeccioso, que se manifesta normalmente cun pico alto de febre na fase inicial da enfermidade”, explica Rodrigo.
O microchip marca unha temperatura entre un grado e grado e medio por baixo da temperatura real do tenreiro
Hai un desfase de entre un grado e grado e medio entre a temperatura indicada polo microchip e a temperatura real do tenreiro, de maneira que 39 grados do microchip correspóndense con 40 grados do animal. Esa mesma variación hai que tela en conta á hora de determinar situacións de estrés por calor, tendo en conta a correlación entre temperatura ambiental e temperatura corporal, sabendo ademais que a temperatura corporal é sempre inferior polas mañás.
A temperatura corporal da recría en situacións normais ronda os 38 grados e é sempre inferior ás mañas que ás tardes
O custo do microchip sería de 10 euros por animal e habería que colocar a maiores un receptor, que ten un custo máis elevado pero que serviría para todos os xatos que vaian pasando por ese box. A colocación deste lector nos boxes de recría, á altura do bebedeiro, permite rexistrar os datos de temperatura do xato ou xata de xeito automático varias veces ao día.
“Xa hai varios cebadoiros interesados en implementar este sistema, que permite detectar precozmente casos de enfermidades contaxiosas e evitar a súa propagación a outros animais dentro da granxa”, avanza o equipo que desenvolveu este avance tecnolóxico.
A detección precoz evita o contaxio e permite reducir o uso de antibióticos
As enfermidades respiratorias así como os procesos diarreicos son dúas das principais causas de mortandade nas fases de recría de gando vacún en idades temperás, sobre todo nas primeiras semanas de vida dos animais, provocando cuantiosas perdas nas explotacións, tanto polo falecemento dos becerros, que pode situarse en porcentaxes superiores ao 5%, como polas perdas de crecemento dos animais que sobreviven, que moitas veces é necesario tratar con antibióticos.